Guía de procedementos e servizos

PR804A

Axudas para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais, Entidades locais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 29/07/2026 00:00 - 28/08/2026 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Sobre o procedemento

Concesión de subvencións para a realización de proxectos desenvolvidos dentro dalgunha das seguintes catro dimensións:

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento, e formación vinculada ao fortalecemento da entidade e da súa base social.

c) Investigación sobre o desenvolvemento sostible e a cidadanía global, segundo o establecido no artigo 11.3 da Lei 1/2023, do 20 de febreiro, de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global.

d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade que contribúan a acadar metas globais de desenvolvemento sostible e que versen sobre iniciativas a favor da solidariedade e a xustiza global, o apoio á acción humanitaria ou á cooperación para o desenvolvemento sostible global. Inclúese neste apartado a elaboración de planificacións, diagnósticos, posicionamentos que fortalezan as organizacións nesta dimensión.

É necesario que os proxectos sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento, e que o seu contido estea claramente relacionado con este área, non sendo financiables nesta convocatoria os proxectos sen esta dimensión, a cal deberá estar claramente expresada na formulación do proxecto e no seu título.

Poderán optar ás subvencións reguladas nesta orde, de xeito individual ou liderando unha agrupación de entidades cos outros axentes de cooperación definidos na lexislación vixente de cooperación para o desenvolvemento, os seguintes axentes:

a) As organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

b) As universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) e as súas entidades dependentes ou centros de investigación públicos.

Non se considerará agrupación de entidades a aquela que estea formada por unha asociación ou federación á que pertenza a devandita organización, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do proxecto, ben con cargo á subvención ou ben con achegas propias.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea

Subdirección Xeral de Cooperación Exterior

Servizo de Fomento da Cooperación ao Desenvolvemento

Hórreo 61 2º

15701  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541015

Fax: 881999029

Email: cooperacion.exterior@xunta.gal

https://cooperacion.xunta.gal/

Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

29/07/2026 00:00 - 28/08/2026 23:59

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.


Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran algún dos requisitos seguintes:

1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e/ou agrupadas:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria. As comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro de Centros e Comunidades Galegas dependente da Secretaría Xeral da Emigración e as universidades quedan exentas de cumprir este requisito.

b) Ter correctamente xustificadas as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia para as anualidades de 2023 e anteriores doutros proxectos en materia de educación para o desenvolvemento antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, agás no caso de ter concedida a oportuna ampliación do prazo de xustificación. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) No caso das universidades, deberán formar parte do Sistema universitario de Galicia segundo a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, ou ser unha das súas entidades dependentes ou centros de investigación públicos que realicen actividades que poidan ser obxecto das axudas reguladas nestas bases.

2. Requisitos dos proxectos:

a) A execución do proxecto ten que iniciarse no ano 2026. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, deberá executarse, como máximo, ata o 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, deberán executarse, como máximo, ata o 30 de decembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo fóra de Galicia (resto de España, Europa e países prioritarios) sempre que os gastos destas actividades sexan realizados para achegar ás intervencións información e perspectiva dos países do sur e/ou a participación en redes.

c) Nos proxectos que impliquen algunha intervención nas aulas dos centros educativos de ensino obrigatorio, será necesario contar coa documentación que demostre o coñecemento previo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, ou a conformidade dos seus centros educativos.

d) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 9. Gastos do proxecto, desta convocatoria, en especial, o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.

e) O cofinanciamento do proxecto correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia non pode ser o 100 % valorizado, ten que existir nalgún caso achega financeira ao proxecto.

f) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico como o económico) adaptados á presente convocatoria.

Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais ou ben en agrupación con outras entidades. Non obstante, no caso de obter unha subvención para a execución dun programa pola liña educación transformadora ao abeiro da convocatoria para a execución de programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social para o ano 2026 (código de procedemento PR803E), unicamente se poderá subvencionar un proxecto por medio desta convocatoria a mesma entidade.

Os proxectos presentados por unha agrupación de entidades contan como un proxecto presentado por cada unha das entidades agrupadas. Polo que respecta ás universidades, esta limitación aplicarase por departamento ou entidade dependente.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante. No caso de agrupación de entidades, deberá achegarse de cada unha das entidades agrupadas.

a) Copia das contas anuais da entidade da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades.

b) Memoria da organización en Galicia en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos.

c) Listaxe dos proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global realizados en Galicia, así como dos proxectos levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas.

d) Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento en Galicia e/ou plan/estratexia específica nas áreas de educación, formación, sensibilización, investigación ou incidencia e mobilización social da organización en Galicia para os seguintes anos na que se enmarca o proxecto presentado ou, de ser o caso, o Plan continuo de mellora ou de fortalecemento da entidade.

e) A/as entidade/s agrupada/s distinta/s da solicitante deberá/n achegar unha declaración de que se atopa/n ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e coas obrigas de reintegro de subvencións e de non estar incursa/s en ningunha das restantes circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na súa normativa de desenvolvemento e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, segundo o modelo do anexo III.

f) No caso de agrupación de entidades, deberá achegar o contrato ou acordo de colaboración asinado polas persoas que exerzan a representación legal das entidades polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención.

No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas designarán unha persoa que exerza a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán facer constar, como mínimo, as seguintes cuestións:

– Compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e as achegas propias que executará cada unha delas en cada anualidade.

– Compromiso da entidade solicitante de responsabilizarse do control financeiro e contable unificado do proxecto e de comunicación perante a Xunta de Galicia de todos os ingresos e gastos do proxecto.

A agrupación non se poderá disolver, con respecto ás responsabilidades adquiridas da axuda concedida polo proxecto subvencionado pola presente convocatoria, ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto. No caso das universidades, o contrato ou acordo de colaboración deberá ser asinado pola persoa que exerza a súa representación legal.

g) No caso de solicitudes presentadas por universidades ou por unha agrupación de entidades en que participen as universidades, incluirán unha certificación, expedida pola persoa que exerza a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, en que se autorice a presentación do proxecto á convocatoria e o compromiso de gasto correspondente.

h) No caso de agrupación de entidades en que participen os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro, achegarase un documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación. O devandito documento estará asinado pola persoa que exerza a representación legal da entidade agrupada que posúa ánimo de lucro.

i) Documento de comunicación previa á Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, da execución do proxecto nas aulas dos centros educativos de ensino obrigatorio, ou documento de conformidade dos centros educativos onde se van realizar as actividades, segundo o disposto no punto 4.2.c).

Carpeta 2: información sobre o proxecto de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global.

A información sobre o proxecto presentarase nos seguintes documentos normalizados que se poderán descargar da páxina web da Cooperación Galega (https://cooperacion.xunta.gal/):

– Formulario de presentación do proxecto, en formato pdf, word ou o correspondente en Libreoffice.

– Orzamento do proxecto, en formato excel ou o correspondente en Libreoffice.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal

2. A falta de documentación e/ou información nalgunha das carpetas 1 e 2 impedirá a avaliación do proxecto se non se procede á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 11 desta orde. Quedará excluído de emenda o non envío ou envío noutro formato os documentos normalizados de formulación técnica e económica da carpeta 2 non incorporados coa solicitude inicial.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, podera solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente, tanto da entidade solicitante como da/das entidade/s agrupada/s, de ser o caso, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– NIF da entidade solicitante e da entidade agrupada, se é o caso.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.

– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.

– Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

– Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo II e III, de ser o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Non obstante o anterior, e en aplicación do establecido no artigo 31.7.i) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, no caso de entidades sen fins lucrativos, bastará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na súa normativa de desenvolvemento e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e non ser debedora por resolución de procedencia de reintegro, declaración que se considerará suficiente para os efectos da concesión e pagamento da subvención, de ser o caso.

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 24 de xullo de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 140 do 28 de xullo de 2026).

    • Extracto da Orde do 24 de xullo de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 140 do 28 de xullo de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MT811B

Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás asociacións inscritas no rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía

Tramitar en liña

Prazo aberto: 04/12/2025 00:00 - 11/09/2026 23:59

PR308A

Inscricións no Rexistro de Asociacións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR310A

Declaración de utilidade pública de asociacións e presentación de contas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR750A

Inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego

Tramitar en liña

Aberto todo o ano