Guía de procedementos e servizos

PR924C

Subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás comunidades galegas no exterior

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 20/02/2026 00:00 - 04/04/2026 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Ampliación de prazo (unicamente para entidades con sede en Cuba): data fin 04/04/2026 23:59

Que é e para que serve

A concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, ás entidades galegas no exterior, para a realización dos seguintes programas:

– Programa A. Axudas para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural.

– Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

Quen pode solicitalo

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, sempre que conste no dito rexistro a realización de accións que potencien os vínculos con Galicia durante a última anualidade. No caso de federacións de comunidades e/ou entidades deben contar con local social diferenciado do das entidades asociadas.

Requisitos

Para os efectos do previsto no artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dada a natureza das subvencións reguladas na presente convocatoria e que as beneficiarias son entidades galegas sen fin de lucro, quedan exceptuadas da prohibición de recibir as ditas axudas as entidades que teñan a residencia fiscal nos territorios identificados regulamentariamente como paraísos fiscais, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á condición de beneficiarias da subvención de que se trate.

Cando se pode solicitar

Prazo de presentación: PECHADO

20/02/2026 00:00 - 04/04/2026 23:59

Segundo a Resolución do 18 de marzo de 2026, en atención á situación de colapso do sistema eléctrico en Cuba, para entidades con sede social nesta illa amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata o 4 de abril de 2026, inclusive.

Como se tramita

Podes presentar esta solicitude de dous xeitos:

  • Por internet, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
  • Presencialmente, nunha oficina de rexistro ou noutros lugares autorizados.

Se pertences a algún destes grupos, tes que presentar a solicitude electronicamente:

  • Persoas xurídicas.
  • Entidades sen personalidade xurídica.
  • Profesionais que deban estar colexiados para exercer a súa actividade.
  • Empregados públicos, cando realicen un trámite por razón da súa condición de empregado público.
  • Traballadores e traballadoras autónomos.
  • Estudantes universitarios.
  • Persoas que representen a calquera dos grupos anteriores.

Tramitar en liña

A solicitude pódela presentar electronicamente a través do botón “Tramitar en liña” dispoñible nesta páxina. 

Para presentar a solicitude en liña:

  • Pulsa o botón «Tramitar en liña» desta páxina.
  • Identifícate electronicamente.
  • Firma a solicitude cun sistema de sinatura electrónica admitido.

Podes consultar os sistemas de identificación e firma admitidos na sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón.

Tramitar presencialmente

Se non estas obrigado a presentar a solicitude electronicamente podes facelo de forma presencial.

Podes presentar a solicitude en:

  • As oficinas de asistencia en materia de rexistro da Xunta de Galicia.
  • As oficinas de rexistro doutras administracións públicas, como os concellos.
  • As oficinas de Correos.
  • As embaixadas e os consulados de España no estranxeiro.
  • Outros lugares autorizados na normativa reguladora do procedemento.

As oficinas de asistencia en materia de rexistro da Xunta de Galicia pódelas consultar en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion 

Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa. 

Se prefires que te atendan a unha hora concreta, solicita cita previa en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/cita-previa

Que documentación hai que presentar

A documentación que debes presentar depende do tipo de solicitude que realices.

A Administración poderá comprobar automaticamente algúns datos necesarios para a tramitación.

Se non pode comprobalos, indicarémosche que documentos debes achegar.

Nalgúns casos, terás que completar e presentar formularios adicionais, chamados anexos.

Podes descargalos desde a ligazón que aparece xunto ao nome de cada formulario.

Documentación

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Excepcionalmente, as entidades con sede en América do Sur poderán dirixirse as delegacións da Xunta de Galicia ou a algunha das entidades que se indican a continuación para a presentación electrónica da súa solicitude:

• En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Xaneiro.

– Sociedade Española de Río de Xaneiro.

– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.

• En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

• En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa que ten a representación legal da entidade lle outorga á persoa responsable dalgunha das entidades citadas ou da delegación da Xunta de Galicia para que remita a súa solicitude vía electrónica.

3. As entidades só poderán presentar a solicitude para un dos dous programas previstos no artigo 1 desta resolución, agás nos casos das resultantes de procesos de unión ou fusión que estivesen finalizados na data de remate de prazo de presentación de solicitude, ou cando pediran a través do programa B para a adquisición das aplicacións informáticas ás que se refire o artigo 29.b) desta convocatoria; nestes casos, o importe máximo da suma das axudas que se concedan nos dous programas será inferior a 30.000 €, sen que superen os límites establecidos para cada un no artigo 4.

4. Os importes dos orzamentos e da distribución do seu financiamento que se fagan constar nas solicitudes (anexo I) deberán figurar en euros. Cando se presenten orzamentos en moeda distinta ao euro aplicaráselle o cambio de compra vixente o día da publicación da convocatoria.

Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación común aos dous programas:

Certificado de residencia fiscal para as entidades solicitantes que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español, emitido en 2026 polas autoridades competentes do seu país de residencia.

b) Documentación específica para o programa A. Axudas para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural:

1º. Memoria descritiva das obras que se vaian realizar. Detallaranse polo miúdo as obras proxectadas, a situación xurídica das instalacións (en propiedade, alugamento, cesión ou outros) e os motivos e finalidades que xustifiquen a súa realización. Salvo que pola natureza das obras non sexa posible, incluiranse fotografías que deberán estar numeradas e convenientemente identificadas para unha mellor comprensión dos traballos que se van realizar.

2º. Orzamento ou orzamentos realizados por empresas en que se detalle o custo das obras referidas na memoria para as que se solicita a subvención. O importe máximo dos investimentos non poderá superar a contía prevista na convocatoria. No caso de que o proxecto presentado superase ese importe, non se terá en conta o exceso.

3º. Cando o importe dun proxecto de investimento subvencionable sexa igual ou superior a 40.000 euros nalgunha das obras, deberanse achegar tres orzamentos de diferentes empresas, salvo que polas especiais características dos gastos non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren ou presten os investimentos proxectados, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberase achegar unha memoria que xustifique tal decisión.

4º. No caso de adquisición da sede social, de instalacións ou de créditos, memoria xustificativa, copia da escritura pública da adquisición e/ou copia do contrato do crédito concertado xunto co cadro de amortización.

5º. No caso de restauracións, memoria xustificativa, informe asinado por persoal técnico competente que inclúa o diagnóstico sobre o estado de conservación da obra ou documento, fondo ou colección que se vai restaurar, así como a súa necesidade de restauración e a correspondente proposta de intervención e o seu valor histórico, artístico, bibliográfico ou documental e o orzamento detallado do custo da restauración.

6º. No caso de non ser propietarias das instalacións da sede social, documento de cesión de uso ou copia do contrato oficial vixente de alugamento do local que sirva de sede habitual e permanente da entidade solicitante, non sendo que xa conste copia na Secretaría Xeral da Emigración, e se faga constar así expresamente. Na documentación achegada debe constar a data do seu vencemento e que o local alugado ou cedido é a sede social da entidade.

c) Documentación específica para o programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable:

1º. Memoria descritiva dos equipamentos, na cal consten os motivos e/ou a necesidade da adquisición e a súa finalidade, que deberá constar entre as regulamentarias da sociedade.

2º. Orzamento ou orzamentos realizados por empresas provedoras nos cales se detalle o custo dos equipamentos para os que se solicita a subvención.

3º. Cando o importe dun proxecto de investimento subvencionable sexa igual ou superior a 15.000 euros nalgún dos equipamentos, deberanse achegar tres orzamentos de diferentes provedores, referidos a cada un dos equipamentos que superen o dito importe, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren os equipamentos, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberá achegarse unha memoria que xustifique tal decisión.

Todas as solicitudes poderán ir xunto con calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (informes, memorias, fotografías, etc.).

Cando os documentos achegados ao expediente polas entidades solicitantes estean redactados nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar a tradución para calquera destes idiomas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse de xeito electrónico.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A solicitude e a documentación complementaria que se presente deberá ser asinada polo/a presidente/a ou polo/a representante legal da entidade solicitante.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño.

b) Certificación de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

c) Certificación de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as entidades deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Que vai pasar despois de que o presente

Canto tempo ten a Administración para resolver a solicitude?

Cinco meses

Que ocorre se non recibes resposta?

Se pasa o prazo establecido para resolver e non recibes unha resposta expresa, a túa solicitude considérase desestimada por silencio administrativo.

Isto significa que a solicitude non se considera aprobada.

A Administración segue estando obrigada a resolver a túa solicitude aínda que transcorra este prazo.

A resolución pode ser:

  • Estimatoria (cando aprobamos a túa solicitude).
  • Desestimatoria (cando non aprobamos a túa solicitude).

Se non aprobamos a túa solicitude, podes presentar un recurso para pedir que revisemos a decisión.

Como podes consultar ou realizar trámites despois de presentar a solicitude?

Unha vez que presentes a solicitude e se inicie o expediente (conxunto de documentos e actuacións relacionados coa túa solicitude), podes realizar trámites electrónicos a través da Carpeta cidadá (espazo privado onde podes consultar as túas xestións coa Administración) na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Desde a Carpeta cidadá podes:

  • Consultar o estado do teu expediente.
  • Acceder á documentación.
  • Realizar os trámites que estean dispoñibles.


Se non estás obrigado a relacionarte electronicamente coa Administración, tamén podes realizar estes trámites de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro (oficinas onde podes presentar documentos e recibir axuda para os teus trámites). 

Podes consultar a localización destas oficinas en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion 

Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa. 

Se desexas garantir a túa atención nunha hora determinada, solicita cita previa en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/cita-previa

Onde obter máis información

Podes obter máis información chamando ao teléfono 012 ou ao 981 900 643, servizo de información da Xunta de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas

Servizo de Promoción das Entidades Galegas

Praza de Mazarelos, 15

15704  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957160/ 981545833

Fax: 981957179

Email: emigracion.subvencions@xunta.es

Órgano responsable

Secretaría Xeral da Emigración
Normativa
    Ámbito Autonómico
    • Resolución do 2 de febreiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se procede a súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 33 do 19 de febreiro de 2026). Ligazón á normativa

    • Extracto da Resolución do 2 de febreiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 33 do 19 de febreiro de 2026). Ligazón á normativa

    • Resolución do 18 de marzo de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se habilita a presentación presencial e se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 2 de febreiro de 2026. Ligazón á normativa

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR805A

Inscrición no rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR803D

Axudas aos axentes de cooperación para execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 06/02/2026 00:00 - 05/03/2026 23:59

PR803E

Axudas para a execución de programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social que excutarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento

Tramitar en liña

Prazo pechado: 26/05/2026 00:00 - 25/06/2026 23:59

PR804B

Axudas ás ONGD para execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 29/04/2026 00:00 - 28/05/2026 23:59