Guía de procedementos e servizos

VI426F

Programa Fogar Vivo

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 18/07/2025 09:00 - 30/10/2025 14:00

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Establecer axudas ás persoas ou entidades propietarias e usufrutuarias de vivendas coa finalidade de incentivar que as incorporen ao mercado de alugamento a través dunha renda accesible.

O Programa establece as seguintes axudas:

a) Unha axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impago de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar.

b) Unha axuda para a adecuación e reparación da vivenda.

c) Unha axuda vinculada á obtención da axuda para adecuación e reparación (en diante, axuda vinculada), para o caso de que a vivenda se alugue a menores de 36 anos ou con fillo/as menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo con algún grado de discapacidade recoñecida.

a) As persoas físicas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas.

b) As persoas xurídicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas, incluíndo as empresas privadas que teñan no seu obxecto social a promoción de vivendas de nova construción ou procedentes da rehabilitación.

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Area central . Poligono de Fontiñas

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881 999 016/ 981 541 982

Email: tramites-fomento.igvs@xunta.gal

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

18/07/2025 09:00 - 30/10/2025 14:00

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles da publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.

O prazo rematará o día 30 de outubro de 2025 e, en todo caso, ao esgotarse a partida orzamentaria contida nesta convocatoria, o cal será comunicado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que será publicada no DOG.

2. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 30 de outubro de 2025. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

Requisitos das vivendas:

a) Estar situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ser de titularidade privada e non estar suxeitas a ningún réxime de protección pública.

c) Reunir as condicións adecuadas de habitabilidade e mantemento no momento de ofrecerse en alugamento.

d) Estar vinculada o Programa durante un período mínimo de cinco ou sete anos, en función de que a persoa propietaria ou usufrutuaria sexa unha persoa física ou xurídica.

e) Non ter sido arrendadas durante os tres meses inmediatamente anteriores á presentación da solicitude da/s axuda/s. Poderá exceptuarse este requisito para as vivendas incorporadas na sección II, no caso de que por imperiosa necesidade de emerxencia social, segundo o informe do servizos municipais, a vivenda xa estivera adxudicada a/s persoa/s arrendataria/s.

f) Non estar afectada por algunha circunstancia xurídica que impida o seu alugamento.

Requisitos dos contratos:

a) Que se sometan á lexislación de arrendamentos urbanos para uso de vivenda habitual e permanente durante todo o tempo do contrato.

b) Que a/s persoa/s arrendataria/s non teña/n vínculo de parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo coa persoa arrendadora. Este mesmo criterio aplicarase á relación entre a persoa/s arrendadora/s e a persoa/s arrendataria/s, cando a primeira sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios/as ou partícipes.

c) Ter unha renda mensual durante o primeiro ano de alugamento que non supere os importes que figuran no cadro anexo, en función do concello en que estea situada. (1)

Para vivendas xestionadas polos concellos colaboradores se exixe ademais:

a) Que as súas unidades de convivencia teñan uns ingresos comprendidos entre 0,7 e 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples e que a renda da vivenda que se vaia a arrendar non sexa superior ao trinta por cento dos ingresos da súa unidade de convivencia.

- Excepción: supostos nos que no expediente do concello relativo á contratación da vivenda quede acreditado que a unidade de convivencia da persoa arrendataria percibe uns ingresos que lles permitan facer fronte ás obrigas económicas que deriven do contrato de alugamento.

b) Atoparse nunha situación persoal e/ou familiar que, segundo o informe dos servizos sociais do concello, supoña unha dificultade para acceder a unha vivenda de alugamento.

Supostos nos que se pode solicitar:

a) A axuda para seguros: poderá solicitarse se a vivenda conta cun contrato de alugamento formalizado en data posterior á publicación da correspondente convocatoria de axudas.

b) A axuda para a adecuación e reparación da vivenda poderá solicitarse nos seguintes supostos:

- Nas actuacións finalizadas na data da publicación da correspondente convocatoria de axudas será necesario que estean realizadas dentro do período previsto na resolución de convocatoria e que conten cun contrato de alugamento formalizado para a dita vivenda en data posterior ao da súa publicación.

- No caso de actuacións non iniciadas na data de publicación da correspondente convocatoria ou que se atopen en execución nesa data, será necesario que a axuda se solicite dentro dos prazos establecidos na correspondente resolución de convocatoria.

c) A axuda vinculada poderá solicitarse xunto coa axuda para a adecuación e reparación da vivenda ou con posterioridade, sempre que o contrato de alugamento estea formalizado unha vez publicada a correspondente convocatoria.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica mediante a presentación do formulario anexo I e deberán dirixirse ao IGVS (código de procedemento VI426F).

2. A presentación electrónica da solicitude será obrigatoria cando a persoa propietaria ou usufrutuaria da vivenda ou a persoa representante sexa unha persoa xurídica.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (Anexo I) a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante.

b) Escritura pública, certificado, nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade da propiedade ou do usufruto do inmoble, no caso de que a persoa ou entidade solicitante non conste como titular catastral.

c) Anexo II, de declaración responsable e comprobación de datos das demais persoas ou entidades copropietarias ou usufrutuarias da vivenda, de ser o caso. Neste suposto deben figurar todas ata completar o 100% da propiedade ou usufruto.

d) Para o caso de solicitar as axudas para Seguros:

- Contrato de alugamento asinado polas partes.

- Pólizas de seguros contratadas para amparar os riscos derivados do citado contrato.

- Xustificantes do pagamento realizado, mediante transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento das pólizas dos seguros.

e) Para o caso de solicitar axudas para adecuación e reparación das vivendas, no caso de que as obras xa estiveran finalizadas na data de presentación da solicitude:

- Contrato de alugamento asinado polas partes.

- Memoria explicativa das obras e actuacións realizadas na vivenda.

- Memoria económica xustificativa do custo das actuacións, realizadas coa relación clasificada dos gastos.

- Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación da persoa acredora, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Non se aboarán as facturas correspondentes as actuacións executadas con anterioridade a cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión.

- Fotografías que mostren as obras realizadas.

- Licenza municipal ou comunicación previa ao concello, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas. A comunicación previa ao concello deberá vir acompañada dunha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda, no suposto de ter transcorridos máis de quince días hábiles, contados desde a data da súa presentación.

f) Para o caso de solicitar axudas para adecuación e reparación das vivendas, no suposto de que as obras non estiveran iniciadas ou se atopen en execución na data de presentación da solicitude:

- Memoria descritiva das actuacións subvencionables para a adecuación e reparación das vivendas con indicación, neste último caso, do orzamento e do prazo previsto de realización das actuacións.

- Licenza municipal ou comunicación previa ao concello, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas. A comunicación previa ao concello deberá vir acompañada dunha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda, no suposto de ter transcorridos máis de quince días hábiles, contados desde a data da súa presentación.

g) Para o caso de solicitar as axudas vinculadas:

- Contrato de alugamento asinado polas partes.

- Memoria explicativa das obras e adecuacións realizadas na vivenda.

- Anexo III de comprobación de datos das persoas arrendatarias da vivenda e dos membros que integran a unidade de convivencia.

-Certificado de discapacidade dalgún membro que integran a unidade de convivencia do contrato de alugamento, de ser o caso e para o suposto de non ser expedido pola Xunta de Galicia.

h) Certificación do concello que acredite que no expediente correspondente se compren todos os requisitos do Programa, para o caso das vivendas da sección II.

Tramites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas ou entidades interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente accedendo á Carpeta cidadá da persoa ou entidade interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a/s persoa/s interesada/s se opoña/n á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro/a (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias da vivenda.

b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante e, de ser o caso, das demais entidades propietarias ou usufrutuarias da vivenda.

c) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.

d) NIF da entidade representante, de ser o caso.

e) Certificados da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativos do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das demais persoas ou entidades propietarias ou usufrutuarias da vivenda.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, onde conste que a/s persoa/s ou entidade/s solicitante/s teñen en propiedade e/ou en usufruto a vivenda.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa ou entidade interesada solicite a axuda vinculada e lle sexa de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) DNI ou, de ser o caso, NIE da/s persoa/s arrendataria/s das vivendas e, se é o caso dos menores ou das persoas dependentes ao seu cargo con algún grao de discapacidade recoñecida.

b) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia, no suposto de unidades de convivencia con persoas dependentes ao seu cargo con algún grao de discapacidade recoñecida.

3. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan á consulta, deberá indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 3 de xullo de 2025 pola que se regula o programa Fogar Vivo e se establecen as bases reguladoras das súas axudas (código de procedemento VI426F), se regula o procedemento para obter a condición de concello colaborador (código procedemento VI426G), se establece o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para alugamento e se procede á convocatoria das axudas do programa Fogar Vivo para o ano 2025, con financiamento plurianual (DOG nº 131 do 10 de xullo de 2025).

    • Extracto da Resolución do 3 de xullo de 2025 pola que se regula o programa Fogar Vivo e se establecen as bases reguladoras das súas axudas (código de procedemento VI426F), se regula o procedemento para obter a condición de concello colaborador (código procedemento VI426G), se establece o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para alugamento e se procede á convocatoria das axudas do programa Fogar Vivo para o ano 2025, con financiamento plurianual (DOG nº 131 do 10 de xullo de 2025).

    • Resolución do 1 de outubro de 2025 pola que se amplía a dotación orzamentaria das axudas para a adecuación e a reparación das vivendas da Resolución do 3 de xullo de 2025, pola que se regula o programa Fogar Vivo e se establecen as bases reguladoras das súas axudas (código de procedemento VI426F), se regula o procedemento para obter a condición de concello colaborador (código de procedemento VI426G), se establece o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para alugamento e se procede á convocatoria das axudas do programa Fogar Vivo para o ano 2025, con financiamento plurianual (DOG nº 197 do 13 de outubro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN413C

Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

IN413D

Inscrición/modificación do certificado de edificios existentes no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

VI409B

Cambio de réxime de alugamento a compravenda e de compravenda a alugamento de vivendas protexidas de promoción pública.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

VI409C

Autorización de amortización anticipada total de vivenda protexida de promoción pública.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano