Guía de procedementos e servizos

TU986B

Subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 07/09/2026 09:00 - 07/12/2026 20:00

Presidencia da Xunta de Galicia

Sobre o procedemento

Fomentar a eficiencia enerxética e a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro no sector turístico.

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas que teñan a condición de peme que sexan titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

2. Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

3. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) que proxecten levar a cabo un proxecto localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases.

4. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa ou entidade solicitante.

b) As empresas que se atopen en situación de crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014). A acreditación deste requisito realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar para estes efectos a Axencia de Turismo de Galicia.

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000,00 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, para os efectos de presentación de conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

f) As demais actividades recollidas no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión, entre as que se atopan os investimentos relacionados coa combustión de combustibles fósiles.

6. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 24 destas bases.

7. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

8. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa beneficiaria da subvención, por cambio na titularidade do establecemento, terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, subrogándose o/a novo/a titular na posición xurídica da persoa beneficiaria da subvención e nas obrigas dimanantes desta.

Xunta de Galicia

Presidencia da Xunta de Galicia

Axencia Turismo de Galicia

Dirección de Competitividade

Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial

A Barcia. Estrada Santiago-Noia, km 3

15896  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981 546 371/ 981 546 360

Email: fomento.turismo@xunta.gal

Axencia Turismo de Galicia
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

07/09/2026 09:00 - 07/12/2026 20:00

O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses e iniciarase ás 9.00 horas do quinto día hábil seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.



O prazo finalizará ás 20.00 horas do día en que se cumpran tres meses desde a data de inicio do prazo, excepto cando se produza o esgotamento do crédito. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.


Solicitudes

1. As solicitudes (anexo II) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 14 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos, se algunha das entidades solicitantes presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo II:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos

b) Escritura pública, certificado ou nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade do inmoble. No caso de que o/a solicitante da actuación non sexa o/a propietario/a, deberase achegar adicionalmente a documentación ou contrato que acredite a facultade expresa para poder executar as obras correspondentes á actuación obxecto de axuda (contrato de arrendamento, de explotación, etc.).

c) Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa, empresa en crise, así como do cumprimento da capacidade e sostibilidade financeira, deberase achegar ademais:

• Contas anuais da empresa solicitante e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ser depositadas no rexistro correspondente.

• Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

• Balance actualizado da empresa solicitante e das empresas asociadas ou vinculadas.

d) Memoria técnica da actuación, segundo o modelo dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, subscrita por unha persoa técnica titulada competente. A documentación mínima desta memoria será a descrición da actuación que se vai realizar e das características dos materiais e equipamentos, xustificación do cumprimento dos requisitos, orzamento desagregado e planos que definan completamente a actuación.

e) Certificado da eficiencia enerxética de partida do edificio, inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE), e o que se prevé alcanzar coas melloras propostas e coas actuacións específicas para as que se solicita a axuda, segundo o Real decreto 390/2021, do 1 de xuño, asinados por un/unha técnico/a competente. Con estes certificados achegaranse os arquivos dixitais xerados polo programa utilizado para a súa elaboración. O certificado enerxético do edificio mellorado e o certificado do edificio actual deben achegarse elaborados coa mesma versión e programa recoñecido de certificación, de xeito que os datos sexan comparables. O certificado mellorado incluirá todas as actuacións incluídas na solicitude de axuda.

f) Orzamento/s da empresa ou empresas que realizarán a execución das actuacións, suficientemente desagregado/s.

No caso de que o importe correspondente aos custos elixibles da actuación supere a contía de 40.000,00 euros para obras e/ou 15.000,00 euros en servizos ou subministracións, presentaranse tres orzamentos, de conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Os orzamentos deberán referirse a actuacións análogas e ser comparables entre si.

g) Reportaxe fotográfica, preferentemente en cor, do estado actual da edificación en que se van levar a cabo as actuacións subvencionables e/ou dos equipamentos e sistemas sobre os que se vai actuar. No caso de substitución de equipamentos, fotografías dos equipamentos que se van substituír, incluídas imaxes lexibles das placas de características.

h) Anexo VII de declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», segundo o establecido no artigo 7.

Para cada unha das tipoloxías, ademais de todo o anterior, deberá presentar:

A.1. Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica.

a) Todos os valores de transmitancia utilizados polo/a técnico/a competente na elaboración dos certificados de eficiencia do edificio que non sexan «por defecto», deberán estar xustificados da forma seguinte: se o valor seleccionado é «estimado» ou «coñecido», deberá achegar a composición do cerramento. Se o valor seleccionado é «coñecido» e o material utilizado non está na base de datos do programa informático de cualificación da eficiencia enerxética utilizado, deberá achegar o documento de idoneidade técnica europeo (DITE) ou ficha técnica do material utilizado. Deberase achegar sempre, no caso de vidros e cerramentos, a marcación CE ou ficha técnica da carpintaría e dos vidros, onde figuren as características térmicas destes. Os valores das características térmicas de materiais, carpintarías e vidros deben ser coherentes cos utilizados na elaboración dos certificados enerxéticos.

b) Os orzamentos presentados deberán detallar as solucións construtivas orzadas, que deberán coincidir coas descritas na memoria e nos certificados enerxéticos.

A.2. Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.

a) A memoria técnica incluirá un inventario dos equipamentos actuais, indicando tipoloxía, potencia e período de uso e elementos de control existentes, así como a listaxe dos futuros equipamentos, coas súas características e planos coa súa distribución.

b) Ficha técnica dos principais equipamentos proxectados (luminarias, sensores, etc.).

B.1. Substitución de enerxía convencional por enerxía solar térmica.

a) Ficha técnica dos principais equipamentos proxectados (colector solar, acumulación, etc.).

b) A memoria técnica deberá incluír un estudo de produción de enerxía térmica, e os seus resultados deberán ser coherentes cos utilizados no cálculo do certificado enerxético do estado final.

B.2. Substitución de enerxía convencional por enerxía xeotérmica.

a) Documentos que xustifiquen os rendementos do equipamento xerador, como por exemplo:

– Ficha técnica ou etiqueta enerxética da bomba de calor onde aparezan os rendementos medios estacionais.

– Certificado Eurovent ou similar.

– Informe subscrito polo/a técnico/a competente. Para este informe poderá usarse o documento recoñecido do RITE: prestacións medias estacionais das bombas de calor para produción de calor en edificios.

b) Os valores de rendemento enerxéticos xustificados deberán ser coherentes cos utilizados nos certificados enerxéticos.

B.3. Substitución de enerxía convencional por biomasa nas instalacións térmicas.

a) Ficha técnica do equipamento xerador proxectado, que recolla o seu rendemento enerxético.

b) Declaración de que todos os combustibles que se van utilizar teñen un valor por defecto de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro do 80 % ou superior, segundo os indicados para produción de calor establecidos no anexo VI da Directiva 2018/2001/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, tendo en conta o sistema de produción e resto de condicións que determinan o devandito valor por defecto, indicando a descrición do combustible ou dos combustibles e o valor ou os valores por defecto. No caso de que algún dos combustibles que se van utilizar non cumpra co requisito anterior, achegarase unha memoria asinada por un/unha técnico/a competente independente onde, para as condicións previstas para o proxecto e de acordo coa metodoloxía do citado anexo VI, se xustifique que para o devandito combustible a redución de gases de efecto invernadoiro é igual ou superior ao 80 %.

c) Información sobre o combustible que se vai utilizar segundo a norma UNE-EN-ISO 17225, a norma UNE 164003 ou a norma UNE 164004.

d) Acreditación por parte do fabricante do equipamento do cumprimento dos requisitos de eficiencia enerxética estacional e emisións para o combustible que se vaia utilizar, que non poderán ser menos exixentes que os definidos no Regulamento de ecodeseño en vigor (segundo corresponda, Regulamento (UE) nº 2015/1185 da Comisión ou Regulamento (UE) nº 2015/1189 da Comisión).

B.4. Substitución de enerxía convencional por sistemas de aerotermia ou hidrotermia.

a) Documentos que xustifiquen os rendementos do equipamento xerador, como por exemplo:

– Ficha técnica ou etiqueta enerxética dos equipamentos proxectados, en que se poidan consultar os valores de rendemento enerxético declarados polo fabricante, onde aparezan os rendementos medios estacionais.

– Certificado Eurovent ou similar.

– No caso das bombas de calor: informe subscrito polo/a técnico/a competente. Para este informe poderá usarse o documento recoñecido do RITE: prestacións medias estacionais das bombas de calor para produción de calor en edificios.

b) Ficha técnica do equipamento no que se recolla a súa potencia ou capacidade calorífica en condicións nominais de ensaio segundo UNE-EN 14511 ou equivalente.

B.5. Instalacións fotovoltaicas para autoconsumo.

a) Fotografías aéreas da localización do campo captador proxectado.

b) Ficha técnica dos principais equipamentos proxectados (panel solar, inversores, baterías, equipamento de monitorización e control, etc.).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, esta deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de mediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presentase a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a corrección.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitarlles, de maneira motivada, que presenten unha copia autenticada electrónica.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.

f) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

g) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.

h) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

i) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

j) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

k) Consulta de titulares reais ao Rexistro Central de Titularidades Reais (RCTIR), en aplicación do disposto no artigo 69.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC) do Parlamento Europeo e do Consello. Consultada neste rexistro a condición do titular real, de non obterse resultado, consultarase a persoa responsable da entidade beneficiaria, quen deberá facilitar o dato do titular real, se non o fai perderá o dereito ao cobramento da axuda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á súa Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 10 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, e se anuncia a súa convocatoria con carácter plurianual (2026-2027) (DOG nº 164 do 31 de agosto de 2026).

    • Extracto da Resolución do 10 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, e se anuncia a súa convocatoria con carácter plurianual (2026-2027) (DOG nº 164 do 31 de agosto de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA002A

Subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo.

Aberto todo o ano

IF504B

Autoprestación do servizo ó pasaxe, que comprende o embarque e desembarque de pasaxeiros e pasaxeiras, así como a carga e descarga de equipaxes e vehículos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR303A

Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano