Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU503A
Subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Presidencia da Xunta de Galicia
Concesión de subvencións para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia.
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20 de maio), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
2. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice á persoa beneficiaria á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 20.b) destas bases.
3. Deberá acreditarse unha antigüidade da actividade turística de aloxamento e restauración no establecemento para o cal se solicita a subvención non inferior a 5 anos á data de solicitude da axuda (tanto da actividade como do establecemento). Para estes efectos, tomarase como data de referencia para o cálculo da antigüidade a data de inscrición no REAT.
4. Os requisitos para ser beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
5. Non poderán obter a condición de beneficiaria:
– Aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
– Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.
6. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa beneficiaria da subvención, por cambio na titularidade do establecemento, terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, subrogándose o novo titular na posición xurídica de persoa beneficiaria da subvención e nas obrigas dimanantes desta.
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Dirección de Competitividade
Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial
A Barcia, Carretera Santiago - Noia, km. 3,
15897 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546364/ 981547405
Email: fomento.turismo@xunta.gal
https://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions
Prazo de presentación: PECHADO
12/02/2025 00:00 - 11/03/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Forma e lugar de presentación das solicitudes e das declaracións responsables.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá á persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se dará por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. So poderá presentarse unha única solicitude por establecemento. No caso de que un mesmo titular teña varios establecementos inscritos no REAT terá que presentar unha solicitude por cada establecemento.
4. As persoas ou entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:
a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.
b) Se se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha axuda de minimis.
c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.
e) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas das previstas nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Que non foi sancionada con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.
g) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 20 das bases reguladoras.
h) Que a empresa solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20 de maio).
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da propiedade do inmoble ou calquera outro título de disposición válido en dereito no que, ademais, se autorice a realización da actuación solicitada.
b) Memoria explicativa na que se definan de xeito pormenorizado o investimento e as actuacións que se van desenvolver e que, se é o caso, comprenderá:
– Planos de localización do investimento.
– Relación, indicando calidades, dos materiais e acabamentos propostos.
– Relación detallada dos bens mobles e equipamentos, con indicación das calidades, localización e número que se van instalar.
– Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e da contorna.
c) Orzamento do investimento desagregado por partidas no que se especificará o importe da execución material así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra, e todo o equipamento proposto.
d) Memoria explicativa sobre o cumprimento dos criterios de valoración sinalados no artigo 13. Deberase acompañar da documentación acreditativa no caso dos aspectos a valorar recollidos nas alíneas b), c), d), e) e f) do número 1 do citado artigo. No caso de que non se achegue a documentación acreditativa, o criterio de valoración non será puntuado.
e) As tres ofertas de diferentes provedores consonte o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se é o caso.
f) Documentación acreditativa da representación suficiente para actuar en nome da empresa, no caso de que non coincida cos datos que figuran no REAT.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (2 GB por presentación) ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Sen prexuízo do disposto no número 1, a Axencia de Turismo de Galicia poderá requirir a persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fai, se dará por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI/NIE da persoa solicitante.
– DNI/NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– NIF da entidade representante.
– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia, e a súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2025 (DOG nº 28 do 11 de febreiro de 2025).
-
Extracto da Resolución do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia, e a súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2025 (DOG nº 28 do 11 de febreiro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo.
Aberto todo o ano
Autoprestación do servizo ó pasaxe, que comprende o embarque e desembarque de pasaxeiros e pasaxeiras, así como a carga e descarga de equipaxes e vehículos.
Aberto todo o ano
Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.
Aberto todo o ano