Guía de procedementos e servizos

PR924C

Subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás comunidades galegas no exterior.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 12/02/2019 00:00 - 11/03/2019 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, ás entidades galegas no exterior, para realizar os seguintes programas:

Programa A. Axudas para obras de ampliación, reforma, rehabilitación e conservación das instalacións e/ou do patrimonio cultural.

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións ás entidades galegas no exterior para contribuír ao financiamento dos gastos derivados dos investimentos que realicen en obras de ampliación, reforma, rehabilitación, conservación e restauración, destinadas á mellora das súas instalacións e/ou patrimonio cultural. Considéranse igualmente incluídos no obxecto deste programa o financiamento dos gastos derivados da adquisición da sede social e os de amortización e xuros de créditos bancarios concertados para esta finalidade, de ser o caso.

Non se concederán subvencións para as obras que se pretendan realizar nos establecementos hostaleiros ou en calquera tipo de explotación comercial que funcionen dentro das instalacións obxecto da solicitude.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os gastos derivados de:

1. Investimentos que realicen as entidades galegas propietarias das instalacións en obras que realicen para a súa ampliación, reforma, rehabilitación ou conservación. Tamén se considerarán aqueles investimentos para a adquisición da sede social ou os de amortización e xuros do crédito bancario concertado, de ser o caso.

2. Investimentos que realicen as entidades galegas en obras imprescindibles de rehabilitación, conservación ou adaptación das instalacións que, aínda que non sexan propias, utilicen como sede habitual e permanente.

3. Realización do proxecto de obras asinado por técnico competente e/ou expedición da preceptiva licenza municipal de obras. O importe destes gastos non poderá superar o 10 % da totalidade do investimento proxectado.

4. Investimentos na restauración dos bens de interese artístico e histórico, así como daqueles documentos, fondos ou coleccións que conformen o patrimonio bibliográfico e documental titularidade das entidades galegas no exterior, levadas a cabo por técnicos competentes en cada unha das materias.

Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións para financiar a adquisición de dotacións e equipamentos que melloren as condicións en que se desenvolvan as actividades asociativas.

Non se concederán subvencións para a adquisición de equipamentos destinados aos establecementos hostaleiros ou doutro tipo cando teñan un carácter de explotación comercial.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os seguintes gastos:

a) Mobiliario e equipamentos materiais que melloren as condicións asistenciais, culturais, educativas, etc, en beneficio dos seus asociados.

b) Equipamentos materiais tecnolóxicos, informáticos e de telecomunicacións.

c) Instrumentos musicais e vestimenta tradicional galega destinados aos grupos de carácter cultural da entidade.

d) Equipamentos e material para ludotecas destinados a espazos de xogo dentro das instalacións das entidades.

e) Outro material inventariable que contribúa á mellora das dotacións e equipamentos das entidades para realizar o seu obxecto social.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade ao abeiro da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, coa categoría de comunidades galegas, coa de centros colaboradores da galeguidade ou coa de federacións de comunidades e/ou entidades que conten con local social diferenciado do das entidades asociadas.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas

Servizo de Promoción das Entidades Galegas

R/ Basquiños, 2

15704  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957160 / 981545833

Fax: 981957179

Email: emigracion.subvencions@xunta.es

Secretaría Xeral da Emigración
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

12/02/2019 00:00 - 11/03/2019 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Con carácter xeral, as entidades beneficiarias das subvencións correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a:

1. Executar as obras, adquirir os equipamentos ou realizar a actividade ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as accións subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento a entidade beneficiaria que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude, ou o resultante da aplicación do artigo 11, sempre e cando o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto, logo de resolución da Secretaría Xeral, o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 11 desta resolución.

6. Difundir o cofinanciamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación, publicacións por calquera medio, carteleira ou placas de inauguración que se realicen con motivo da actuación subvencionada, inserindo en lugar visible o logo da Xunta de Galicia coa lenda: «Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia». Nas obras cunha subvención igual ou superior a 5.000 € será obrigatoria a colocación dunha placa de carácter permanente.

7. Os bens inmobles rehabilitados destinaranse á sede habitual e permanente da entidade galega beneficiaria durante un período mínimo de cinco anos. O resto dos bens de equipamento subvencionados deberán destinarse para o fin para o cal se concedeu a subvención durante un período mínimo de tres anos.

O incumprimento da obriga de destino antes do vencemento do prazo sinalado, que se producirá en todo caso co alleamento ou gravame do ben ou coa disolución da entidade galega beneficiaria da axuda, será causa de reintegro da subvención nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e quedarán os bens afectos ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor, salvo que resulte ser un terceiro protexido pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título.

Non se considerará incumprida a obriga de destino referida no punto anterior cando o cambio de destino, alleamento ou gravame do ben, ou a disolución da entidade, sexan autorizados pola Secretaría Xeral da Emigración, e a entidade beneficiaria deberá comunicar con antelación calquera modificación prevista na finalidade ou na titularidade do ben subvencionado. Neste suposto, o adquirente asumirá a obriga de destino dos bens polo período restante e, no caso de incumprimento desta, do reintegro da subvención.

  • As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento.

  • As entidades só poderán presentar a solicitude para un dos dous programas previstos no artigo 1 desta resolución, agás as resultantes de procesos de unión ou fusión que estivesen rematados dentro dos 6 anos anteriores á data da publicación desta convocatoria; neste caso, o importe máximo da suma das axudas que se concedan nos dous programas será inferior a 30.000 €, sen que se superen os límites establecidos para cada un no artigo 4 desta resolución.

Documentación.

  • Documentación xeral. Xunto coa solicitude as entidades deberán presentar a seguinte documentación xeral:

    • a) Certificado de residencia fiscal para as entidades solicitantes que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español, emitido no ano 2019 polas autoridades competentes do seu país de residencia.

    • b) Declaración en que conste que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, incluída no anexo I desta resolución.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • Documentación complementaria. Segundo o programa para o cal se presente a solicitude, a entidade deberá xuntar ademais a documentación complementaria que especificamente se relaciona no artigo 29 ou no 32, segundo corresponda. Así mesmo, as persoas interesadas poderán achegar calquera outro documento que consideren conveniente.

As entidades con sede social en España e aqueloutras que así o elixisen ao abeiro do artigo 6.1 presentarán a documentación complementaria obrigatoriamente por vía electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Consecuente co disposto no artigo 6.1 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude de maneira presencial deberán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • A solicitude e a documentación complementaria que se presenten deberán ser asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade solicitante.

Programa A. Axudas para obras de ampliación, reforma, rehabilitación e conservación das instalacións e/ou do patrimonio cultural.

  • Xunto coa solicitude, ademais da documentación relacionada no artigo 8, as entidades que pidan axuda por este programa teñen que presentar a seguinte documentación:

    • a) Memoria descritiva das obras que se vaian a realizar. Detallarase polo miúdo a descrición das obras proxectadas, a situación xurídica das instalacións (en propiedade, alugamento, cesión ou outros) e os motivos e finalidades que xustifiquen a súa realización.

    • b) Orzamento ou orzamentos realizados por empresas en que se detalle o custo das obras referidas na memoria para as cales se solicita a subvención. O importe máximo dos investimentos non poderá superar a contía prevista na convocatoria. No caso de que o proxecto presentado supere ese importe, non se terá en conta o exceso.

    • c) Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 40.000 euros deberanse achegar tres orzamentos de diferentes empresas, salvo que polas especiais características dos gastos non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren ou presten os investimentos proxectados, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberase achegar unha memoria que xustifique tal decisión.

    • d) No caso de adquisición da sede social, copia da escritura pública da adquisición e/ou do crédito bancario, xunto co cadro de amortización.

    • e) No caso de restauracións, informe asinado por un técnico competente que inclúa o diagnóstico sobre o estado de conservación da obra ou documento, fondo ou colección que se vai restaurar, así como a súa necesidade de restauración e a correspondente proposta de intervención e o seu valor histórico, artístico, bibliográfico ou documental.

    • f) No caso de non ser propietarios, documento de cesión de uso ou copia do contrato oficial vixente de alugamento do local que sirva de sede habitual e permanente da entidade solicitante, a non ser que xa conste copia deste na Secretaría Xeral da Emigración, e se faga constar así expresamente. Na documentación achegada debe constar a data do seu vencemento e que o local alugado ou cedido é a sede social da entidade.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (planos, informes, memorias económicas anuais da entidade, fotografías, etc.).

Cando os documentos achegados ao expediente polas entidades solicitantes estean redactados nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución a calquera destes idiomas.

Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos inventariables.

  • Xunto coa solicitude, ademais da documentación relacionada no artigo 8, as entidades que pidan axuda por este programa teñen que presentar a seguinte documentación:

    • a) Memoria descritiva dos equipamentos que se pretenden adquirir, onde consten os motivos e/ou necesidade da adquisición e a súa finalidade, que deberá constar entre as regulamentarias da sociedade.

    • b) Orzamento ou orzamentos realizados por empresas provedoras en que se detalle o custo dos equipamentos para os cales se solicita a subvención.

    • c) Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 15.000 euros nalgún dos equipamentos, deberanse achegar tres orzamentos de diferentes provedores, referidos a cada un dos equipamentos, que superen o dito importe, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren os equipamentos, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberá achegarse unha memoria que xustifique tal decisión.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (informes, memorias, fotografías, etc.).

Cando os documentos achegados ao expediente polas entidades solicitantes estean redactados nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución a calquera destes idiomas.

  • Comprobación de datos.

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño.

  • b) Situación ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

  • c) Situación ao día de pagamentos coa Seguridade Social.

  • d) Situación ó día de pagamentos coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas que presenten os documentos correspondentes.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 27 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 29 do 11 de febreiro de 2019).

    • Extracto da Resolución do 27 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 29 do 11 de febreiro de 2019).

    • Resolución do 29 de novembro de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se se publican as subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 27 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior para o exercicio 2019 (DOG nº 240 do 18 de decembro de 2019).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano