Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED442B
Acreditación dos campus de especialización do Sistema universitario de Galicia.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Regular o procedemento para outorgar a acreditación de campus de especialización no SUG con base no proceso de transformación levado a cabo desde as universidades para acadar os obxectivos de maior especialización, compactidade e calidade da docencia e da investigación.
Poderán obter a acreditación os campus das universidades do SUG que superen a avaliación establecida nesta orde.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Secretaría Xeral de Universidades
Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria
Edificio administrativo San Caetano Bloque 2, 1º andar.
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995150
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal
Prazo de presentación: Aberto todo o ano
É un procedemento aberto polo que se pode iniciar en calquera momento a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia por solicitude da universidade do SUG a que pertenza o campus.
As universidades do SUG poderán presentar, para obter o recoñecemento como CE, aqueles campus que conten cun Plan estratéxico aprobado formalmente pola universidade, como máximo nos tres anos previos á data de presentación da solicitude, e que demostren unha traxectoria que poña de manifesto o seu enfoque cara á especialización que presentan.
Así mesmo se require que a universidade solicitante non presentase unha solicitude para a acreditación dun campus de especialización nos últimos dous anos, a contar desde a data de publicación da resolución da última acreditación recoñecida, ou da renovación da acreditación no seu caso.
Solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED442B (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)
Documentación a achegar.
A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:
- Informe sobre a evolución do alcance do campus nos ámbitos de docencia, investigación, servizos e alianzas externas. O informe reflectirá a traxectoria dos últimos 4 anos que dea fundamento á solicitude de especialización do campus e incluirá as actuacións realizadas que poñan de manifesto o seu enfoque cara á especialización que se solicita. Incluiranse neste informe:
a) Anexo de indicadores que reflictan a evolución durante ese período nos diferentes ámbitos.
b) Informe de autoavaliación que incluirá, como mínimo, información sobre as fortalezas e debilidades do centro respecto, polo menos, ás dimensións de organización e gobernanza, estratexia de especialización, docencia, investigación, interacción co tecido produtivo e información pública e transparencia.
c) Relación de principais infraestruturas e equipamentos do campus, grupos de investigación, persoal nas súas diferentes tipoloxías (científico, de xestión, en formación, técnico...) e persoal docente.
- Plan estratéxico do campus para os próximos 4 anos aprobado formalmente pola universidade (extensión total máxima de 100 páxinas) no que se especifiquen os retos prioritarios e actuacións para despregar a estratexia de especialización nas dimensións de organización e gobernanza, docencia, investigación, interacción co tecido produtivo e información pública e transparencia.
Deberá acreditarse a súa aprobación mediante certificado da universidade e presentarase nun único documento con diferentes apartados que comprenderá, cando menos, os seguintes aspectos:
a) Presentación do campus onde se identifiquen as estratexias, liñas de especialización e acrónimo.
b) Resumo executivo do Proxecto estratéxico (non incluirá aspectos que non figuren detallados no devandito proxecto).
c) Gobernanza e estrutura organizativa.
d) Docencia: relación de títulos de grao, de máster e doutoramento vinculados directamente ás liñas de especialización do campus. Consideraranse títulos vinculados ao CE aqueles que desenvolvan a súa actividade formativa (no caso de graos e másteres) en áreas afíns ás liñas de especialización do CE. A inclusión dos títulos de grao e de máster no alcance do CE deberá vir xustificada pola relación dos ámbitos onde se produce a inserción laboral das persoas tituladas coas liñas de especialización, así como pola presenza maioritaria (en termos de créditos impartidos) de profesorado que realice o seu labor nos ámbitos de especialización do campus. Nas titulacións de grao e máster determinarase unha taxa de alumnos mínima en base a unha ratio entre prazas ofertadas e prazas cubertas. No caso dos doutoramentos serán aqueles cuxas liñas de investigación están aliñadas coa especialización do CE.
e) Investigación: proporcionaranse os datos das estruturas de investigación (grupos, institutos, centros de investigación e outras estruturas supragrupais), cuxa actividade investigadora enmárcase nas liñas de especialización do campus. Indicaranse expresamente os Grupos de Referencia Competitiva e Grupos de Potencial Crecemento con axuda activa no marco das Convocatorias da Xunta de Galicia.
f) Transferencia de tecnoloxía e interacción coa contorna industrial. Indicaranse parámetros tales como patentes solicitadas/conseguidas, en explotación, modelos de utilidade, segredos industriais, contratos de I+D con empresas, contratos de servizos científico-técnicos, convenios... así como unha listaxe daquelas empresas coas que teñan acordos relativos a doutoramentos industriais, prácticas externas etc.
g) Proposta de indicadores de seguimento, avaliación, resultado e impacto no CE. A presentación dos indicadores farase en folla de cálculo en formato editable e acompañarase do correspondente documento en formato PDF asinado. Os indicadores deberán incluír valor de partida e proposta de metas a alcanzar nos próximos 4 anos.
h) Plans operativos para os próximos 4 anos, que desenvolvan o Plan estratéxico. Deberán especificarse os retos prioritarios e actuacións para despregar a estratexia de especialización nas distintas dimensións consideradas. A universidade debe definir cal é o alcance do CE identificando, en cada ámbito da súa actividade, que elementos da estrutura adscribiríanse ao CE.
Forma de presentación da documentación.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo da copias presentadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Oito meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 10 de setembro de 2019 pola que se regula o procedemento para a acreditación dos campus de especialización do Sistema universitario de Galicia (DOG nº 177 do 18 de setembro de 2019).
-
Corrección de erros. Orde do 10 de setembro de 2019 pola que se regula o procedemento para a acreditación dos campus de especialización do Sistema universitario de Galicia (DOG nº 200 do 21 de outubro de 2019).
-
Orde do 17 de abril de 2024 pola que se modifica a Orde do 10 de setembro de 2019 pola que se regula o procedemento para a acreditación dos campus de especialización do Sistema universitario de Galicia (DOG nº 83 do 26 de abril de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia.
Prazo pechado: 14/07/2018 00:00 - 13/08/2018 23:59
Bolsas destinadas ao alumnado das universidades públicas do SUG que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios, fóra do programa "Erasmus+".
Prazo pechado: 22/06/2024 00:00 - 22/07/2024 23:59
Axudas para o inicio de estudos universitarios nas universidades do Sistema universitario de Galicia.
Prazo pechado: 06/10/2017 00:00 - 06/11/2017 23:59
Axudas ao alumnado de segundo e posteriores cursos matriculado nas universidades do sistema universitario de galicia, nas ramas de coñecemento afectadas polos cambios de requisitos académicos introducidos polo Real Decreto 1000/2012, do 29 de xuño.
Prazo pechado: 18/01/2018 00:00 - 19/02/2018 23:59