Guía de procedementos e servizos

ED481D

Axudas para completar a etapa de formación posdoutoral.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 28/06/2023 00:00 - 27/07/2023 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

A concesión de axudas ás universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) radicadas en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para completar a etapa de formación posdoutoral.

Universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e del IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Secretaría Xeral de Universidades

Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995152

Email: sxu@edu.xunta.gal

Secretaría Xeral de Universidades
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

28/06/2023 00:00 - 27/07/2023 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e os centros do CSIC radicados en Galicia sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

2. Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinaladas no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que se atopen na data de peche da convocatoria nalgún dos seguintes supostos:

a) Que estiveran contratadas na modalidade A da convocatoria de axudas posdoutorais de 2019 e que non renunciaran ao contrato.

b) Que estiveran contratadas a través da modalidade A da convocatoria de axudas posdoutorais de 2018, que tiveron unha interrupción e prórroga do contrato polas causas establecidas na lei, que finalizaron o contrato e que non se presentaron á convocatoria de axudas para completar a etapa de formación posdoutoral de 2022.

3. As persoas investigadoras que tiveron ou teñan unha interrupción e prórroga do contrato polas causas establecidas na lei e que non finalizaran o seu contrato na data límite de presentación de solicitudes, poderán optar entre participar nesta convocatoria ou na do ano 2024. A participación nesta convocatoria impide participar na do ano 2024, de ser convocada.

4. O contrato deberá desenvolverse na mesma entidade e pola mesma área en que a persoa contratada desenvolveu o seu contrato da etapa inicial de formación posdoutoral. Non se autorizarán cambios de praza e área durante a vixencia do contrato, agás por circunstancias sobrevidas de forza maior.

Forma e lugar de presentación de solicitudes.

1. As entidades solicitantes presentarán as solicitudes de maneira individualizada para cada unha das persoas candidatas propostas. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados ED481D (anexo I), no caso das universidades do SUG, e IN606C (anexo I bis) no caso das demais entidades, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

3. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha única entidade beneficiaria e sempre e cando cumpra os requisitos exixidos.

Documentación complementaria.

1. Con cada solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Declaración responsable da persoa candidata a ser destinataria da axuda segundo o anexo II, no que se fagan constar os seguintes aspectos:

– Que acepta ser presentada como candidata ás axudas, indicando que se presenta por unha única entidade solicitante no ámbito desta convocatoria.

– A rama de coñecemento e a área temática ás cales se adscribe.

– A declaración opcional do compromiso de utilizar a lingua galega na memoria final da actividade, para os casos de desempate.

b) Documento asinado pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente aceptando a persoa candidata a ser destinataria da axuda no seo do equipo de traballo (anexo III).

c) Documento asinado pola persoa directora do departamento, unidade de traballo ou equivalente, manifestando a súa conformidade para a integración no seu departamento, unidade de traballo ou equivalente da persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo IV).

d) Plan de traballo das actividades académico-investigadoras que propón realizar durante o período de contrato, con especial referencia á liña propia de investigación que se pretende establecer e ao seu orzamento, cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado pola persoa candidata.

e) Currículo (CV) da persoa candidata a ser destinataria da axuda, preferentemente no modelo da páxina web https://cvn.fecyt.es/

Para os efectos do proceso de avaliación, só se terá en conta a información contida no CV na data de peche do prazo de presentación de solicitudes. Non será posible a actualización posterior da información contida nel. No caso de que se solicite aclaración ou emenda, a información que se achegue deberá referirse, como máximo, á data de peche do prazo de presentación de solicitudes.

f) Un arquivo pdf precedido dun índice no que, en relación ao CV citado no punto anterior, se acheguen os documentos dos méritos que se queiran alegar, así como as ligazóns ás publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos ou calquera outra cuestión que se considere oportuna. Para os efectos do proceso de avaliación, soamente se valorará aquela información indicada no CV que teña correspondencia cos documentos ou ligazóns achegadas neste arquivo.

Durante calquera momento do procedemento a Secretaría Xeral de Universidades ou a Gain, segundo corresponda, poderán solicitar ás entidades beneficiarias os comprobantes dos méritos alegados.

g) Memoria asinada pola persoa candidata relativa á actividade investigadora desenvolvida nos anos que foi contratada na etapa inicial de formación posdoutoral, cunha extensión de 2.000-3.000 palabras. Nesta memoria deberase facer fincapé expreso nos seguintes aspectos:

g.1. Achegas en forma de artigos orixinais, libros ou capítulos de libro, sobre todo naquelas achegas en que a persoa candidata sexa responsable do traballo ou principal executora. Deberase facer unha breve recensión (de non máis de 500 palabras) da relevancia das achegas deste punto.

g.2. Actividade da persoa candidata no seo de grupos de investigación, liñas de traballo e/ou obtención de financiamento en convocatorias públicas competitivas das administracións públicas ou de entidades privadas sen ánimo de lucro, sinalando, ademais, o seu grao de participación nestas accións.

g.3. Patentes rexistradas, indicando as que están en explotación, e destacando especialmente a extensión da protección da patente nacional, europea ou polo Tratado de cooperación de patentes (PCT).

g.4. Actividade formativa da persoa candidata, especialmente a relacionada coa formación de doutoras e doutores e a dirección de teses de doutoramento.

h) Certificado da entidade solicitante no que se faga constar que a persoa candidata foi contratada ao abeiro da modalidade A do programa de formación posdoutoral da convocatoria de 2019 e a data de finalización do contrato; ou que foi contratada ao abeiro da modalidade A da convocatoria de 2018 e a data de finalización do contrato, que tivo unha interrupción e prórroga do contrato polas causas establecidas na lei, que finalizou o contrato e que non se presentou á convocatoria de axudas para completar a etapa de formación posdoutoral de 2022.

i) Certificación que acredite os permisos de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso no período comprendido entre os 5 anos anteriores á data de lectura da tese e a data de peche de presentación de solicitudes, se é o caso, para a aplicación do factor de corrección que se indica no artigo 11.3.

Para os efectos de control, as entidades convocantes poderán requirir a documentación complementaria que consideren necesaria para o desenvolvemento das axudas.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación destes dous procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa candidata á axuda.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria referido á entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social referido á entidade solicitante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia referido á entidade solicitante.

f) Informe de vida laboral da persoa candidata.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio, ou no recadro correspondente do anexo II, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade solicitante dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 14 de xuño de 2023, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 121 do 27 de xuño de 2023).

    • Extracto da Orde do 14 de xuño de 2023, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 121 do 27 de xuño de 2023).

    • Resolución do 7 de setembro de 2023, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se adxudican as axudas da Orde do 14 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 174 do 13 de setembro de 2023).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED431J

Aprobación de centros e institutos de investigación do sistema universitario de Galicia

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED442B

Acreditación dos campus de especialización do Sistema universitario de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED431D

Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do SUG-redes.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 20/06/2017 00:00 - 19/07/2017 23:59

ED431E

Axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 14/07/2018 00:00 - 13/08/2018 23:59