Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS623D
Subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF e do imposto de sociedades
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Política Social e Igualdade
Convocar para o ano 2025 as axudas para a realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades xestionado pola Consellería de Política Social e Igualdade.
Entidades do Terceiro Sector de Acción Social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do Terceiro Sector de Acción Social e a Cruz Vermella Española.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Inclusión Social
Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Email: ceroseteirpf@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade
Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Email: ceroseteirpf@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Dirección Xeral de Xuventude
Instituto da Xuventude de Galicia
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Email: ceroseteirpf@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia
Servizo de Apoio á Familia, á Infancia e á Adolescencia
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995437
Email: familia@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
01/07/2025 00:00 - 30/07/2025 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos, sen prexuízo de cumprir o establecido no artigo 5 para cada liña de actuación que se vai subvencionar, se é o caso:
a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico.
A/as entidade/s solicitante/s de axudas para a realización de programas recollidos nas liñas I, II, III e VII, e/ou a execución de proxectos de investimento recollidos nas liñas IV, V, VIII e IX, deberá/n estar inscrita/s no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e Igualdade.
A/as entidade/s solicitante/s de axudas para a realización de programas na liña VI deberá/n estar inscrita/s na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e Igualdade.
O cumprimento do requisito de inscrición no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico será comprobado de oficio pola Administración convocante.
No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpran cada unha das entidades integrantes que participen na execución dos programas/proxectos para os cales se solicita a axuda e a dita agrupación presente a solicitude de inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo de presentación de solicitudes.
No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades que xa estean constituídas legalmente, entenderase cumprido o requisito sempre que a entidade transmitente estivese constituída con dous anos de antelación á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. A nova entidade, en todo caso, deberá solicitar a súa inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo de presentación de solicitudes.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparten beneficios; que, no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu obxectivo con carácter gratuíto, de conformidade co disposto no seus estatutos e co disposto nos números 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Non encontrarse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
d) Figurar nos estatutos da/das entidade/s solicitante/s cuxos fins institucionais corresponden á realización e á execución de programas sociais de similar natureza que os programas de interese xeral, para fins de carácter social, para os cales solicitan a subvención.
e) Acreditar experiencia e especialización durante un prazo mínimo de dous (2) anos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na mesma liña do anexo I á cal concorre, e que se posúen os medios persoais e materiais necesarios para iso, mediante declaración responsable do representante legal.
No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña IV, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña III do dito anexo I.
No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña V, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña II do dito anexo I.
No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña VIII, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña VII do dito anexo I.
No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica, de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpran cada unha das entidades integrantes que participen na execución dos programas/proxectos para os cales se solicita a axuda.
No caso de entidades de nova creación, legalmente constituídas, que se subroguen nos dereitos e obrigas doutras entidades constituídas legalmente, entenderase cumprido o requisito se o cumpría a entidade transmitente.
2. Todos os requisitos sinalados se deberán cumprir na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e se deberán manter durante todo o período de execución do programa/proxecto subvencionado.
3. No caso de entidades que formen parte de federacións ou confederacións, a solicitude das axudas realizarase sempre a través da entidade en que estea integrada e non de forma individual.
No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propoñer, de entre estas, unha ou varias delas para executar o/os programa/s ou proxecto/s, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante. En todo caso, cada unha das entidades integradas que participen na execución do/dos programa/s ou proxecto/s para os cales se solicita a axuda deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.
No caso de que a solicitude de axudas se presente para a realización dos programas recollidos na liña VI, non é preciso que a federación, confederación ou persoa xurídica similar estea inscrita na Área de Igualdade no RUEPSS, pero si deberán estar inscritas nesta área as entidades integrantes que vaian executar o programa.
4. Dentro dos límites da lexislación autonómica, tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de entidades sen personalidade xurídica que recollan nos seus acordos de constitución similares fins institucionais, nos seguintes termos:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.
b) As entidades que se agrupan deberán achegar un acordo en que se indiquen os compromisos de execución asumidos por cada unha delas, como membro da agrupación, así como o importe da subvención que cada unha vai aplicar. Cada unha destas entidades terá a condición de beneficiaria da subvención.
c) Deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.
d) Non se poderán disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
e) Na execución de cada un dos programas ou proxectos presentados deberán participar, cando menos, o 50 % das entidades que concorren agrupadas. Pola súa vez, cada unha destas entidades deberá participar na execución destes programas ou proxectos cunha porcentaxe mínima dun 10 % do importe total do programa ou proxecto para o cal se solicita subvención.
No caso de agruparse dúas entidades, ambas deberán participar na execución de todos os programas ou proxectos que presenten, cunha porcentaxe mínima do 10 % do importe total de cada un dos programas ou proxectos para os cales se solicite subvención.
f) Estas entidades poderán solicitar axudas de forma individual ou agrupadas, tendo en conta que cada unha delas cumpra os requisitos e o número de programas ou proxectos establecidos no artigo 5 para cada unha das liñas de actuación.
