Guía de procedementos e servizos

PR803D

Axudas aos axentes de cooperación para execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 06/02/2026 00:00 - 05/03/2026 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Sobre o procedemento

A concesión de subvencións para a realización de proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior a executar polas entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, ben individualmente o mediante unha agrupación de entidades

  • - Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.

  • - As universidades do Sistema universitario galego e as súas entidades dependentes e centros de investigación públicos.

  • - As cooperativas, empresas e asociacións empresariais.

  • - As organizacións sindicais.

  • - Comunidades galegas no exterior.

  • - Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

– Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.

– As universidades do Sistema universitario galego e as súas entidades dependentes e centros de investigación públicos.

– As cooperativas, empresas e asociacións empresariais.

– As organizacións sindicais.

– Comunidades galegas no exterior.

– Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

Non se considerará agrupación de entidades a aquela que estea formada por unha asociación ou federación á cal pertenza a devandita entidade, ou aquela en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do proxecto, ben con cargo á subvención ou ben con achegas propias.

Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a acción humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea

Subdirección Xeral de Cooperación Exterior

Hórreo 61 2º andar

15701  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981 541015

Fax: 981 541003

Email: cooperacion.exterior@xunta.gal

https://cooperacion.xunta.gal/

Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

06/02/2026 00:00 - 05/03/2026 23:59

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran os requisitos seguintes:

1. Requisitos das entidades.

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación á data de publicación da convocatoria. As comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro de Centros e Comunidades Galegas dependente da Secretaría Xeral da Emigración e as universidades quedan exentas de cumprir este requisito.

b) Ter correctamente xustificadas as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de cooperación para o desenvolvemento para a anualidade 2022 e anteriores antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, agás no caso de ter concedida a oportuna ampliación do prazo de xustificación. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, recaese unha resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non estar incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin nos previstos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. En particular, en aplicación do artigo 13.bis desta última, no caso das subvencións de importe superior a 30.000 euros, non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

d) No caso das universidades, deberán formar parte do Sistema universitario de Galicia segundo a Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, ou ser unha das súas entidades dependentes e centros de investigación públicos que realicen actividades que poidan ser obxecto das axudas reguladas nestas bases.

e) No caso de presentar a solicitude de subvención para proxectos de apoio a organizacións feministas e de defensa dos dereitos das mulleres, amais do contido do proxecto, a entidade solicitante deberá contar con experiencia na execución de proxectos de xénero e/ou en apoio ao movemento feminista e de mulleres, previa á data de publicación desta convocatoria.

Ademais do anterior, deberán presentar como contraparte ou socio local a unha entidade que cumpra cos seguintes requisitos:

– Que recolla nos seus estatutos como a súa misión principal a promoción dos dereitos das mulleres e/ou das nenas. Tal condición deberá estar acreditada a través dos seus estatutos. Na súa falta e de xeito excepcional, poderá acreditarse mediante unha declaración asinada polo representante legal da entidade.

– Que se constituíra legalmente dous anos antes da data de publicación desta convocatoria.

– Que conte con experiencia na execución de, como mínimo, catro proxectos en defensa dos dereitos das mulleres antes da data de publicación desta convocatoria. Esta circunstancia deberá estar acreditada mediante un listado asinado polo representante legal conforme o anexo VIII, xunto cos documentos de concesión correspondentes.

2. Requisitos xerais de todos os proxectos.

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2026, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2026. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, os proxectos deberán executarse antes do 31 de decembro do ano en que se conceda a subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, os proxectos deberán executarse antes do 31 de decembro do ano seguinte ao da concesión da subvención.

b) Que se identifiquen as contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos e que conste expresamente o seu compromiso no proxecto.

En atención ao principio de localización, estas contrapartes deberán estar constituídas e/ou fundadas orixinariamente no país de execución do proxecto solicitado. Tamén poderán considerarse contrapartes os medios propios dos que dispoña o solicitante da axuda no país de intervención.

Ademais, as contrapartes ou socios locais deben estar legalmente constituídos e inscritos no rexistro correspondente no país de intervención, de existir este, con anterioridade á publicación desta convocatoria.

c) Que as accións non teñan como obxectivo a substitución do Estado na prestación de servizos públicos de saúde, a educación regulada ou a investigación oficial.

d) Que o proxecto redunde na ampliación das capacidades e das liberdades das poboacións beneficiarias, é dicir, que conten coa participación das persoas beneficiarias no desenvolvemento do proxecto, que non sexa discriminatorio por razón de cultura, raza, xénero, relixión, orixe ou orientación sexual, que fomente a igualdade entre homes e mulleres e que sexa respectuoso coa protección do medio.

e) Que teña unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas e dos intereses estratéxicos da poboación das zonas máis desfavorecidas do país en que se execute, atendendo de xeito prioritario ás diferenzas derivadas das fendas de xénero, e que sexa respectuoso cos obxectivos de desenvolvemento do país, da zona onde se leve a cabo a acción e das comunidades beneficiarias.

f) Que o proxecto se axuste tanto á realidade como á capacidade de xestión da entidade solicitante e á da súa contraparte ou socio local, co fin de asegurar a súa viabilidade.

g) Os proxectos deberán estar vinculados de xeito directo á realización das prioridades transversais, segundo o establecido no V Plan director da cooperación galega 2023-2026.

h) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 8, Gastos do proxecto, desta convocatoria, en especial o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.

i) O cofinanciamento do proxecto correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes da Xunta de Galicia, non pode ser o 100 % valorizado; ten que existir nalgún caso achega financeira ao proxecto.

j) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico como o económico) adaptados a esta convocatoria.

k) Nos proxectos presentados por fases será obrigatorio contar cunha liña de base inicial, a cal poderá formar parte da subvención solicitada.

l) Será obrigatorio presentar o informe de avaliación en proxectos que dean continuidade a intervencións anteriores.

Requisitos específicos dos proxectos presentados polos outros axentes de cooperación.

Non serán valorados os proxectos presentados polos outros axentes da cooperación galega (exceptúanse os presentados polas ONGD) que non se enmarquen, cada un deles, dentro dos seguintes ámbitos:

As universidades do Sistema universitario galego e as súas entidades dependentes e centros de investigación públicos:

a) Actividades de cooperación interuniversitaria, como fortalecemento institucional das universidades dos países en desenvolvemento, asistencia para o deseño de títulos e currículos académicos, apoio á mobilidade do persoal investigador e docente, organización de pasantías de alumnado en prácticas, formación de redes para o traballo en común e outras.

b) Actividades de apoio e asistencia ao resto dos actores da cooperación, tanto administracións públicas como entidades privadas (ONGD) no desenvolvemento científico e na transferencia de tecnoloxía.

As cooperativas, empresas e asociacións empresariais:

a) A dotación de bens e servizos –materiais, obras e asistencia técnica– que os procesos de desenvolvemento demandan, así como a achega libre de recursos humanos, materiais, técnicos ou financeiros a proxectos ou institucións de desenvolvemento.

b) Actividades de fortalecemento no sector en que desempeña a súa actividade dos países en desenvolvemento, apoiando a participación no diálogo social, na transferencia da súa experiencia e recursos a institucións cun fin homólogo nos países en desenvolvemento, tales como tarefas de formación e de asistencia técnica en áreas profesionais definidas e no apoio á consolidación das organizacións empresariais, ou outro tipo de institucións.

c) A promoción dos contactos previos e dos estudos de identificación ou perfectibilidade que alenten a creación de oportunidades para a posta en marcha de iniciativas empresariais, que permitan xerar renda e emprego no país en desenvolvemento, fortalecendo o tecido produtivo do país, priorizando as actuacións das micro, pequenas e medianas empresas ou aquelas de economía social. Estas iniciativas deberán incluír unha especial atención ao respecto e á defensa dos dereitos laborais, humanos, do dereito ao territorio, e atenderán ao impacto na loita pola igualdade de xénero e á súa contribución coa loita contra a pobreza e a sustentabilidade ambiental.

d) Actividades encamiñadas á promoción de prácticas de responsabilidade social corporativa.

e) O desenvolvemento de proxectos de economía social e fortalecemento do tecido produtivo que favorezan o crecemento económico de base aproveitando o coñecemento do país, a implantación e a rede de relacións que as empresas crean.

Organizacións sindicais:

a) Actividades de apoio, a través dos seus recursos e capacidades humanas e técnicas, ás intervencións directas dos actores de cooperación.

b) Actividades de apoio á organización sindical nos países en desenvolvemento, potenciando a capacidade técnica e organizativa destas institucións e apoiando a súa participación no diálogo social nos seus respectivos países, co obxectivo de contribuír a unha maior articulación e fortaleza da sociedade civil.

c) Actividades de promoción da organización da produción a través da transferencia da experiencia dos sindicatos agrarios.

d) Actividades encamiñadas á promoción de prácticas de defensa dos dereitos laborais, cunha especial atención aos dereitos laborais das mulleres.

Comunidades galegas no exterior:

a) O desenvolvemento de proxectos de economía social e fortalecemento do tecido produtivo que favorezan o crecemento económico de base, aproveitando o coñecemento do país, a implantación e a rede de relacións creadas polas comunidades galegas.

b) A promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a defensa dos grupos de poboación máis vulnerables, con especial incidencia na infancia e mocidade, terceira idade, persoas refuxiadas, desprazadas, migrantes, retornadas, as minorías étnicas e as comunidades indíxenas.

Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento:

Actuacións ou actividades de apoio a organizacións e institucións dos países socios, que desempeñen ou estean relacionadas co fin principal que a entidade solicitante realice en Galicia.

Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais ou ben en agrupación con outras entidades. Non obstante o anterior, no caso de ter obtido subvención con cargo á convocatoria para a execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento para o ano 2025 (código de procedemento PR804C), unicamente poderán presentar unha solicitude de proxecto.

No caso de presentar máis dun proxecto, polo menos un ten que se executar necesariamente nun país definido como prioritario no V Plan director da cooperación galega.

Os proxectos presentados por unha agrupación de entidades contan como un proxecto presentado por cada unha das entidades agrupadas. Polo que respecta ás universidades, esta limitación aplicarase por departamento.

Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación.

Carpeta 1. Información relativa á entidade solicitante. No caso de agrupación de entidades, deberase achegar tamén de cada unha das entidades agrupadas.

a) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades.

b) Memoria da organización na cal se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos.

c) Listaxe dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo en anos anteriores, financiados por entidades públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona e no sector do proxecto que se presenta, coas mesmas persoas destinatarias e co mesmo socio local.

d) Planificación/estratexia de cooperación para o desenvolvemento da entidade para os seguintes anos, na cal se enmarca o proxecto presentado. No caso de empresas ou agrupacións empresariais, deberán incluír, de ser posible, o Plan de responsabilidade social corporativa en que se insire o proxecto.

e) No caso de agrupación de entidades, deberá xuntar o contrato ou o acordo de colaboración asinado polas persoas que exerzan a representación legal das entidades, polo cal se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou de incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lle concedeu a subvención.

No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas designarán unha persoa que exerza a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán facer constar, como mínimo, as seguintes cuestións:

Compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e as achegas propias que executará cada unha delas en cada anualidade.

Compromiso da entidade solicitante de responsabilizarse do control financeiro e contable unificado do proxecto e de comunicación ante a Xunta de Galicia de todos os ingresos e gastos do proxecto.

A/as entidade/s agrupada/s distinta/s da solicitante deberán xuntar unha declaración de que está/n ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e nas obrigas de reintegro de subvencións, e de que non está/n incursa/s en ningunha das restantes circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na súa normativa de desenvolvemento e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, segundo o modelo do anexo III.

A agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto. No caso das universidades, o contrato ou acordo de colaboración deberá ser asinado pola persoa que exerza a súa representación legal.

f) Os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro achegarán un documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o establecido no artigo 97.2 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia. O devandito documento estará asinado pola persoa que exerza a representación legal da entidade.

g) As universidades incluirán unha certificación, expedida pola persoa que exerza a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, en que se autorice a presentación do proxecto á convocatoria, así como, o compromiso de gasto correspondente.

Carpeta 2. Información relativa á contraparte ou socio local (no caso de seren varias entidades, deberase achegar de cada unha delas).

a) Carta de compromiso de participación no proxecto por parte da contraparte local, asinada pola persoa que exerza a representación legal da entidade.

b) Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento en que se recolla o nomeamento da persoa que exerza actualmente a representación legal. Esta documentación será coincidente coas sinaturas do resto dos documentos relacionados nesta epígrafe.

c) Declaración da persoa que exerza a representación legal da entidade en que se especifiquen a personalidade xurídica da entidade socia ou contraparte local, o seu domicilio social, a cuantificación do número de socios/as da entidade, o seu organigrama e a descrición da vinculación existente entre a entidade e o persoal ao seu servizo.

d) Copia dos estatutos da entidade.

e) Declaración de que a misión principal da entidade é a promoción dos dereitos das mulleres e/ou das nenas asinada polo representante legal da entidade, en aplicación do disposto no artigo 3.1.e), de ser o caso.

f) Experiencia na execución de, como mínimo, catro proxectos en defensa dos dereitos das mulleres antes da data de publicación desta convocatoria, no caso de solicitudes para proxectos de apoio a organizacións feministas e de defensa dos dereitos das mulleres, asinado polo representante legal (anexo VIII).

g) Copia do documento de inscrición no rexistro correspondente da entidade socia ou contraparte local.

h) Copia do número de identificación fiscal da entidade ou documentos similares no país de orixe.

i) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade.

j) Memoria da organización en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos ou máis. Recoméndase achegar unha listaxe dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo en anos anteriores, financiados por entidades públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona e sector do proxecto que se presenta, coas mesmas persoas destinatarias e co mesmo socio.

k) Planificación/estratexia da entidade para os seguintes anos, na cal se enmarca o proxecto presentado.

l) No caso de que a contraparte ou socio local sexa unha Administración, universidade ou outra entidade pública, deberá presentar:

– Carta de compromiso de participación no proxecto.

– Copia do documento en que se recolla o nomeamento da persoa que exerza actualmente a representación legal. Esta documentación será coincidente coas sinaturas do resto dos documentos relacionados nesta epígrafe.

– Memorias, informes, plans, estratexia e/ou relación de proxectos ou actividades de cooperación para o desenvolvemento e outros traballos relacionados co proxecto presentado.

Carpeta 3. Información relativa ao proxecto.

A información sobre o proxecto presentarase nos seguintes documentos normalizados que se poderán descargar da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/

– Formulario de presentación do proxecto, en formato pdf, word ou o correspondente en libre office.

– Orzamento do proxecto, en formato excel ou o correspondente en libre office.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal

2. A falta de documentación e/ou información nalgunha das carpetas 1, 2 e 3 impedirá a avaliación do proxecto se non se emenda dentro do prazo establecido no artigo 10 desta orde. Quedará excluído de emenda o non envío ou envío noutro formato dos documentos normalizados de formulación técnica e económica da carpeta 3.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente, tanto da entidade solicitante como da/das entidade/s agrupada/s, de ser o caso, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– NIF da entidade solicitante.

– NIF da entidade agrupada, de ser o caso.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.

– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.

– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións ampliadas.

– Consulta de axudas do Estado.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos anexos II e III, de ser o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Non obstante o anterior, en aplicación do establecido no artigo 31.7.i) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, no caso de entidades sen fins lucrativos bastará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na súa normativa de desenvolvemento e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e non ser debedora por resolución de procedencia de reintegro, declaración que se considerará suficiente para os efectos da concesión e pagamento da subvención, de ser o caso.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Fase de solicitude
  • Declaración artigo 10 Lei de Subvencións para entidades agrupadas distintas da solicitante (Anexo III)
  • Solicitude (Anexo II).
  • Experiencia en proxectos en defensa dos dereitos das mulleres (Anexo VIII)

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 16 de xaneiro de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 24 do 05 de febreiro de 2026).

    • Extracto da Orde do 16 de xaneiro de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 24 do 05 de febreiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR805A

Inscrición no rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR805B

Modificación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR805C

Cancelación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR924B

Subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 27/02/2026 00:00 - 26/03/2026 23:59