Eficiencia enerxética
No eido da eficiencia e o aforro enerxético dispóñense diferentes liñas de apoio que teñen por obxecto promover un uso racional da enerxía tanto nos fogares e edificios como nas empresas e nos espazos públicos. Así, existen axudas específicas para persoas físicas propietarias ou titulares de vivendas de uso residencial e comunidades ou mancomunidades de veciños/as; outras dirixidas a empresas (tanto para beneficio propio como para favorecer a súa participación, en calidade de entidades colaboradoras, na xestión das axudas outorgadas para instalacións ou renovacións de fiestras, caldeiras etc.) e, asemade, liñas específicas dirixidas a entidades locais.
As axudas dispoñibles procuran a mellora da eficiencia enerxética mediante a renovación do illamento en fogares (ventás, cubertas, instalacións eléctricas...) e o uso de enerxías renovables (biomasa, solar fotovoltaica...) en fogares, edificios comunitarios, instalacións industriais e agrícolas etc.
