Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SI431A
Subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Política Social e Igualdade
A concesión de subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.
As entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero
Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero
Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas
San Lázaro s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981 957 613/ 981 957 784
Fax: 981 957 690
Email: vx.igualdade@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
04/02/2026 00:00 - 03/03/2026 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións previstas nesta convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Carecer de ánimo de lucro.
c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións.
2. Todos os requisitos exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos proxectos subvencionados.
Solicitudes
1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (procedemento SI431A anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria
1. Para a liña 1 de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia, a solicitude da subvención deberá presentarse no modelo que figura como anexo I, debidamente cuberto e asinado pola persoa que ostenta a representación da entidade solicitante, xunto coa seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.
b) Anexo II. Liña 1: memoria do proxecto, que deberá conter, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo. De ser necesario, xuntarase unha memoria complementaria, que non supere os 6 folios.
c) Anexo III: ficha individualizada de cada profesional que desenvolva ou vaia desenvolver servizos, actuacións ou actividades no proxecto, asinada por esta e pola persoa responsable da entidade.
No caso de que a entidade resulte beneficiaria da subvención, e durante o desenvolvemento do proxecto se incorporen profesionais non previstos/as na solicitude, deberán remitir esta ficha individualizada do/da profesional no momento en que se produza a citada incorporación.
d) Acreditación documental suficiente da experiencia da entidade na realización e desenvolvemento de proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 16.1.2.a).
e) Acreditación da colaboración da entidade con calquera Administración pública no desenvolvemento de proxectos de atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 16.1.2.b), de acordo co modelo 1 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
f) Acreditación da integración da entidade nalgunha estrutura ou organización relacionada co apoio ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 16.1.4), de acordo co modelo 1 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
g) Acreditación da coordinación e cooperación da entidade con servizos sociais comunitarios, entidades ou axentes sociais e/ou coa Rede galega de acollemento para vítimas de violencia de xénero, no desenvolvemento de actuacións con persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 16.1.5), de acordo co modelo 1 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.
b) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro/a da persoa representante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
g) Concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Certificación do gasto subvencionable (Anexo VII)
- Folla individualizada de seguimento de cada unha das persoas participantes
- Memoria Xustificativa final de Actuacións
- Solicitude de Pagamento (Anexo VI)
- Ficha individualizada da persoa profesional (Anexo III) (Fase de Xustificación)
- Certificación do número total de persoas atendidas xunto cunha relación desas persoas
- Follas mensuais das horas efectivamente traballadas
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 9 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e de proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 22 do 3 de febreiro de 2026).
-
Extracto da Orde do 9 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e de proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 22 do 3 de febreiro de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano