Guía de procedementos e servizos

TU503K

Subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 15/12/2025 09:00 - 02/03/2026 23:59

Presidencia da Xunta de Galicia

Sobre o procedemento

A concesión de axudas para establecementos turísticos de aloxamento e adegas situadas nos territorios das cinco Rutas do Viño de Galicia para a adquisición, instalación e posta en funcionamento de bicicletas e patinetes eléctricos, estacións de reparación e puntos de recarga, así como para a creación dun sistema de xestión destes vehículos eléctricos e a comunicación destas experiencias, promovendo as sinerxias entre os actores que as conforman así como fomentando a mellora da experiencia enogastronómica e a posta en valor dos produtos vitivinícolas.

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen nos establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

2. Así mesmo, poderán ser persoas beneficiarias as empresas titulares de adegas. As adegas beneficiarias da subvención, de non estar xa inscritas no REAT, deberán inscribirse como recursos turísticos no REAT antes do remate do período de xustificación. As adegas deberán achegar unha memoria e fotos que acrediten que teñen unha zona visitable para turistas, con zona de cata e degustación de produtos da zona, museo ou sala de exposicións, percorridos polos viñedos ou calquera actividade que poña en valor os viños da adega ou produtos de proximidade.

3. Esta actuación afecta as cinco rutas do viño de Galicia e a súa área de influencia, polo que tanto os establecementos turísticos de aloxamento como as adegas deben estar situados no territorio das cinco denominacións de orixe:

  • DOP Monterrei

  • DOP Rías Baixas

  • DOP Ribeira Sacra

  • DOP Ribeiro 

  • DOP Valdeorras

No caso das adegas, deberá acreditarse a adhesión a algunha das rutas do viño de Galicia no momento de solicitar a subvención, para o que bastará a certificación de socia expedida por unha das cinco rutas do viño de Galicia.

4. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) que proxecten levar a cabo un proxecto localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate no momento da presentación da solicitude de axuda.

Para os efectos das presentes bases, consideraranse microempresas e pemes as empresas que respondan á definición de microempresa e peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Xunta de Galicia

Presidencia da Xunta de Galicia

Axencia Turismo de Galicia

Dirección de Competitividade

Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial

A Barcia, Carretera Santiago - Noia, km. 3,

15897  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547404 / 981546360

Email: fomento.turismo@xunta.gal

https://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

Axencia Turismo de Galicia
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

15/12/2025 09:00 - 02/03/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses. O dito prazo comezará a contar unha vez que transcorran oito (8) días naturais desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A hora de inicio do prazo de presentación de solicitudes será ás 9.00 horas e a hora de fin do prazo será ás 20.00 horas. Se o día de inicio do prazo é inhábil, o prazo comezará a contar o día hábil seguinte.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

De acordo coa Resolución do 13 de febreiro de 2026 amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata o 2 de marzo de 2026.

Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante.

b) As empresas que se atopen en situación de crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión 2014/C 249/1, do 31 de xullo). A acreditación deste requisito realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar para estes efectos a Axencia de Turismo de Galicia.

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior ou ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000,00 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

6. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 23 destas bases.

7. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Solicitudes

Cada persoa interesada poderá presentar como máximo unha solicitude de axuda por cada establecemento. Para este fin utilizarase o modelo previsto no anexo II.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 14 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos, se algunha das entidades solicitantes presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo II:

a) Documentación que acredite a plena dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 23. Deberá achegar documentación acreditativa da propiedade do inmoble ou calquera outro título de disposición válido en dereito no cal, ademais, se autorice a realización da actuación solicitada.

b) Memoria descritiva do proxecto para o que se solicita a subvención, que incluirá como mínimo a seguinte información:

– Motivos que aconsellan a realización dos investimentos e obxectivos previstos coa execución do proxecto.

– Descrición das actuacións que se van realizar en cada unha das liñas e/ou previstas no período subvencionable. Recollerase o número, a localización e tipoloxía de vehículos eléctricos, estacións de reparación e puntos de recarga, segundo a liña para a que se solicita a subvención.

– Fases de execución do proxecto e prazos previstos de execución.

– Importes detallados dos investimentos realizados e/ou previstos no período subvencionable.

– Reportaxe fotográfica da zona sobre a que se vai actuar: colocación das estacións de reparación, dos puntos de recarga e vehículos eléctricos.

c) Acreditación da adhesión a algunha das rutas do viño de Galicia, no caso das adegas; bastará a certificación de socia expedida por unha das cinco rutas do viño de Galicia.

d) No caso das adegas, deberán achegar memoria e fotos que acrediten que teñen unha zona visitable para turistas, con zona de cata e degustación de produtos da zona, museo ou sala de exposicións, percorridos polos viñedos ou calquera actividade que poña en valor os viños da adega.

e) No caso de obras de instalación de punto de recarga eléctrica (liña 1.2), deberá achegarse unha memoria explicativa da contribución á sostibilidade e integración coa contorna natural.

f) No caso de proxectos dixitais da liña 3, deberá achegarse unha memoria explicativa.

g) No caso de sinalética e información das experiencias creadas cos vehículos eléctricos (liña 4), deberá xuntarse unha memoria explicativa do novo produto turístico que se vai desenvolver.

h) Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa deberase achegar ademais:

• Contas anuais da empresa solicitante e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de seren depositadas no rexistro correspondente.

• Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

i) Orzamento do investimento desagregado por partidas.

j) As tres ofertas de diferentes provedores consonte o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de ser o caso. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

k) Documentación acreditativa da representación suficiente para actuar en nome da empresa.

l) Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

m) Anexo VII de declaración responsable do cumprimento do principio de non causar dano significativo aos seis obxectivos ambientais no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, do 18 de xuño (principio Do no significant harm-DNSH), segundo o establecido no artigo 7.

n) Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantías dos dereitos dixitais (anexo VIII).

ñ) Declaración responsable do cumprimento dos principios transversais establecidos no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e o cumprimento do principio DNSH (anexo IX).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, esta deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha entidade presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (2 GB por presentación) ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.

f) Consulta de concesións pola regra de minimis.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

i) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social.

j) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á súa Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 18 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia, co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria como anticipado de gasto para o ano 2026 (DOG nº 235 do 04 de decembro de 2025).

    • Extracto da Resolución do 18 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia, co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria como anticipado de gasto para o ano 2026 (DOG nº 235 do 04 de decembro de 2025).

    • Resolución do 13 de febreiro de 2026 pola que se acorda a ampliación do prazo para a presentación de solicitudes no procedemento regulado pola Resolución do 18 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia, co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se efectua a súa convocatoria como anticipado de gasto para o ano 2026 (DOG nº 31 do 16 de febreiro de 2026).

    • Extracto da Resolución do 13 de febreiro de 2026 pola que se acorda a ampliación do prazo para a presentación de solicitudes no procedemento regulado pola Resolución do 18 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia, co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se efectúa a súa convocatoria como anticipado de gasto para o ano 2026 (DOG nº 31 do 16 de febreiro de 2026).

    • Resolución do 21 de abril de 2026 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 18 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia, co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria como anticipado de gasto para o ano 2026 (DOG nº 79 do 29 de abril de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA002A

Subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo.

Aberto todo o ano

IF504B

Autoprestación do servizo ó pasaxe, que comprende o embarque e desembarque de pasaxeiros e pasaxeiras, así como a carga e descarga de equipaxes e vehículos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR303A

Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano