Guía de procedementos e servizos

PR924B

Subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 27/02/2026 00:00 - 26/03/2026 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

A concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, en favor das entidades galegas do exterior para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos seus fins, sinaladamente nas áreas sociais, de xuventude, formativas, culturais, que persigan o mantemento ou fomento dos lazos con Galicia, que se concretan nos seguintes programas de actuación:

Programa 1. Gastos de funcionamento das entidades galegas do exterior.

Programa 2. Proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude.

Programa 3. Accións de especial relevancia e/ou de promoción do Ano Santo Xacobeo

1.Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria en cada programa as seguintes entidades inscritas no Rexistro da Galeguidade:

Programa 1: comunidades galegas, centros colaboradores da galeguidade, federacións de comunidades e/ou entidades e centros de estudo e difusión da cultura galega sempre que conste no dito rexistro a realización de accións que potencien os vínculos con Galicia durante a última anualidade.

Programas 2 e 3: entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

2. Para os efectos do previsto no artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dada a natureza das subvencións reguladas na presente convocatoria e que as beneficiarias son entidades galegas sen fin de lucro, quedan exceptuadas da prohibición de recibir estas axudas as entidades que teñan a residencia fiscal nos territorios identificados regulamentariamente como paraísos fiscais, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á condición de beneficiarias da subvención de que se trate.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas

Servizo de Promoción das Entidades Galegas

Praza de Mazarelos, 15

15704  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957160/ 981545833

Fax: 981957179

Email: emigracion.subvencions@xunta.es

Secretaría Xeral da Emigración
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

27/02/2026 00:00 - 26/03/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta resolución.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

c) Que non está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

d) Que non está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Que está ao día no pagamento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ten pendente ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Que a entidade solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente calquera cambio ou modificación e cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

3. Excepcionalmente, as entidades con sede en América do Sur poderán dirixirse ás delegacións da Xunta de Galicia ou a algunha das entidades que se indican a continuación para a presentación electrónica da súa solicitude:

En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Española de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro en Santos.

– Asociación Cultural Hispano-Gallega Caballeros de Santiago en Salvador de Bahía.

En Cuba:

– Federación de Sociedades Gallegas de Cuba na Habana.

En Venezuela:

– Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa que ostenta a representación legal da entidade lle outorga á persoa responsable dalgunha das entidades citadas ou da delegación da Xunta de Galicia para que remita a súa solicitude vía electrónica.

4. As entidades tan só poderán presentar unha única solicitude por programa.

5. Os importes dos orzamentos e da distribución do seu financiamento que se fagan constar nas solicitudes (anexo I) deberán figurar en euros. Cando se presenten orzamentos en moeda distinta ao euro, aplicaráselle o cambio de compra vixente ao día da publicación da convocatoria.

Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación específica para o programa 1. Axudas para gastos de funcionamento:

1º. Memoria explicativa dos gastos de funcionamento para os que se pide a axuda.

2º. Orzamento detallado cos custos previstos para cada concepto de gasto relacionado na memoria, correspondente ao período que abrangue a convocatoria.

3º. No caso de solicitar axuda para arrendamento do local da sede habitual e permanente da entidade, achegarase o xustificante de pagamento do alugamento referido ao mes anterior á presentación da solicitude de subvención. O contrato en vigor de alugamento da sede deberá constar no Rexistro da Galeguidade.

b) Documentación específica para o programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude:

1º. Memoria que describa cada un dos proxectos para os cales se pide a axuda, cun máximo de doce. Para cada un dos proxectos debe detallarse a súa natureza en relación cos ámbitos previstos no artigo 29, as actividades que se pretenden realizar e as datas e os lugares en que ten previsto executalos.

De incluír proxectos promovidos pola xuventude, esta memoria deberá vir asinada, ademais de pola persoa representante legal da entidade, pola persoa responsable da sección de xuventude ou do grupo de mozos e mozas organizadores.

2º. Orzamento detallado do custo de execución previsto para cada proxecto, e de todos en conxunto para os cales se solicita a subvención, asinado pola persoa representante legal da entidade.

c) Documentación específica para o programa 3. Accións de especial relevancia e/ou de promoción do Ano Santo Xacobeo:

1º. Memoria descritiva do proxecto na que se argumente a súa especial relevancia en relación coa promoción cultural, social ou económica de Galicia, as actividades que se van desenvolver, a poboación a que vai dirixido e unha estimación das persoas participantes, así como as datas e os lugares en que se pretende realizar.

2º. Orzamento detallado que recolla o custo total previsto do proxecto, desagregado nas partidas específicas das principais actividades que se van realizar, asinado polo/a representante legal da entidade.

2. Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (informes, memorias, fotografías, etc.). Cando os documentos achegados ao expediente polas entidades solicitantes estean redactados nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución para calquera destes idiomas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

3. As entidades deberán presentar a documentación complementaria electronicamente.

Se algunha destas entidades presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. A solicitude e a documentación complementaria que se presente deberá ser asinada polo/a presidente/a ou polo/a representante legal da entidade solicitante.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, en poder da Administración actuante, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos oportunos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as entidades deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 3 de febreiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2026 (DOG nº 38 do 26 de febreiro de 2026).

    • Extracto da Resolución do 3 de febreiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2026 (DOG nº 38 do 26 de febreiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR803D

Axudas aos axentes de cooperación para execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 06/02/2026 00:00 - 05/03/2026 23:59

PR805A

Inscrición no rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR923C

Obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 27/01/2026 00:00 - 13/03/2026 23:59

PR923E

Programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior

Tramitar en liña

Prazo aberto: 23/01/2026 00:00 - 10/03/2026 23:59