Guía de procedementos e servizos

PR924C

Subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás comunidades galegas no exterior

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 02/02/2021 00:00 - 01/03/2021 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, ás entidades galegas no exterior, para a realización dos seguintes programas:

Programa A. Axudas para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural.

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións ás entidades galegas no exterior para contribuír ao financiamento dos gastos derivados dos investimentos que realicen en obras de ampliación, reforma, rehabilitación, conservación e restauración, destinadas á mellora das súas instalacións e/ou patrimonio cultural. Considéranse igualmente incluídos no obxecto deste programa o financiamento dos gastos derivados da adquisición da sede social ou de instalacións para o desenvolvemento de actividades propias do seu obxecto, e os de amortización de créditos concertados para esta finalidade, se é o caso.

Non se concederán subvencións para as obras que se pretendan realizar nos establecementos hostaleiros ou calquera tipo de explotación comercial que funcionen dentro das instalacións obxecto da solicitude.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os gastos derivados de:

1. Investimentos que realicen as entidades galegas propietarias das instalacións, en obras que realicen para a súa ampliación, reforma, rehabilitación ou conservación. Tamén se considerarán aqueles investimentos para a adquisición da sede social ou de instalacións, así como os de amortización do crédito concertado, se é o caso.

2. Investimentos que realicen as entidades galegas en obras imprescindibles de rehabilitación, conservación ou adaptación das instalacións que, aínda que non sexan propias, utilicen como sede habitual e permanente.

3. Realización do proxecto de obras asinado por técnico competente e/ou expedición da preceptiva licenza municipal de obras. O importe destes gastos non poderá superar o 10 % da totalidade do investimento proxectado.

4. Investimentos na restauración dos bens de interese artístico e histórico, así como daqueles documentos, fondos ou coleccións que conformen o patrimonio bibliográfico e documental titularidade das entidades galegas no exterior, levadas a cabo por técnicos competentes en cada unha das materias.

Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións para financiar a adquisición de dotacións e equipamentos que melloren as condicións en que se desenvolvan as actividades asociativas.

Non se concederán subvencións para a adquisición de equipamentos destinados aos establecementos hostaleiros ou doutro tipo cando teñan un carácter de explotación comercial.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os seguintes investimentos en:

a) Mobiliario e equipamentos materiais que melloren as condicións asistenciais, culturais, educativas, de protección contra a COVID-19, etc., en beneficio dos seus asociados.

b) Adquisición de aplicacións informáticas de xestión das entidades compatibles coa presentación de solicitudes e documentación xustificativa para programas da Xunta de Galicia e co Rexistro da Galeguidade.

c) Equipamentos de materiais tecnolóxicos, informáticos e de telecomunicacións.

d) Instrumentos musicais e vestimenta tradicional galega destinados aos grupos de carácter cultural da entidade.

e) Equipamentos e material para ludotecas destinados a espazos de xogo dentro das instalacións das entidades.

f) Outro material inventariable que contribúa á mellora das dotacións e equipamentos das entidades para a realización do seu obxecto social.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade. No caso de federacións de comunidades e/ou entidades, deben contar con local social diferenciado do das entidades asociadas.

Obrigas das entidades beneficiarias.

Con carácter xeral, as entidades beneficiarias das subvencións correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigadas a:

1. Executar as obras, adquirir os equipamentos ou realizar a actividade ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles corresponden.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as accións subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento a entidade beneficiaria que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude, ou o resultante da aplicación do artigo 11, sempre e cando o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto, logo de resolución da Secretaría Xeral, o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 11 desta Resolución.

6. Difundir o cofinanciamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación, publicacións por calquera medio, carteleira ou placas de inauguración que se realicen con motivo da actuación subvencionada, inserindo en lugar visible o logo da Xunta de Galicia coa lenda: «Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia». Nas obras ou en equipamentos especificas/os de carácter singular cunha subvención igual ou superior a 5.000 euros será obrigatorio a colocación dunha placa de carácter permanente.

7. Os bens inmobles rehabilitados destinaranse á sede habitual e permanente da entidade galega beneficiaria durante un período mínimo de cinco anos. O resto dos bens de equipamento subvencionados deberá destinarse para o fin para o cal se concedeu a subvención durante un período mínimo de tres anos.

O incumprimento da obriga de destino antes do vencemento do prazo sinalado, que se producirá en todo caso co alleamento ou gravame do ben ou coa disolución da entidade galega beneficiaria da axuda, será causa de reintegro da subvención nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando os bens afectos ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor, salvo que resulte ser un terceiro protexido pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título.

Non se considerará incumprida a obriga de destino referida no punto anterior cando o cambio de destino, alleamento ou gravame do ben, ou a disolución da entidade, sexa autorizada pola Secretaría Xeral da Emigración, debendo comunicar a entidade beneficiaria con antelación calquera modificación prevista na finalidade ou na titularidade do ben subvencionado. Neste suposto, o adquirente asumirá a obriga de destino dos bens polo período restante e, no caso de incumprimento desta, do reintegro da subvención.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas

Servizo de Promoción das Entidades Galegas

R/ Basquiños, 2

15704  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957160/ 981545833

Fax: 981957179

Email: emigracion.subvencions@xunta.es

Secretaría Xeral da Emigración
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

02/02/2021 00:00 - 01/03/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Para os efectos do previsto no artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dada a natureza das subvencións reguladas na presente convocatoria e a condición de entidades galegas sen fin de lucro dos beneficiarios, quedan exceptuadas da prohibición de recibir as ditas axudas as entidades que teñan a residencia fiscal nos territorios identificados regulamentariamente como paraísos fiscais, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á condición de beneficiarios da subvención de que se trate.

Forma e lugar de presentación das solicitudes.

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Buenos Aires (Arxentina) e de Montevideo (Uruguai), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento.

 Documentación.

1. Documentación xeral. Xunto coa solicitude as entidades deberán presentar a seguinte documentación xeral:

a) Certificado de residencia fiscal para as entidades solicitantes que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español, emitido en 2021 polas autoridades competentes do seu país de residencia.

b) Declaración en que conste que a entidade solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, incluída no anexo I desta resolución.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. Documentación complementaria. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación complementaria que especificamente se relaciona nos artigos 28 e 31, segundo corresponda para cada un dos programas para os que presente solicitude. Así mesmo, poderán achegar calquera outro documento que consideren conveniente.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

En consecuencia co disposto no artigo 6.1 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude de xeito presencial deberán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A solicitude e a documentación complementaria que se presente deberá ser asinada polo presidente ou polo representante legal da entidade solicitante.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño.

b) Certificación de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

c) Certificación de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español tamén poderán realizar trámites posteriores accedendo a Carpeta cidadá e opcionalmente, poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora de procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 12 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 20 do 1 de febreiro de 2021).

    • Extracto da Resolución do 12 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 20 do 1 de febreiro de 2021).

    • Resolución do 16 de novembro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se se publican as subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 12 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás comunidades galegas no exterior para o exercicio 2021. (DOG nº 232 do 2 de decembro de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano