Guía de procedementos e servizos

TR302D

Bonos Talento Empresa.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 02/06/2026 09:00 - 03/08/2026 20:00

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

Concesión dos bonos talento empresa destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.

1. Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas, segundo as definicións do artigo 3 desta orde, validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, desde tres (3) anos antes da data de publicación desta convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a cal solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento de presentación da solicitude de axuda.

Non poderán ser beneficiarias dos Bonos Talento empresa as empresas en crise segundo as definicións do artigo 3 desta orde, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración realizará as comprobacións necesarias para verificar se as entidades beneficiarias teñen a condición de microempresa, pequena, mediana ou grande empresa e, de ser o caso, que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar unha empresa en crise.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres (3) anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria.

Non poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas en situación de autoemprego societarias, en calquera das súas formas. Así mesmo, quedan excluídas desta orde as persoas traballadoras autónomas colaboradoras e familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

3. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, as entidades de formación, así como as entidades sen ánimo de lucro. Así mesmo, non poderán ser beneficiarias as persoas socias de sociedades mercantís ou sociedades laborais.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego

Edificios Admvos. San Lázaro, s/n

15702  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981 546 854

Email: sx.cualificacions.emprego@xunta.gal

https://conselleriaemprego.xunta.gal/formacion/bonos-talento-empresa

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

02/06/2026 09:00 - 03/08/2026 20:00

1. O prazo de presentación das solicitudes será de dous (2) meses, que comezará ás 9.00 horas do sétimo día hábil posterior ao día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e rematará ás 20.00 horas do último día.Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. O esgotamento de crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia, producirá a imposibilidade de continuar outorgando subvencións ao abeiro desta e constituirá motivación suficiente para a denegación do resto de subvencións non concedidas.

Para obter a condición de beneficiaria destas subvencións requirirase:

a) Asumir a totalidade de dereitos e obrigas inherentes a tal condición, derivada da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) Cumprir co estipulado nestas bases reguladoras.

c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Non ter débedas por reintegro de axudas ou préstamos coa Administración, ou estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Esta obriga de presentación electrónica mantense durante toda a tramitación do expediente.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de persoa usuaria e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios soamente terán validez se están debidamente asinados pola persoa que exerce a representación legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude da axuda (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II (memoria proxecto formativo).

b) Anexo III (ficha de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas).

c) Anexo IV, declaración da condición de peme: mediana, pequena empresa ou microempresa, para efectos de calcular a porcentaxe de intensidade máxima (50, 60 ou 70 %) do gasto subvencionable, en función do tamaño da empresa, segundo o indicado no artigo 11.2. Deberán cubrir este anexo IV todas as entidades solicitantes, independentemente de se son empresas ou autónomos/as. Non é necesario que o cubran as grandes empresas, ás cales se lles aplicará a intensidade do 50 %.

d) Unicamente no caso de ser pemes vinculadas ou asociadas ou participadas, segundo as definicións recollidas nos artigos 3.4 e 3.5 desta orde, de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, deberanse achegar, ademais do anexo IV:

Os anexos IV-A: declaración da condición de peme-empresa asociada e IV-A.1: declaración da condición de peme-ficha de asociación, no caso de empresas asociadas, e/ou

Os anexos IV-B: declaración da condición de peme-empresa vinculada e IV-B.1: declaración da condición de peme-ficha de vinculación, no caso de empresas vinculadas.

• Tamén se deberá achegar, en ambos os casos, como documentación complementaria, para cada unha das empresas vinculadas e/ou asociadas, a documentación da alínea g) deste artigo.

e) Cando se actúe mediante representación, documento público acreditativo do poder con que actúa a persoa representante da entidade solicitante (escrituras, poder coa suficiencia verificada, entre outros).

f) No caso das entidades que estean obrigadas á inscrición no Rexistro Mercantil ou en calquera outro rexistro público, nota simple ou certificación do Rexistro Mercantil actualizadas, na cal se especifiquen a data de constitución o obxecto social, sede social, clasificación CNAE e administrador/es da sociedade (nome e apelidos ou razón social). No suposto de que sexan empresas que non están obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou en calquera outro rexistro público ou que non teñan o domicilio social en Galicia, deberán presentar documentación acreditativa da constitución, na cal se especifique a data en que se produciu esta. No caso de persoas traballadoras autónomas, informe de vida laboral actualizado.

g) Declaración completa do último exercicio fiscal pechado do imposto de sociedades (modelo 200), do imposto da renda das persoas físicas (modelo 100) ou da declaración informativa (modelo 184), segundo corresponda pola forma xurídica da entidade solicitante.

h) Informe de traballadores/as en alta (ITA) emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data de solicitude da axuda.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou estes documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego poderá requirirlle á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente, con carácter previo á concesión, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que á persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

i) Comprobación de subvencións e as axudas públicas concedidas.

j) Imposto de actividades económicas (IAE).

k) DNI ou NIE da persoa participante na acción formativa.

l) Consulta da vida laboral da persoa participante na acción formativa.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás empresas ou ás persoas traballadoras autónomas que presenten os documentos correspondentes.

4. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, conforme o artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dean como resultado que a persoa beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha das administracións, será requirida para que, no prazo de dez (10) días, regularice a situación e presente o correspondente certificado.

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deberán realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 8 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2026-2027 (DOG nº 94 do 22 de Maio de 2026).

    • Extracto da Orde do 8 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2026-2027 (DOG nº 94 do 22 de Maio de 2026).

    • Corrección de erros. Orde do 8 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2026-2027 (DOG nº 101 do 02 de xuño de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 26/01/2026 09:00 - 30/09/2026 14:00

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE621F

Curso para a expedición da certificación profesional para extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano