Modelos xenéricos para trámites distintos da solicitude
A sede electrónica da Xunta de Galicia ofrece un conxunto de modelos xenéricos que os interesados poden utilizar para anexar ás súas solicitudes ou para realizar as xestións máis habituais durante a tramitación administrativa. Estes modelos son comúns para os distintos procedementos e poderán empregarse sempre que a normativa reguladora do procedemento concreto para o que se vaian utilizar non estableza outros modelos específicos.
Os modelos xenéricos poderán utilizarse para realizar trámites electrónicos nun expediente existente na sede electrónica. Acceda a "A miña sede", localice o expediente administrativo e seleccione en "Accións" o modelo normalizado que quere usar.
Ademais, os modelos xenéricos poderán descargarse para anexalos a unha solicitude ou para realizar trámites sobre outros expedientes e presentalos electrónica ou presencialmente segundo a normativa reguladora do procedemento do que se trate. Na cabeceira do formulario deberá indicarse, no seu caso, o procedemento para o que se está a realizar o trámite.
Modelos xenéricos
- Representación. Pode empregalo para designar a un representante para a tramitación dun procedemento. Este modelo é unicamente válido cando o/a outorgante é unha persoa física. No caso de que o/a outorgante sexa unha persoa xurídica, deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.
- Pluralidade de persoas solicitantes. Pode empregalo para indicar que unha solicitude recolle as pretensións correspondentes a unha pluralidade de persoas.
- Achega de documentación separada da solicitude. Pode empregalo para anexar os elementos que consideren convenientes para precisar ou completar os datos do modelo de solicitude.
- Modificación ou mellora voluntaria da solicitude. Pode empregalo para responder a un requirimento para modificar ou mellorar voluntariamente a solicitude.
- Emenda da solicitude. Pode empregalo para responder a un requirimento para emendar a falta de información ou de documentos nunha solicitude.
- Ampliación do prazo de requirimento de emenda. Pode empregalo para solicitar a ampliación do prazo para responder a un requirimento de emenda cando a achega dos documentos requiridos presente dificultades especiais.
- Modificación dos datos de notificación. Pode empregalo para solicitar a modificación do medio de notificación preferente ou dos datos aos efectos de notificacións que figuren nun expediente.
- Achega de documentación xustificativa. Pode empregalo para achegar a documentación xustificativa dunha axuda ou subvención. No caso de que a convocatoria da axuda ou subvención concreta estableza un modelo específico de xustificación, ese modelo constará na guía de procedementos e servizos e deberá substituír a este modelo xenérico ou utilizarse de xeito complementario.
- Alegacións. Pode empregalo para formular alegacións nun procedemento.
- Renuncia. Pode empregalo para desistir dunha solicitude ou, cando isto non estea prohibido polo ordenamento xurídico, renunciar a dereitos.
- Recurso de reposición. Pode empregalo para interpor un recurso de reposición.
- Recurso de alzada. Pode empregalo para interpor un recurso de alzada.