Guía de procedementos e servizos

VI501B

Subvencións para a adquisición ou autopromoción de vivendas en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 27/08/2026 09:00 - 16/11/2026 14:00

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Sobre o procedemento

Facilitar ás persoas mozas o acceso a unha vivenda en réxime de propiedade localizada nun concello con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes, mediante a concesión dunha subvención para a súa adquisición ou alternativamente para a autopromoción.

1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

b) Ter menos de 36 anos no momento de solicitar a axuda. Non obstante, para o suposto de adquisición dunha vivenda, este requisito poderá concorrer no momento da subscrición do contrato privado ou da formalización da escritura pública de compravenda, cando esta se realice antes da publicación da correspondente convocatoria.

c) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 4,5 veces o IPREM. Este límite será de 5 veces o IPREM, se na unidade de convivencia existen persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, e de 5,5 veces o IPREM, se na unidade de convivencia existen persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

f) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

g) Que non se lles teña revogado, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista no actual ou no anterior Plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa que lles fose imputable a aquelas.

2. Para o suposto de adquisición dunha vivenda, ademais dos requisitos previstos no punto anterior, deberán cumprirse os seguintes:

a) Ter subscrito dentro do prazo sinalado na correspondente convocatoria un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que cumpra os requisitos sinalados nestas bases reguladoras.

b) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública formalizada con anterioridade á referida data. A vivenda adquirida deberá constituír a súa residencia habitual e permanente por un prazo mínimo de cinco anos desde a data da súa adquisición.

3. Para o caso de autopromoción dunha vivenda, ademais dos requisitos previstos no punto 1 deste ordinal, deberán cumprirse os seguintes:

a) Que a persoa solicitante sexa propietaria ou usufrutuaria da parcela ou soar en que se atope a vivenda construída.

b) Que a vivenda construída vaia constituír a residencia habitual e permanente da persoa beneficiaria e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia por un prazo mínimo de cinco anos desde a data da finalización da obra, debendo ser ocupada no prazo máximo de tres meses desde a dita data.

4. No suposto de adquisición ou autopromoción dunha vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas deberá cumprir os requisitos sinalados neste ordinal para poder ser beneficiaria da axuda.

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Dirección Técnica de Axudas e Vivenda

Servizo de Acceso á Vivenda

Área Central. Fontiñas

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541982

Email: planificacion.igvs@xunta.gal

https://igvs.xunta.gal/gl/axudas

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

27/08/2026 09:00 - 16/11/2026 14:00

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.



O prazo de presentación de solicitudes rematará o 16 de novembro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario. O dito esgotamento, en caso de producirse antes do fin do prazo para presentar solicitudes, farase público no DOG mediante resolución da persoa titular da dirección xeral do IGVS.



2. As solicitudes poderán presentarse dende as 09.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 16 de novembro de 2026. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.



3. As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.


Requisitos da adquisición ou da autopromoción

1. Para poder optar á axuda é preciso que:

a) Que a vivenda adquirida ou autopromocionada estea localizada nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data da publicación da correspondente convocatoria.

b) Que a vivenda sexa adquirida ou autopromocionada por un máximo de dúas persoas físicas.

c) Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, ou o custo da autopromoción, sexa igual ou inferior a 250.000,00 euros. Para estes efectos, non se entenderán incluídos os gastos e tributos inherentes a ela. Así mesmo, no suposto da autopromoción, non se entenderá incluído neste importe o valor do solo.

2. Ademais do previsto no punto anterior, para poder acceder ás axudas de adquisición é preciso que a vivenda xa estea construída no momento da presentación da solicitude. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.

3. Para o suposto da autopromoción, exixirase, ademais dos requisitos previstos no punto 1 deste ordinal:

a) Que as obras estean iniciadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2026. En todo caso, a construción da vivenda deberá estar finalizada no momento da presentación da solicitude.

b) Que a vivenda construída cumpra cos requisitos exixidos no anexo I do Real decreto 326/2026, do 22 de abril.

c) Que todas as actuacións executadas se axusten á normativa técnica e urbanística en vigor.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora na presente resolución como anexo I.

No formulario de solicitude deberase sinalar a modalidade de axuda pola que se opta adquisición ou autopromoción de vivenda.

Nos supostos de adquisición da propiedade da vivenda ou autopromoción por máis dunha persoa, cada unha delas deberá presentar a súa correspondente solicitude.

A presentación electrónica será obrigatoria, tendo en conta que as persoas destinatarias destas axudas, mozos e mozas menores de 36 anos, teñen acceso e dispoñibilidade de medios electrónicos necesarios para relacionarse electronicamente coas administracións públicas.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No suposto de persoas ás cales, tendo presentado unha solicitude no programa para as modalidades previstas nesta resolución, lles fose denegada por esgotamento do crédito, a seguinte resolución de convocatoria poderá prever a posibilidade de presentar a solicitude dentro do prazo previsto nela.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Anexo II, de declaración responsable de composición da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación de datos, no suposto de que na vivenda vaian residir, con carácter habitual e permanente, outras persoas.

c) Anexo III, de declaración responsable da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no caso de non estar obrigadas a presentar a declaración do IRPF, acompañado da seguinte documentación:

– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.

– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en diante, INSS).

– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.

d) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español e non poidan dispoñer dela:

– Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.

– Documentación que acredite que a persoa solicitante e a súa unidade de convivencia no poden habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade, de ser o caso.

– Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou dalgún membro da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

– No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en territorio español, documentación acreditativa de que foi obtida por transmisión mortis causa.

e) Para o caso de unidades de convivencia que conten con algún membro con discapacidade, o correspondente certificado de discapacidade, de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.

2. Para o caso de solicitar axudas para a adquisición de vivenda, deberán achegar, ademais da documentación do punto anterior, a seguinte documentación:

a) Contrato privado de adquisición da vivenda, no caso de non dispoñer da correspondente escritura pública.

b) Escritura pública de adquisición da vivenda, no caso de que fose formalizada con posterioridade á data prevista na correspondente convocatoria e con anterioridade á data da presentación da solicitude.

c) Certificado de empadroamento colectivo das persoas empadroadas na vivenda adquirida, no caso de que a escritura pública de adquisición da vivenda se formalizase con anterioridade á data de presentación da correspondente solicitude.

3. Para o caso de solicitar axudas para a autopromoción de vivenda, deberán achegar, ademais da documentación do punto un, a seguinte documentación:

a) Escritura pública, certificado, nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade da propiedade ou do usufruto da parcela ou soar, no caso de que a persoa solicitante non conste como titular catastral.

b) Licenza municipal, e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas.

c) Memoria explicativa das obras realizadas asinada, se fose o caso, por persoa técnica competente, na cal se deberá incluír unha xustificación do custo total das actuacións realizadas. Esta memoria conterá a relación clasificada dos gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación da persoa acredora, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá acreditarse mediante transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento pola persoa beneficiaria das facturas correspondentes a actuación subvencionada.

d) Certificacións do inicio e da finalización das obras, emitidas por persoa técnica competente.

e) Certificación da cualificación enerxética da vivenda, que acredite que os valores límite de consumo de enerxía primaria non renovable son inferiores aos previstos no punto primeiro do anexo I do Real decreto 326/2026, 22 de abril.

f) Fotografías que mostren as obras executadas, preferentemente en cor e nas cales se mostre, ademais, o cumprimento das características da vivenda previstas no punto segundo do anexo I do Real decreto 326/2026, do 22 de abril.

g) Certificado de empadroamento colectivo das persoas empadroadas na vivenda construída, no caso de estar empadroadas na vivenda no momento da presentación da solicitude.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade representante da persoa solicitante, de ser o caso.

c) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e as persoas que integran a súa unidade de convivencia.

d) Certificado da renda expedido pola AEAT da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia correspondente aos datos fiscais que se establezan en cada convocatoria.

e) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, onde conste que a persoa solicitante ten en propiedade ou usufruto a parcela ou soar, no suposto da autopromoción de vivendas.

f) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda e Función Pública, onde conste que nin a persoa solicitante nin as persoas que integran a súa unidade de convivencia teñen en propiedade e/ou en usufruto outra vivenda en territorio español.

g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante e dos restantes membros da unidade de convivencia que figuran no anexo II.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante e dos restantes membros da unidade de convivencia que figuran no anexo II.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Permiso de estancia ou residencia regular en España, no caso das persoas estranxeiras non comunitarias, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

b) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

c) Certificado das prestacións da renda de integración social de Galicia da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

d) Certificado dos importes das prestacións de desemprego percibidos no período fiscal especificado na correspondente convocatoria pola persoa solicitante e polas persoas que integran a súa unidade de convivencia.

e) Consulta de datos de residencia legal de persoas estranxeiras da persoa solicitante.

f) Certificado acreditativo da discapacidade da persoa solicitante e/ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no caso de que este documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia. No caso de que deba ser expedido por outra Administración pública, deberá achegarse a correspondente documentación.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Un mes

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Estatal
    • Real decreto 326/2026, de 22 de abril, por el que se regula el Plan Estatal de Vivienda 2026-2030

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 11 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición ou autopromoción de vivendas en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 156 do 19 de Agosto de 2026).

    • Extracto da Resolución do 11 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición ou autopromoción de vivendas en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 156 do 19 de Agosto de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN413C

Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

IN413D

Inscrición/modificación do certificado de edificios existentes no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

VI402B

Programa avais para a adquisición de vivenda

Tramitar en liña

Prazo aberto: 13/03/2026 09:00 - 30/10/2026 14:00

VI409B

Cambio de réxime de alugamento a compravenda e de compravenda a alugamento de vivendas protexidas de promoción pública.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano