Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IF303A
Axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (EUROTAXI), vehículos taxi de emisións CERO e vehículos taxi ECO.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Axudas a persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (EUROTAXI), vehículos taxi de emisións CERO e vehículos taxi do tipo ECO.
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de mobilidade competentes.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Mobilidade
Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte
Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995077
Email: axudas.mobilidade@xunta.gal
https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/transporte-de-viaxeiros/axudas-e-subvencions
Prazo de presentación: ABERTO
10/12/2024 00:00 - 14/10/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2025, de acordo coas seguintes previsións:
1. As solicitudes presentadas desde a data de inicio do prazo e durante os dous primeiros meses de presentación de solicitudes serán valoradas dentro de cada liña por orde de entrada, ata o momento do esgotamento do crédito asignado inicialmente a cada unha das liñas, de se producir este antes da finalización do dito prazo.
Se o crédito dispoñible se esgota antes desa data, anunciarase esta circunstancia a través da páxina web da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na epígrafe de Mobilidade, de acordo co establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En tal caso, as solicitudes que se reciban despois do esgotamento do crédito quedarán en reserva e poderán, se é o caso, ser subvencionadas, ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia por parte das persoas beneficiarias, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas, sen prexuízo do disposto na alínea seguinte para o posible crédito sobrante nas outras liñas de axudas establecidas nesta orde.
2. Transcorridos os dous primeiros meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes, o crédito resultante no conxunto das tres liñas unificarase e continuarán valorándose as solicitudes, para calquera das tres liñas, atendendo exclusivamente á orde de entrada, para o cal se deberán ter en conta tanto as solicitudes presentadas dentro do prazo anterior e que non puideron ser atendidas por insuficiencia do crédito inicial para esa liña como aquelas que se presenten posteriormente e ata a finalización do prazo o 14 de outubro de 2025.
Se o novo crédito resultante dispoñible se esgota antes desa data, anunciarase esta circunstancia na mesma forma establecida na alínea anterior e, en tal caso, as solicitudes que se reciban despois do esgotamento do crédito e ata o 14 de outubro de 2025 quedarán en reserva e poderán, se é o caso, ser subvencionadas, ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia por parte das persoas beneficiarias, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas.
Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:
a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.
b) Deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.
c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular a persoa solicitante, agás no suposto de que a mesma persoa interesada acadase a condición de persoa beneficiaria con base en convocatorias anteriores de axudas efectuadas pola Xunta de Galicia desde o ano 2019, este incluído, para a mesma autorización VT-N, segundo os seguintes criterios:
– Os que obtivesen a condición de persoa beneficiaria na liña para taxi cero emisións non a poderán obter a para a mesma liña nin para a liña taxi eco. Do mesmo xeito, os que obtivesen a condición de persoa beneficiaria na liña para taxi eco non a poderán obter para a mesma liña nin para a liña para taxi cero emisións. Non obstante, en ambos os casos, sen prexuízo das obrigas de reintegro que poidan proceder pola subvención outorgada con anterioridade, poderán ser persoas beneficiarias da liña para taxi adaptado (Eurotaxi).
– Os que obtivesen a condición de persoa beneficiaria na liña para taxi adaptado (Eurotaxi) non poderán obter esa condición para ningunha das tres liñas.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.
3. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable, a cal se encontra no cadro de declaracións no anexo de solicitude, referente aos seguintes aspectos:
a) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.
b) Axudas de minimis recibidas durante o período dos tres anos previos, suxeitas ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L).
c) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases, así como das obrigas e dos compromisos que nelas se establecen.
d) Autenticidade dos datos facilitados.
e) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas e realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.
f) Non estar incurso/a en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Autenticidade e coincidencia cos orixinais da documentación anexada coa solicitude, e posta á disposición da Administración dos ditos orixinais en caso de que se lle requira.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
1.1. Para as solicitudes de axudas de taxi adaptado (Eurotaxi).
a) Copia da factura pro forma, que deberá incluír os seguintes datos:
– Data de emisión.
– Identificación do provedor: nome comercial, NIF, enderezo.
– Identificación do comprador: nome comercial, NIF, enderezo.
– Descrición da operación: concepto, orzamento detallado do vehículo que se propón adquirir.
– Base impoñible.
– Cota do IVE.
– Prezo total.
– Tipo de adaptación que se vai realizar no vehículo.
No caso de realizar algún cambio posterior, en relación cos datos que figuran na factura pro forma, será o vehículo finalmente adquirido o que terá que cumprir os requisitos exixidos na orde para poder ter dereito ás axudas.
b) No caso de que o vehículo fose adquirido con antelación á publicación desta orde, poderá achegar simultaneamente coa solicitude unha factura referente á compra do vehículo subvencionado e o xustificante de ter pagado, polo menos, 10.000 euros para esta finalidade, mediante unha ou varias transferencias bancarias, domiciliación bancaria da débeda, cheque bancario nominativo, tarxeta de crédito/débito, pagamento das cotas do préstamo no caso de financiamento da compra ou o método de pagamento electrónico empregado (PayPal, Google Pay, Apple Pay...), sempre que quede constancia do pagamento realizado, dos suxeitos participantes na transacción e da conta de orixe e destino dos fondos. Así mesmo, deberá achegarse un certificado de titularidade da conta bancaria desde a cal se realizou o dito pagamento ou pagamentos, que acredite que a persoa solicitante é titular dela. Non será necesario achegar este certificado no caso de que a dita conta coincida coa conta designada no documento de solicitude (anexo I) para o aboamento da axuda.
c) No caso de actuar por medio de representante, debe achegarse a documentación acreditativa da representación.
1.2. Para as solicitudes de axudas de taxi de cero emisións e eco:
a) Copia da factura pro forma e orzamento detallado do vehículo que se propón adquirir.
– Data de emisión.
– Identificación do provedor: nome comercial, NIF, enderezo.
– Identificación do destinatario: nome comercial, NIF, enderezo.
– Descrición da operación: concepto, orzamento detallado do vehículo que se propón adquirir.
– Base impoñible.
– Cota do IVE.
– Prezo total.
No caso de realizar algún cambio posterior en relación cos datos que figuran na factura pro forma, será o vehículo finalmente adquirido o que terá que cumprir os requisitos exixidos na orde para poder ter dereito ás axudas.
b) No caso de que o vehículo fose adquirido con antelación á publicación desta orde, poderá achegar simultaneamente coa solicitude unha factura referente á compra do vehículo subvencionado e o xustificante de ter pagado, polo menos, 4.000 euros para esta finalidade, no caso de vehículos de cero emisións, e 1.000 euros para esta finalidade, no caso de vehículos eco, mediante unha ou varias transferencias bancarias, domiciliación bancaria da débeda, cheque bancario nominativo, tarxeta de crédito/débito, pagamento das cotas do préstamo no caso de financiamento da compra ou o método de pagamento electrónico empregado (Paypal, Google Pay, Apple Pay...), sempre que quede constancia do pagamento realizado, dos suxeitos participantes na transacción e da conta de orixe e destino dos fondos. Así mesmo, deberá achegarse un certificado de titularidade da conta bancaria desde a cal se realizou o dito pagamento ou pagamentos, que acredite que a persoa solicitante é titular dela. Non será necesario achegar este certificado no caso de que a dita conta coincida coa conta designada no documento de solicitude (anexo I) para o aboamento da axuda.
Neste caso, para os efectos de acreditar a correspondente categoría de clasificación do vehículo, presentarase tamén algún dos seguintes documentos, con carácter alternativo:
– Copia do distintivo oficial da Dirección Xeral de Tráfico, onde figure a clasificación do vehículo en función da súa eficiencia enerxética tendo en conta o impacto ambiental.
– Certificación expedida por concesionario oficial, acreditativa da clasificación do vehículo en función da súa eficiencia enerxética tendo en conta o impacto ambiental.
c) No caso de actuar por medio de representante, debe achegarse a documentación acreditativa da representación.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/axuda/necesita-axuda/axuda-tecnica/requisitos).
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.
c) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.
e) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
h) Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación desta solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de Solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 22 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2025 (DOG nº 236 do 9 de decembro de 2024).
-
Extracto da Orde do 22 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2025 (DOG nº 236 do 9 de decembro de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade, así como os cambios de uso, na zona de dominio público viario e/ou nas zonas de protección das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto accesos.
Aberto todo o ano
Autorización de novo acceso, cambio de uso ou reordenación dun acceso existente na rede de titularidade da Comunidade Autonóma de Galicia.
Aberto todo o ano
Prórroga de transporte regular temporal a praias.
Aberto todo o ano
Certificación para matriculación e expedición de permiso de circulación ou cambio de titularidade.
Aberto todo o ano