A entidade que figure como solicitante será única e plenamente responsable da agrupación ante a Consellería de Política Social e Igualdade, sen prexuízo da responsabilidade de cada unha das outras entidades membro da agrupación, tal e como establecen os artigos 8.3, 36.2 e 51.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública; as universidades; os partidos políticos e as fundacións deles dependentes; os colexios profesionais; as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación; as sociedades civís; as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.
Solicitudes.
1. A/as entidade/s deberán achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo II, dirixida á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Igualdade, á cal se lle xuntará a documentación complementaria indicada no artigo seguinte. A súa presentación implica a aceptación da totalidade de prescricións previstas nesta orde, así como na demais normativa aplicable.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e contrasinal Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. No formulario de solicitude, anexo II, asinado pola persoa representante da entidade, deberán figurar os datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nesta orde e demais normativa aplicable que se relacionan:
a) Identificación da entidade solicitante, da persoa representante, enderezo e datos bancarios.
b) Os datos do/dos programa/s ou do/dos proxecto/s de investimento respecto do/dos que se solicita subvención, coa liña, actuación, denominación e importe solicitado expresado en euros.
c) Declaracións sobre as circunstancias que se relacionan:
1º. Outras subvencións solicitadas ou concedidas. A entidade deberá declarar se solicitou ou se lle concederon outras axudas para o/os programa/s ou proxecto/s de investimento/s para o/os cal/es se solicita subvención, con expresión do organismo concedente, ano, importe expresado en euros e disposición reguladora da axuda solicitada ou concedida. En caso contrario, a entidade deberá declarar que non se solicitou nin concedeu ningunha outra axuda para o/os programas ou proxecto/s para o/os cales se solicita subvención.
2º. Veracidade dos datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.
3º. Inexistencia de causa que implique prohibición para ser entidade beneficiaria; estar ao día no pagamento de obrigas por reintegros de subvencións e, ao mesmo tempo, estar ao día no pagamento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
4º. Cumprimento de requisitos establecidos na normativa vixente e da dispoñibilidade da documentación que así o acredite, no caso de que sexa requirida pola Administración.
5º. Que a/as actuación/s para a/as cal/es solicita subvención se desenvolve/n de maneira real e efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia.
6º. Condicións do persoal contratado que vai participar no programa/proxecto. Inexistencia de sentenza firme por ningún delito contra a liberdade sexual tipificado no título VIII da Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, así como por calquera delito de trata de seres humanos tipificado no título VII.bis do Código penal, en aplicación do artigo 57.1 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia.
Polo que se refire ás persoas voluntarias que van participar nestes e que estean relacionadas con menores de idade, non poderán ter antecedentes penais non cancelados por delitos de violencia doméstica ou de xénero, por atentar contra a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou a liberdade sexual do outro cónxuxe ou dos/das fillos/as, ou por delitos de tráfico ilegal ou inmigración clandestina de persoas, ou por delitos de terrorismo en programas cuxas persoas destinatarias fosen ou poidan ser vítimas deses delitos, en aplicación do previsto nos números 4 e 5 do artigo 8 da Lei 45/2015, do 14 de outubro, do voluntariado.
7º. Coñecemento das obrigas derivadas desta orde e demais normativa aplicable.
8º. No caso de programas orientados a actuacións de inclusión social das persoas, incluídos na liña II do anexo I, coa excepción dos programas de mediación social e/ou intercultural da liña II.1, letra g), que todas as persoas destinatarias das referidas actuacións destes programas están en situación ou risco de exclusión social, ou ben nunha situación de vulnerabilidade derivada da súa condición de persoa inmigrante.
Ao mesmo tempo, declararase que a entidade solicitante dispón da documentación que acredite as circunstancias anteriores e da dispoñibilidade que así o acredite, no caso de que sexa requirida pola Administración.
9º. Que nos programas de apoio á inclusión sociolaboral da liña II.1, letra b), do anexo I, os itinerarios incluirán, cando menos, as prestacións que a Carteira de servizos sociais de inclusión de Galicia considera indispensables e obrigatorias para a realización dun itinerario de inclusión, de conformidade co Decreto 61/2016, do 11 de febreiro.
10º. Que os programas de formación e de reforzo socioeducativo da liña II.1, letras c) e d), do anexo I para os cales solicitan, de ser o caso, subvención, non están incluídos entre as prestacións dos programas de apoio á inclusión sociolaboral financiados dentro doutra convocatoria de axudas xestionada pola Consellería de Política Social e Igualdade.
11º. Que nos programas/proxectos que conten coa participación de persoal voluntario, a entidade subscribiu un seguro de responsabilidade civil e de accidentes que cobre as persoas voluntarias mentres dure o programa ou proxecto subvencionable, de conformidade co previsto nos artigo 7.g) e 11.i) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, ao longo de toda a súa duración e que respondan dos prexuízos que se poidan causar durante o seu desenvolvemento.
12º. Que a entidade solicitante posúe, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, experiencia e especialización, durante un prazo mínimo de dous anos, na xestión e execución dos programas e proxectos definidos do anexo I, que se solicitan, así como os medios persoais e materiais necesarios para o desenvolvemento destes.
13º. Que a entidade solicitante se compromete a manter o cumprimento das anteriores obrigas durante o período de tempo inherente ao dito recoñecemento ou exercicio.
14º. Que nos proxectos de execución de obras das liñas IV, V, VIII e IX se dispón da titularidade suficiente sobre o inmoble por un prazo non inferior a cinco (5) anos, contado desde a data de publicación desta convocatoria.
15º. Que nos proxectos de execución de obras das liñas IV, V, VIII e IX, a persoa representante da entidade solicitará as licenzas e os permisos necesarios, no caso de que estes sexan exixidos pola normativa vixente de aplicación, segundo o tipo de obra de que se trate.
16º. Que nos programas de actuacións da liña VI, as persoas beneficiarias sexan mulleres en situación de especial vulnerabilidade, tanto mulleres vítimas de violencia de xénero ou de calquera violencia contras as mulleres, ou mulleres en situación de vulnerabilidade e as súas familias, segundo o disposto no artigo 5.8.
Nesta liña, as subvencións destinaranse a programas de interese xeral que teñan fins de carácter social, dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero. Subvencionaranse programas que fomenten a igualdade efectiva entre homes e mulleres, para lograr a eliminación de estereotipos de xénero que conducen a que as mulleres padezan unha situación de desvantaxe no eido laboral, social, persoal, económico, político e cultural. Así mesmo, subvencionaranse determinados programas que teñan por obxecto a prevención de todas as formas de violencia contra as mulleres, segundo o recollido na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Será requisito necesario que as persoas beneficiarias dos programas desenvolvidos ao abeiro desta liña sexan mulleres en situación de especial vulnerabilidade, tanto mulleres vítimas de violencia de xénero ou de calquera violencia contra as mulleres, como mulleres en situación de vulnerabilidade, segundo o disposto no artigo 5.8, e as súas familias. As entidades beneficiarias acreditarán o cumprimento deste requisito mediante declaración responsable.
As persoas profesionais que leven a cabo estes programas deberán contar con experiencia e formación adecuada ao tipo de intervención que se vai realizar.
d) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente, con indicación do tipo, órgano administrativo ante o cal se presentou, código de procedemento e data de presentación e/ou manifestación da oposición á consulta dos documentos sinalados no artigo 9.1.
Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
a) Memoria explicativa sobre o programa obxecto da solicitude de subvención (anexo III), agás os proxectos de investimento relativos ás liñas IV, V, VIII e IX (no caso de achegar memoria complementaria da memoria explicativa, esta terá unha extensión máxima de dez (10) páxinas).
b) Memoria explicativa sobre o investimento obxecto da solicitude de subvención (anexo IV), no caso de proxectos incluídos dentro das liñas IV, V, VIII e IX do anexo I.
c) Información para a valoración das entidades (anexo V).
d) Estatutos debidamente legalizados, co obxectivo de verificar que a entidade carece de ánimo de lucro e que os seus fins institucionais corresponden á realización e á execución de proxectos e/ou programas sociais de similar natureza que a dos proxectos e/ou programas para os cales se solicita subvención, entre outros requisitos exixidos no artigo 4.
e) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade.
f) No caso de agrupacións sen personalidade xurídica, documento dos compromisos de execución asumidos por cada membro e o importe da subvención que se vai aplicar a cada un.
g) Documentación acreditativa dos requisitos establecidos no anexo I:
1º. En relación coas subvencións para as liñas de proxectos de investimento:
1º.1. Para a execución de obras (liñas IV, V, VIII e IX):
1º.1.1. Proxecto ou anteproxecto de obras, axustado á normativa vixente, de acordo coas especificacións legais, técnicas e arquitectónicas, adecuadas ás persoas usuarias do centro.
Cando se trate de obras de menor contía, de acordo co establecido no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, deberá presentarse, no seu lugar, un orzamento detallado e unha memoria abreviada asinada pola persoa contratista.
1º.2. Para a adquisición de bens inmobles (liñas IV, V e VIII):
1º.2.1. Orzamento detallado.
1º.2.2. Certificado de persoa taxadora independente, debidamente acreditada, inscrita no correspondente rexistro oficial, ou dun órgano ou organismo público debidamente autorizado, no cal se acredite que o prezo de compra non excede o valor de mercado.
1º.3. Para a adquisición de subministracións, equipamentos ou vehículos (liñas IV, V, VIII e IX):
1º.3.1. Orzamento da empresa subministradora, con indicación do custo por unidade e do importe total das adquisicións que se pretenden realizar.
h) No caso de solicitudes presentadas por federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica, de entidades sociais de ámbito autonómico, achegarase unha declaración responsable na cal consten relacionadas as respectivas entidades asociadas ás que representan.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola/s persoa/s interesada/s, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.
b) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identificación de extranxeiro (NIE) da persoa representante.
c) Certificado sobre o cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
d) Certificado sobre o cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.
e) Certificado sobre o cumprimento de obrigas tributarias co Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da/das persoa/s interesada/s para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar á/ás persoa/s interesada/s que presente/n os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 16 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades xestionado por esta consellería (DOG nº 123 do 30 de xuño de 2025)
-
Extracto da Orde de 16 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades xestionado por esta consellería (DOG nº 123 do 30 de xuño de 2025)
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano