Guía de procedementos e servizos

SI427B

Axudas e subvencións a entidades locais: Programa de apoio aos CIM.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 13/06/2026 00:00 - 13/07/2026 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

Sobre o procedemento

Fixar as bases e convocar para o ano 2026 as axudas e subvencións a entidades locais para o programa de apoio aos CIM para o financiamento das seguintes accións:

1. A existencia no cadro de persoal ou na relación de postos de traballo da entidade de prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM, en concreto para os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, técnicos/as ou axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

2. A contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de técnicos/as ou axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, sempre que a entidade local non conte con persoal que preste servizos no CIM para realizar as correspondentes funcións.

 Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Promoción da Igualdade

Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade

Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545356

Email: promocion.igualdade@xunta.gal

http://igualdade.xunta.gal/

Dirección Xeral de Promoción da Igualdade
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

13/06/2026 00:00 - 13/07/2026 23:59

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

1. Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e as condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións, así como os derivados, se é o caso, da presentación dunha solicitude para a xestión compartida dun proxecto ou servizo.

2. A entidade local ten que ser titular dun centro de información á muller (CIM) acreditado segundo o establecido no Decreto 130/2016, do 15 de setembro.

Poderase presentar solicitude individual ou conxunta para a xestión compartida da prestación deste servizo, mediante a agrupación ou asociación das entidades locais titulares de CIM ou con outros concellos que non o teñan acreditado.

3. Ter cumprido, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2024 ao Consello de Contas de Galicia.

4. Ter presentado a memoria anual do CIM correspondente ao ano 2025 ante a Consellería de Política Social e Igualdade, segundo os termos e prazos establecidos no artigo 14 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro.

5. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do previsto no número 3.

Solicitudes de xestión compartida: requisitos e condicións

1. Para estes efectos, terán a consideración de solicitudes de xestión compartida as presentadas por agrupacións, asociacións ou entidades locais que integren varios concellos.

2. As entidades locais que se agrupen ou asocien deberán:

a) Presentar, xunto coa solicitude, un convenio de colaboración relativo á agrupación ou asociación, que poderá ser un novo convenio ou un anterior en vigor.

Se non achegan o convenio xunto coa solicitude ou no prazo concedido para a súa achega, logo do requirimento efectuado para o efecto, considerarase que desisten da súa solicitude. Non obstante, poderase tramitar como solicitude individual do CIM sempre que o manifeste expresamente e por escrito no dito prazo.

b) Nomear a persoa titular dunha das alcaldías para a representación única, tanto na coordinación como na interlocución, ante a Consellería de Política Social e Igualdade, que será a que reciba e xustifique a subvención. En todo caso, a representación corresponderá á persoa titular da alcaldía dun concello que teña acreditado o CIM.

c) Reflectir os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades que forman parte da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que se aplicará a cada unha delas.

d) Os concellos agrupados ou asociados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta orde, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

4. As mancomunidades de concellos e os consorcios locais deberán presentar, xunto coa solicitude, unha certificación expedida pola súa secretaría onde se fagan constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio e os que participan no proxecto ou servizo para o cal se solicita subvención.

5. Procederá a exclusión ou inadmisión daquelas solicitudes de xestión compartida nas cales non se acredite a realización conxunta da actuación ou servizo para o cal se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Nos supostos de mancomunidades e consorcios, deberá acreditarse que a actuación e/ou servizo se presta de xeito mancomunado ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I), a documentación que se relaciona a continuación:

a) Anexo II: certificación do órgano competente da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención e do compromiso do financiamento do custo da actuación obxecto de axuda naquela parte que exceda o importe da subvención para a súa completa realización. No caso de mancomunidades ou consorcios, deberán cubrir o último punto do anexo para facer constar a relación de concellos que a integran e os que participan na actuación para a cal se solicita a subvención.

b) Anexo II bis (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos): certificación do órgano competente do concello representante, en que se fagan constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados, as cuestións que se recollen no dito anexo en relación cos requisitos e condicións previstos no artigo 5.

c) Anexo III.1 e III.2: orzamento desagregado dos gastos do persoal adscrito ao CIM (anexo III.1), debidamente asinado pola persoa que exerza a representación da entidade solicitante, así como as fichas individualizadas do persoal que presta ou que vaia prestar servizos no CIM (anexo III.2).

d) Copia do convenio de colaboración (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos).

e) Memoria de aforro de custos respecto da realización do programa ou actividade de forma individualizada (só no caso de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades ou consorcios).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 3 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para o apoio aos centros de información á muller (CIM), de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 109 do 12 de xuño de 2026).

    • Extracto da Orde do 3 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para o apoio aos centros de información á muller (CIM), de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 109 do 12 de xuño de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS308A

Inclusión no censo de entidades xuvenís.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano