Guía de procedementos e servizos

PR937A

Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Próxima apertura: 09/02/2026 09:00 - 30/09/2026 20:00

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

A concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, que se establezan como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:

1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.

2. Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral do Retorno

Servizo de Planificación e Xestión de Programas do Retorno

Praza de Mazarelos, 15

15704  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547271/ 981957162

Fax: 981547296

Email: retorno.emigracion@xunta.es

Secretaría Xeral da Emigración
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

09/02/2026 09:00 - 30/09/2026 20:00

O prazo de presentación das solicitudes comezará ás 9.00 horas do quinto día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día de inicio do prazo fose inhábil comezará o día hábil seguinte.

Este prazo rematará o 30 de setembro de 2026, ás 20.00 horas, sen que en ningún caso poida ser inferior a un mes.

As solicitudes presentadas antes das 9.00 horas do quinto día natural seguinte ao da súa publicación serán inadmitidas.

1. Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:

a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 3.

b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.

c) Ter residido no estranxeiro e que a data do retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2024, incluído.

d) Estar de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade do colexio profesional, en todo caso, con anterioridade á presentación da solicitude.

e) Estar empadroado/a e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Exercer a actividade empresarial ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

g) Ter o domicilio fiscal en Galicia.

No caso de que a actividade se realice a través dunha empresa, este requisito referirase ao domicilio fiscal desta.

h) Non ter sido beneficiaria desta axuda ao abeiro de anteriores convocatorias.

2. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar con carácter previo á concesión da subvención:

a) Ter a condición de persoa usuaria da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno.

b) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Quedan excluídos os autónomos colaboradores.

Solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 10.1.a) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, no ámbito do sector público autonómico, están obrigados a relacionarse a través dos medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo os traballadores autónomos e as traballadoras autónomas para os trámites e as actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta.

b) Baixa consular, certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, ou calquera outra documentación que acredite de xeito fidedigno a residencia no exterior e a data de retorno a España.

c) Alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou alta na mutualidade do colexio profesional que corresponda, na cal se recolla o réxime da Seguridade Social e a data en que tivo lugar a alta.

d) Certificación actualizada da Axencia Estatal de Administración Tributaria, de situación no censo de actividades económicas (IAE), en que, necesariamente, deben figurar a data da alta, o domicilio fiscal e a localización do establecemento da actividade.

e) Plan de negocio empresarial segundo o modelo do anexo II.

Este plan deberá ter informe da súa viabilidade económica e financeira dunha entidade independente, entre as cales figuran os axentes de emprego e desenvolvemento local e a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Neste último caso, o informe solicitarase á Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social a través do seguinte enderezo web,https://polosemprendemento.gal/prog-retorna-emprend

f) Documento emitido pola Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno que acredite a condición de persoa usuaria da dita oficina.

g) Cando a actividade se desenvolva a través dunha empresa, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención e deberán achegar:

g.1) Escritura pública de constitución da entidade ou contrato privado onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias, segundo o caso.

g.2) Inscrición da entidade no rexistro correspondente, se é o caso.

g.3) Anexo IV de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración deste.

5. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante, de ser o caso.

d) Consulta de datos de residencia con data de última variación padroal.

e) NIF da entidade en que desenvolve a actividade a persoa solicitante.

f) Consulta dun período da vida laboral dos últimos 5 anos.

g) Alta no imposto de actividades económicas.

h) Consulta de axudas do Estado.

i) Consulta de concesións ampliado.

j) Consulta de axudas e subvencións de minimis ampliado.

k) Certificado de domicilio fiscal.

l) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

m) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

n) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos ditos datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 15 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 23 do 04 de febreiro de 2026).

    • Extracto da Resolución do 15 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 23 do 04 de febreiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR905A

Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas

Tramitar en liña

Prazo aberto: 03/02/2026 09:00 - 30/09/2026 20:00

PR925A

Axudas económicas individuais.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 06/02/2026 09:00 - 06/04/2026 20:00

PR940A

Recoñecemento/adaptación á Lei 7/2013 da galeguidade.

Aberto todo o ano

PR940B

Revogación do recoñecemento.

Aberto todo o ano