Guía de procedementos e servizos

MR351A

Axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria e equipamento agrarios en réxime asociativo en Galicia.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 16/01/2025 00:00 - 17/02/2025 23:59

Consellería do Medio Rural

A concesión de axudas para promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos e racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.

Unicamente poderán ser persoas beneficiarias da axuda regulada nesta orde:

a. As cooperativas agrarias.

b. Cooperativas de utilización de maquinaria en común (CUMA).

c. As cooperativas de explotación comunitaria da terra de 5 ou menos anos de antigüidade.

d. As sociedades agrarias de transformación procedentes da fusión de polo menos dúas explotacións agrarias nos últimos 5 anos naturais, en diante SAT de fusión.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias

Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario

San Caetano, s/n

15008  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997215/ 981540053

Email: sxaexplotacions.mediorural@xunta.gal

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Prazo de presentación: PECHADO

16/01/2025 00:00 - 17/02/2025 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Deberán xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos mediante a presentación dun estudio de viabilidade.

2. Non ter a consideración de empresa en crise. Considérase que as empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, número 18) do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias establecidas polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso das cooperativas agrarias, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA) terán un mínimo de catro persoas socias. Todas as explotacións que formen parte dunha CUMA deberán estar situadas dentro dun raio de acción de 20 quilómetros.

5. As sociedades agrarias de transformación cuxo obxecto social prioritario é o uso da maquinaria terán un mínimo de catro persoas socias. Para as sociedades agrarias de transformación que non teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria, deberán proceder da fusión de explotacións agrarias.

6. As cooperativas de explotación comunitaria da terra terán un mínimo de catro persoas socias.

7. Tanto as explotacións agrarias como as cooperativas agrarias ou as sociedades agrarias de transformación deberán estar inscritas nos correspondentes rexistros oficiais.

Solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación e na mesma orde:

a. Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se fose o caso).

b. Estatutos en vigor.

c. Balance e conta de resultados da empresa. As peme deben achegar os do último exercicio, as non peme os dos dous últimos exercicios.

d. Memoria xustificativa asinada polo/a secretario/a e co visto e prace do/da presidente/a ou representante legal da entidade que inclúa, como mínimo, e na mesma orde, os seguintes puntos:

i. Situación actual: actividades que se desenvolven e marco xeográfico; datos básicos da estrutura de cada explotación das persoas socias beneficiadas: características da maquinaria e equipamentos existentes, instalacións dispoñibles, tipo de manexo e aproveitamento da superficie agraria útil (SAU) e efectivos gandeiros, etc. (No caso de cooperativas de máis de 35 persoas socias, os datos básicos da estrutura da explotación serán referidos a unha explotación tipo á cal prestan servizos, e non a de cada persoa socia).

ii. Relación dos investimentos solicitados e, de ser o caso, xustificación de por que a escolla non recae na proposta económica máis vantaxosa.

iii. Valor contable do parque de maquinaria no momento da solicitude de axuda.

iv. Facturación media ao conxunto das persoas socias nos tres anos anteriores.

v. Relación dos integrantes do consello reitor da entidade en que se indique a porcentaxe de mulleres que o compoñen.

e. Relación nominal das persoas socias, incluíndo DNI, en formato ods, xls ou xlsx.

f. Estudo técnico-económico de viabilidade, en concordancia coa memoria, elaborado por técnico ou equipo técnico competente e formalmente independente da entidade solicitante que, polo menos na súa vertente técnica, deberá ser asinado por un titulado universitario na rama agraria.

O estudo deberá xustificar a mellora do rendemento global das explotacións agrícolas beneficiarias do investimento ou servizo obxecto de axuda e incluirá, por esta orde, os seguintes datos:

i. Investimentos que se realizarán, con xustificación da súa necesidade.

ii. Descrición técnica.

iii. Carga de traballo prevista (nº horas/ano).

iv. Rendementos previstos (h/Ha).

v. Orzamento desagregado.

vi. Custos horarios (€/hora).

vii. Financiamento previsto.

viii. Análise económica da súa viabilidade que inclúa, como mínimo, indicadores económicos básicos e análise comparativa cos custos de mercado (valor engadido bruto, valor engadido neto, TIR) da entidade asociativa.

ix. Nas cooperativas que conten con 35 persoas socias ou menos, localización principal de todas as explotacións. Debe incluír un plano de situación en que se verifique que a localización principal de todas elas están nun raio de 20 km.

x. Comparación do custo das operacións que se van realizar coa maquinaria solicitada e sen esta maquinaria.

g. Tres orzamentos, para cada máquina solicitada, de empresas non vinculadas entre elas nin co solicitante cuxo obxecto social é a fabricación ou subministración dos bens incluídos na oferta.

As ofertas incluirán:

i. NIF.

ii. Nome e enderezo da empresa oferente.

iii. Nome ou razón social da entidade solicitante da axuda.

iv. Data de expedición.

Deberán detallar claramente os conceptos dos bens polos cales se solicita axuda (fabricante e características técnicas).

No caso de maquinaria que inclúa «extras», detallaranse e valoraranse por separado.

Poderán ser menos de tres no caso de que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren.

A escolla entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Así mesmo, os controis administrativos sobre as solicitudes de axuda incluirán a comprobación da moderación de custos de acordo co indicado no artigo 48 do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

h. O catálogo comercial que detalle as características técnicas de cada máquina escollida.

i. Certificación dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación ou dunha Axencia de Innovación de que os investimentos son innovadores (se fose o caso). No caso de investimentos con carácter innovador, será requisito indispensable para ser elixible o aliñamento do proxecto cos retos, prioridades e ámbitos de priorización da Estratexia de especialización de Galicia (RIS3).

j. Anexo II de comprobación de datos das persoas técnicas que elaboran o estudo técnico-económico.

k. No caso de solicitantes aos cales lles sexa de aplicación o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro (subvencións de importe superior a 30.000 euros):

1) As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar unha conta de perdas e ganancias abreviada, certificación asinada polo órgano de administración ou equivalente, con poder suficiente de representación, en que alegan acadar o grao de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderase substituír pola documentación prevista no punto seguinte.

2) Persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada:

i. Certificación expedida por un auditor de contas inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha desagregación da información de pagamento descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando consta que se acada o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecido na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinada neste punto, a partir da información exixida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

ii. No caso de que non fose posible expedir o certificado a que se refire o punto anterior, «informe de procedementos acordados», elaborado por un auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, quen, con base na revisión dunha mostra representantiva das facturas pendentes de pagamento aos provedores da empresa nunha data de referencia, conclúa sen que se detecten excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detecten, non impidan acadar o nivel de cumprimento exixido.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a. NIF da entidade solicitante.

b. DNI/NIE da persoa representante.

c. NIF da entidade representante.

d. Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f. Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g. Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h. Concesión de subvencións e axudas.

i. DNI/NIE da/das persoa/s técnica/s que elabor/en o estudio técnico-económico.

j. Título oficial universitario da rama agraria das persoas técnicas que elaboren o estudio técnico-económico.

k. Inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola.

l. Datos de vehículos.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos do-cumentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co Instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 9 do 15 de xaneiro de 2025).

    • Extracto da Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co Instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 9 do 15 de xaneiro de 2025).

    • Orde do 16 de abril de 2025 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas convocadas pola Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co Instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 78 do 24 de abril de 2025).

Outros procedementos relacionados

MR203B

Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR348A

Declaración responsable para a prestación de servizos como entidade identificadora.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR360C

Declaración para a realización de determinadas prácticas enolóxicas R(CE) 606/2009.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR400A

Cumprimento das condicións como persoa artesá alimentaria.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano