Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
VI426F
Axudas para a adecuación e reparación da vivenda do progama Fogar Vivo
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Para realizar este trámite presencialmente debes imprimir o seguinte modelo e presentalo nunha oficina.
Utiliza a opción "DESCARGAR PDF IMPRESIÓN" para imprimilo.
Podes cubrir o formulario en liña e imprimilo unha vez cuberto. Poderás gardar os avances e continuar noutro momento utilizando as opcions "Gardar" e "Recuperar".
A concesión de axudas ás persoas ou entidades propietarias e usufructuarias de vivendas coa finalidade de incentivar que as incorporen ao mercado de aluguer a través dunha renda accesible
Poderán beneficiarse das axudas do Programa:
a) As persoas físicas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas.
b) As persoas xurídicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas, incluíndo as empresas privadas que teñan no seu obxecto social a promoción de vivendas de nova construción ou procedentes da rehabilitación.
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo
Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Area central . Poligono de Fontiñas
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981-541982
Email: tramites-fomento.igvs@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
09/03/2026 09:00 - 03/06/2026 14:00
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde a publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
O prazo rematará o 3 de xuño de 2026 e, en todo caso, ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, o cal será comunicado por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que será publicada no DOG.
2. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 3 de xuño de 2026. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
3. As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.
1.Para obter a condición de beneficiaria as persoas e as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. A axuda total de minimis a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 euros durante os tres anos previos. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
3. Unha vez obtida a condición de persoa ou entidade beneficiaria de algunha/s da/das axuda/s do Programa, non se poderá volver a obter dita condición para a mesma vivenda, respecto da/das axuda/s da/das que resultara beneficiaria.
Requisitos para obter as axudas do Programa
1. Para obter as axudas do Programa as vivendas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ser de titularidade privada e non estar suxeitas a ningún réxime de protección pública.
c) Reunir as condicións adecuadas de habitabilidade e mantemento no momento de ofrecerse en alugamento.
d) Estar vinculada o Programa durante un período mínimo de cinco ou sete anos, en función de que a persoa propietaria ou usufrutuaria sexa unha persoa física ou xurídica.
e) Non ter sido arrendadas durante os tres meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da/das axudas/s. Este requisito poderá exceptuarse:
– No suposto das vivendas incorporadas na sección II, no caso de que por imperiosa necesidade de emerxencia social, segundo o informe dos servizos municipais, a vivenda xa estivera adxudicada a/as persoa/s arrendataria/s.
– No caso de solicitudes de axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar e das axudas para a adecuación e reparación que xa conten con contrato de alugamento asinado, sempre que a solicitude se realice nun prazo máximo de quince días desde a sinatura do contrato. Neste suposto o prazo dos tres meses computarase desde a data da sinatura do contrato.
f) Non estar afectada por algunha circunstancia xurídica que impida o seu alugamento.
2. Así mesmo, para a obtención das axudas será preciso que os contratos de alugamento cumpran os seguintes requisitos:
a) Que se sometan á lexislación de arrendamentos urbanos para uso de vivenda habitual e permanente durante todo o tempo do contrato.
b) Que a/as persoa/s arrendataria/s non teña/n vínculo de parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo coa persoa arrendadora. Este mesmo criterio aplicarase á relación entre a/as persoa/s arrendadora/s e a/as persoa/s arrendataria/s, cando a primeira sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios/as ou partícipes.
c) Ter unha renda mensual durante o primeiro ano de alugamento que non supere os seguintes importes, en función do concello en que estea situada:
Zona territorial (Concellos) Importe da renda mensual de alugamento (euros):
Zona 1 : 700 €
A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra.
Zona 2: 650 €
Ames, Oleiros, Cambre e Culleredo.
Baiona, Nigrán, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa.
Zona 3 : 600 €
Arteixo, Carballo, Narón, Ribeira e Sada.
A Estrada, Cangas, Lalín, Marín, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Mos e Poio.
Zona 4: 550 €
Ares, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cedeira, Cee, Fene, Melide, Mugardos, Neda, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume e Teo.
Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.
Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, Barbadás, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.
Bueu, Cambados, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Pontecesures, Tui e Vilanova de Arousa.
Zona 5:450 €
O resto dos concellos de Galicia.
A actualización da renda realizarase conforme ao previsto na lexislación de arrendamentos urbanos.
Os ámbitos territoriais e/ou os importes da renda da vivenda previstos nesta letra poderán modificarse mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá publicarse no DOG.
3. No caso de vivendas xestionadas polos concellos colaboradores, a obtención da axuda exixe, ademais dos requisitos sinalados nos puntos primeiro e segundo, que a/as persoa/s arrendataria/s reúna/n as seguintes condicións:
a) Que as súas unidades de convivencia teñan uns ingresos comprendidos entre 0,7 e 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples e que a renda da vivenda que se vaia a arrendar non sexa superior ao trinta por cento dos ingresos da súa unidade de convivencia. A determinación e a ponderación de ingresos calcularase segundo o disposto no ordinal seguinte.
Poderán exceptuarse deste requisito aqueles supostos en que no expediente do concello relativo á contratación da vivenda quede acreditado que a unidade de convivencia da persoa arrendataria percibe uns ingresos que lles permitan facer fronte ás obrigas económicas que deriven do contrato de alugamento. Para estes efectos, o concello deberá, de conformidade co punto quinto do ordinal cuadraxésimo segundo da Resolución do 3 de xullo de 2025, remitir á comisión de seguimento e coordinación o informe dos servizos sociais, para os efectos de que valore propoñer, se é o caso, as axudas que considere pertinentes, co obxecto de garantir o pagamento da renda.
b) Atoparse nunha situación persoal e/ou familiar que, segundo o informe dos servizos sociais do concello, supoña unha dificultade para acceder a unha vivenda de alugamento.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica mediante a presentación dos formularios que se incorporan a esta resolución, debidamente cubertos, en función das axudas que se soliciten e que deberán dirixirse ao IGVS:
– Anexo II (código de procedemento VI426H), para solicitar as axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar e para as axudas vinculadas.
2. A presentación electrónica das solicitudes será obrigatoria cando a persoa propietaria ou usufrutuaria da vivenda ou a persoa representante sexa unha persoa xurídica.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3. Nos supostos en que a propiedade ou o usufruto da vivenda corresponda a máis dunha persoa ou entidade, só se admitirá unha única solicitude por tipo de axuda e por vivenda.
4. No suposto de solicitar as axudas para a adecuación e a reparación da vivenda sen contrato de alugamento asinado na data da solicitude, poderán solicitarse as demais axudas do Programa no momento da xustificación final das obras. Se o prazo de presentación de solicitudes estivera pechado ou se esgotara o crédito orzamentario, a correspondente resolución de convocatoria poderá prever a posibilidade de presentar a solicitude no prazo previsto na convocatoria seguinte.
5. No formulario de solicitude a persoa ou entidade solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que nin a persoa ou a entidade solicitante nin ningunha outra persoa que sexa propietaria e/ou usufrutuaria da vivenda, de ser o caso, solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.
b) Declaración responsable de que non se lle concedeu ningunha axuda de minimis. No caso de ter solicitado ou obtido axuda de minimis, deberá indicar cales e a súa contía.
c) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas propietarias e/ou usufrutuarias da vivenda, de ser o caso, para a mesma finalidade.
d) Que a vivenda é de titularidade privada e non está suxeita a ningún réxime de protección pública.
e) Que a vivenda reunirá no momento do seu alugamento as condicións adecuadas de habitabilidade e mantemento.
f) Que a vivenda estará vinculada ao Programa durante un período mínimo de cinco ou sete anos, en función de que a persoa propietaria ou usufrutuaria sexa unha persoa física ou xurídica.
g) Que a vivenda non teña sido arrendada nos tres meses inmediatamente anteriores á presentación da solicitude da/das axuda/s ou á data da formalización do contrato de alugamento, de ser o caso.
h) Que a vivenda non está afectada por algunha circunstancia xurídica que impida o seu alugamento.
i) Declaración responsable de que a/as persoa/s solicitante/s non está/n incursa/s en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
j) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
Documentación complementaria
1. As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados
b) Escritura pública, certificado, nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade da propiedade ou do usufruto do inmoble, no caso de que a persoa ou entidade solicitante non conste como titular catastral.
2. Para o caso de solicitar axudas para a adecuación e a reparación das vivendas, deberán achegar, ademais da documentación do punto un, a seguinte documentación:
– Contrato de alugamento asinado polas partes, de ser o caso.
– Anexo III, de memoria descritiva das actuacións para a adecuación e a reparación da vivenda en que deberá indicarse: o orzamento, a relación clasificada dos gastos e o prazo previsto de realización das actuacións.
– Anexo IV, de declaración responsable e comprobación de datos das demais persoas ou entidades copropietarias ou usufrutuarias da vivenda, de ser o caso. Neste suposto deben figurar todas, ata completar o 100 % da propiedade ou usufruto.
– Licenza municipal, no suposto de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas. No suposto de non contar aínda con ela, achegarase a correspondente solicitude de licenza ou autorización preceptiva.
– Comunicación previa ao concello, cando a actuación non estea sometida a licenza.
3. Para o caso das vivendas da sección II do programa Fogar Vivo, deberán achegar, ademais da documentación dos puntos anteriores, segundo corresponda, a certificación do concello que acredite que no expediente correspondente se compren todos os requisitos do Programa.
4. No suposto de persoas ou entidades que tendo presentada unha solicitude na convocatoria anterior lles fose denegada por esgotamento do crédito, a correspondente resolución de convocatoria poderá prever a posibilidade de presentar a solicitude no prazo previsto na convocatoria seguinte. Para estes efectos, non será necesario que acheguen coa nova solicitude a documentación complementaria xa presentada coa solicitude anterior, sempre que non modifiquen as actuacións e a documentación técnica.
5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa ou entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderán solicitarse novamente da persoa ou entidade interesada a súa achega.
6. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
7. A presentación electrónica será obrigatoria cando a persoa propietaria ou usufrutuaria da vivenda ou a persoa representante sexa unha persoa xurídica. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
8. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
9. As persoas e entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa ou entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
10. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial nos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia
11. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a/as persoa/s interesada/s se opoña/n á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro/a (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante e, de ser o caso, das demais entidades propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
c) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.
d) NIF da entidade representante, de ser o caso.
e) Certificados da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das demais persoas ou entidades propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
f) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas, respecto da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
g) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis, respecto da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas, respecto da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
i) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, onde conste que a/as persoa/s ou entidade/s solicitante/s ten/teñen en propiedade e/ou en usufruto a vivenda.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa ou entidade interesada que solicite a axuda vinculada lle sexa de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) DNI ou, de ser o caso, NIE da/das persoa/s arrendataria/s das vivendas e, de ser o caso, dos menores ou das persoas dependentes ao seu cargo con algún grado de discapacidade recoñecida.
b) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia, no suposto de unidades de convivencia con persoas dependentes ao seu cargo con algún grado de discapacidade recoñecida.
3. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan á consulta, deberá indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Tramites administrativos posteriores
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas ou entidades interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente accedendo á Carpeta cidadá da persoa ou entidade interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 24 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Fogar Vivo (códigos de procedemento VI426F e VI426H), se establece o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para o alugamento e se procede á convocatoria das axudas do programa para o ano 2026, con financiamento plurianual (DOG nº 39 do 27 de febreiro de 2026).
-
Extracto da Resolución do 24 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Fogar Vivo (códigos de procedemento VI426F e VI426H), se establece o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para o alugamento e se procede á convocatoria das axudas do programa para o ano 2026, con financiamento plurianual (DOG nº 39 do 27 de febreiro de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.
Aberto todo o ano
Inscrición/modificación do certificado de edificios existentes no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.
Aberto todo o ano
Programa avais para a adquisición de vivenda
Prazo aberto: 13/03/2026 09:00 - 30/10/2026 14:00
Cambio de réxime de alugamento a compravenda e de compravenda a alugamento de vivendas protexidas de promoción pública.
Para realizar este trámite presencialmente debes imprimir o seguinte modelo e presentalo nunha oficina.
Utiliza a opción "DESCARGAR PDF IMPRESIÓN" para imprimilo.
Podes cubrir o formulario en liña e imprimilo unha vez cuberto. Poderás gardar os avances e continuar noutro momento utilizando as opcions "Gardar" e "Recuperar".
Aberto todo o ano