Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
PE155A - Axudas autonómicas para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas.
Regular a convocatoria das subvencións no exercicio orzamentario do ano 2024 para proxectos ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas, as seguintes:
1. Pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas, con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades terán personalidade xurídica.
As persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Desenvolver o proxecto no ámbito de aplicación da estratexia do GALP.
b) Cando o beneficiario sexa unha sociedade de capital, o proxecto deberá adecuarse ao obxecto social que se recolla nos estatutos que teña rexistrados na data de remate de solicitude.
c) No caso de que o proxecto se desenvolva nun municipio densamente poboado en que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), poderán ser beneficiarios:
1º. As sociedades de capital con domicilio social e fiscal no municipio en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.
No caso de que a sociedade desenvolva actividades noutros sectores, deberán acreditar, no momento da solicitude, que a maior parte da súa facturación no ano anterior á convocatoria provén do sector pesqueiro.
2º. As persoas traballadoras autónomas integrantes do sector pesqueiro e os seus familiares que tamén teñan a condición de autónomos. Enténdese por familiares do sector pesqueiro aquelas persoas en cuxa unidade familiar figure algunha persoa física, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, viva ou falecida, no ano inmediato anterior á data da solicitude, que sexa ou fose unha persoa pescadora, mariscadora, acuicultora ou persoa traballadora en activo relacionada coa actividade pesqueira ou que traballase nese sector de forma manifesta.
2. Persoas xurídicas sen ánimo de lucro, con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia.
As persoas beneficiarias son as seguintes:
a) Confrarías de pescadores e as súas federacións.
b) Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións.
c) Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.
d) Entidades públicas locais.
e) Asociacións declaradas de utilidade pública.
f) Entidades sen ánimo de lucro cos seguintes obxectivos nos seus estatutos:
1º. Fomentar as actividades náuticas.
2º. Promocionar os produtos pesqueiros do territorio.
3º. Fomentar o ambiente mariño e costeiro.
4º. Promover o patrimonio cultural marítimo pesqueiro.
g) No caso de que o proxecto se desenvolva nun municipio densamente poboado en que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), soamente poderán ser beneficiarios:
1º. As persoas xurídicas do sector pesqueiro con domicilio social e fiscal no municipio e en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.
2º. As entidades públicas locais cuxos proxectos están dirixidos especificamente á poboación integrante do sector pesqueiro ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.
3º. No caso de proxectos que supoñan a realización dunha actividade económica, as persoas beneficiarias limitaranse á categoría de peme, agás as entidades de carácter local, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.
4º. No caso de proxectos que non supoñan a realización dunha actividade económica, as persoas beneficiarias limitaranse ás indicadas no punto 2 deste artigo.
5º. Para ser elixibles, as persoas beneficiarias disporán de capacidade administrativa, financeira e operativa. Ademais, no caso de operacións que impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos, a persoa disporá de recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións, para garantir a súa sustentabilidade financeira.
Con carácter xeral, os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
1. Requisitos xerais:
a) Apoiar o logro da prioridade 3 do FEMPA, ser coherentes coa EDLP aprobada para a zona pesqueira onde se vaia desenvolver e contribuír aos seus obxectivos.
b) Estar localizados no ámbito territorial de aplicación da estratexia de cada GALP.
c) Ser viables técnica, financeira e economicamente.
d) Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto. En particular, aplicarase a lexislación en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade e en materia ambiental, cando corresponda polo obxecto das operacións.
e) Non estar iniciados na data de presentación da solicitude de axuda.
f) Naqueles supostos de proxectos para investimentos que supoñan a realización dunha actividade económica e que se amparen no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis, exixirase a creación, como mínimo, dun posto de traballo a tempo completo (1 UTA).
2. Requisitos en materia ambiental para investimentos materiais:
a) Os investimentos materiais que se atopen fóra de solos urbanos ou urbanizables ordenados ou sectorizados deberán estar xeorreferenciados para poder apreciar os seus impactos sobre zonas con características ou requirimentos ambientais específicos. Se a instalación ou actuación é móbil, concretarase o seu rango xeográfico de mobilidade. Este requirimento non se aplica a investimentos de dotación ou mellora de equipamentos en embarcacións ou vehículos.
b) No caso de que o proxecto responda á definición do artigo 5.3.b) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e estea incluído nalgún dos supostos de avaliación ambiental recollidos no artigo 7 da mencionada lei, as persoas promotoras deberán dispor, no prazo de presentación das solicitudes, da declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto favorable á súa execución ou do informe de impacto ambiental favorable ao proxecto, segundo se trate de avaliación ambiental ordinaria ou simplificada, respectivamente. As condicións deberán ter sido incorporadas ao proxecto, de ser o caso.
c) Os proxectos que inclúan actuacións dentro do ámbito de aplicación do Real decreto 79/2019, do 22 de febreiro, polo que se regula o informe de compatibilidade e se establecen os criterios de compatibilidade coas estratexias mariñas, deberán dispor de tal informe, aspecto que se acreditará coa autorización correspondente no prazo de presentación das solicitudes.
En proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental (AIA), a acreditación do cumprimento da avaliación permitirá considerar xustificado este requisito.
d) No caso de operacións materiais que supoñan interaccións en espazos de Rede Natura 2000, Áreas Mariñas Protexidas ou outros espazos naturais protexidos, as actuacións deberán axustarse á normativa ambiental vixente.
No caso de espazos na Rede Natura 2000 non será exixible a conformidade co artigo 6.3 da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, para o suposto de operacións materiais que se localicen sobre solo urbano ou urbanizable ordenado ou sectorizado. En proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental (AIA), a acreditación do cumprimento da avaliación permitirá considerar xustificada esta condición.
e) No caso de actuacións que supoñan modificacións hidromorfolóxicas das masas de auga, as actuacións cumprirán o disposto no Real decreto 907/2007, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da planificación hidrolóxica.
f) No caso de investimentos en creación ou ampliación de instalacións, cumpriranse os requisitos establecidos nos procedementos de autorización en materia de recollida e xestión de refugallos orgánicos xerados.
g) No caso de construcións, o proxecto debe ser compatible coas normas e directrices dos espazos naturais, a paisaxe e o patrimonio cultural que sexan de aplicación.
h) Para actuacións de conservación, divulgación ou posta en valor de elementos do patrimonio cultural, cumprirase o disposto na normativa en materia de patrimonio.
i) No caso de actuacións prohibidas pola normativa de protección de recursos pesqueiros, medio mariño, augas, espazos protexidos ou biodiversidade, non se financiarán actuacións agás que estean autorizadas, no caso de que as ditas normas expresamente o consideren.
j) No caso de actuacións sobre o dominio público hidráulico, dominio público marítimo terrestre, as súas correspondentes zonas de servidume ou de policía, montes de utilidade pública ou vías pecuarias, disporase da preceptiva autorización ou concesión do organismo competente.
k) No caso de proxectos que requiren a realización de obra, polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados na execución do proxecto prepararanse para a súa reutilización, reciclaxe ou recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo, utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.
Xunta de Galicia
Consellería do Mar
Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
Subdirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca
Rúa dos Irmandiños, s/n, Salgueiriños
15701 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546147/ 981546150
Email: galp.cm@xunta.gal
https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/grupos-de-accion-local-do-sector-pesqueiro
Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
Orde do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, e se convocan as correspondentes ao ano 2024, tramitada como anticipado de gasto (DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2024).
Extracto da Orde do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, e se convocan as correspondentes ao ano 2024, tramitada como anticipado de gasto (DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2024).
Orde do 1 de abril de 2024 pola que se amplía o prazo de elevación da proposta de resolución pola xunta directiva dos grupos de acción local do sector pesqueiro das axudas convocadas pola Orde de 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, e se convocan as correspondentes ao ano 2024, tramitada como anticipado de gasto (DOG nº 66 do 4 de abril de 2024).
Prazo de presentación: PECHADO
01/02/2024 00:00 - 29/02/2024 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Presentación de solicitudes .
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), e irán dirixidas ao grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP).
De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 20.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Para a presentación electrónica poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As persoas solicitantes farán constar na solicitude de axuda (anexo I) se o ámbito de actuación comprende zonas incluídas ou que estean afectadas polo seguinte:
– Rede Natura 2000.
– Áreas mariñas protexidas.
– Espazos naturais protexidos.
– Normativa de patrimonio cultural de Galicia.
– Zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre.
– Zona de servidume de dominio público hidráulico.
– Zonas de servidume ou de policía.
– Montes de utilidade pública.
– Vías pecuarias.
– Calquera outra afección segundo a lexislación sectorial vixente en materia ambiental.
As persoas solicitantes indicarán no anexo I os importes da axuda solicitada para cada unha das anualidades en que se execute o proxecto.
3. As persoas solicitantes realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando, para o efecto, o formulario do anexo I:
a) Que respecta a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea.
b) Que ten en conta e promove a igualdade entre mulleres e homes.
c) Que evita calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual.
d) As axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas, incluídas as axudas pola regra de minimis durante o exercicio fiscal correspondente e nos dous exercicios fiscais anteriores, de ser o caso.
e) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.
f) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
h) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade cos artigos 11.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 10 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
i) Non se atopan en ningún dos supostos do artigo 11.1 e 3 do Regulamento (UE) 2021/1139, é dicir:
1º. Que non cometeron infraccións graves conforme o artigo 42 do Regulamento (CE) núm. 1005/2008 do Consello ou o artigo 90 do Regulamento (CE) núm. 1224/2009, ou conforme outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC;
2º. Que non estiveron involucrados na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque pesqueiro incluído na lista de buques INDNR da Unión Europea, segundo dispón o artigo 40.3 do Regulamento (CE) núm. 1005/2008, ou dalgún buque con pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no artigo 33 do devandito regulamento, ou
3º. Non cometeron algún dos delitos ambientais establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE do Parlamento Europeo e do Consello, no caso de que a solicitude de axuda se presente de acordo co artigo 27 do Regulamento (UE) 2021/1139.
4º. Que non se ten determinado por medio dunha resolución definitiva que cometeu fraude, tal como se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371, no contexto do FEMP ou do FEMPA.
j) A condición de ser ou non ser poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
k) A condición de peme, de ser o caso.
l) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para levar a cabo o proxecto para o que se solicita a axuda.
m) Dispoñer dos recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións, no caso de que estas impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos e para garantir a súa sustentabilidade financeira.
n) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
ñ) No caso das persoas traballadoras autónomas, estar de alta no réxime da Seguridade Social correspondente.
o) Que os investimentos en infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco anos, cumpran co principio de protección fronte ao cambio climático
p) Que a operación non inclúa actividades que forman parte dunha operación suxeita a relocalización, de conformidade co artigo 66 ou que constitúan unha transferencia dunha actividade produtiva, de conformidade co artigo 65.1.a) ambos os dous do Regulamento (UE) 2021/1060.
q) Que o proxecto non foi iniciado.
r) Que cumpre a normativa comunitaria, nacional e autonómica vixente, en particular a lexislación en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade, e en materia ambiental.
4. As persoas solicitantes realizarán unha declaración responsable sobre a aplicación da normativa en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade, de acordo co sinalado no anexo I bis.
5. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible. No caso da declaración de cumprimento do artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139, a autorización terá validez nos 5 anos posteriores á concesión da axuda.
6. O organismo intermedio de xestión (Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro), recollerá información sobre os titulares reais dos perceptores da financiación da Unión Europea, de conformidade cos datos que figuran no anexo XVII do Regulamento (UE) 2021/1060, e con base no establecido no artigo 62.2 do dito regulamento.
De conformidade co artigo 5, punto 8, do Regulamento do Rexistro Central de Titularidades Reais, aprobado polo Real decreto 609/2023, do 11 de xullo, a información contida no rexistro será accesible, de forma gratuíta e sen restrición, unicamente para o desenvolvemento das súas misións específicas, ás autoridades e organismos nacionais que xestionen, verifiquen, paguen ou auditen fondos europeos, e cuxas funcións veñan determinadas nun regulamento comunitario en que veña establecido que a información sobre titulares reais do beneficiario dos fondos pode cumprirse empregando os datos almacenados nos rexistros a que se refire o artigo 30 da Directiva (UE) núm. 2015/849; no caso de España, o Rexistro Central de Titularidades Reais.
Documentación complementaria .
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, ordenada segundo se indica:
a) Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica:
1º. Certificación do órgano competente, na cal se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para formular a solicitude ao asinante dela. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.
O órgano xestor efectuará a comprobación da inscrición do poder no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG), e, no caso de non estar inscrito, a persoa solicitante deberá achegar o correspondente documento.
2º. Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo.
3º. Copia da escritura de constitución ou dos estatutos da entidade debidamente inscritos no rexistro correspondente, ou ben nota simple do Rexistro Mercantil en que figuren, como mínimo, os datos xerais da entidade (denominación, domicilio, NIF, obxecto social, código CNAE) e os relativos á súa representación social. A actividade en que consista o proxecto presentado para a solicitude de axuda deberá estar incluída no obxecto social da persoa xurídica solicitante con anterioridade á data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
Quedan exoneradas do cumprimento deste requisito as confrarías de pescadores e as súas federacións, por estar xa a devandita documentación en poder da Consellería do Mar.
b) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:
Memoria e orzamento que conteña unha descrición do proxecto conforme os modelos que figuran na páxina web http://mar.xunta.gal
1º. No caso de investimentos de carácter material que se localizan ou realizan fóra de solos urbanos ou urbanizables ordeados ou sectorializados, localización cartográfica (planos sobre mapas) e xeorreferenciación, incluíndo as superficies ocupadas pola actuación e tamén as zonas de obtención de recursos naturais e zonas de vertedura de augas residuais, retornadas ou de residuos.
No caso de que a instalación ou actuación for móbil, concretarase o seu rango de mobilidade.
2º. Plan económico conforme o modelo que figura na páxina web http://mar.xunta.gal
3º. No caso de que poida desenvolverse por fases susceptibles de producir efectos independentes, farase constar de maneira expresa e describirase cada unha destas e os seus obxectivos independentemente.
4º. Información relativa aos indicadores previstos de resultados da prioridade 3 no programa FEMPA.
5º. Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado. O orzamento deberá estruturarse en conceptos detallados e coincidentes cos orzamentos e facturas pro forma presentadas.
c) Declaración responsable sobre a aplicación da normativa en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade conforme o anexo I bis.
d) Documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).
Os beneficiarios deberán, independentemente do importe das actuacións ou investimentos previstos, achegar coa solicitude, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren e se achegue informe motivado ao respecto.
As ofertas presentadas deben coincidir en conceptos para facilitar a comparación entre elas.
No caso das garantías recollidas no artigo 9.3 poderá presentarse só unha oferta que se acreditará mediante documento bancario.
Como excepción, as entidades públicas locais poderán documentar a elección da oferta máis vantaxosa, xunto coa solicitude de pagamento, achegando unha certificación das propostas ou ofertas recibidas para a contratación de que se trate, xunto coa resolución ou acordo de adxudicación definitiva.
A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude de subvención, ou coa xustificación, de ser o caso, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse a elección expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
No caso dos proxectos de obras, as ofertas valoraranse polo conxunto da totalidade do proxecto e non por cada partida individualizada.
e) No caso de operacións que superen os 5 millóns de euros, acreditación do IVE soportado non recuperable polo promotor, conforme a lexislación nacional sobre o IVE.
f) Proxecto técnico de execución valorado, se é necesario.
Nos supostos de operacións que inclúan un acto de edificación ou calquera outra actuación das sometidas a licenza urbanística municipal, deberá presentarse proxecto técnico completo e valorado redactado por técnico competente.
Nos supostos de operacións que inclúan actos de edificación, intervencións en edificios existentes ou uso do solo e subsolo sometidos ao réxime de comunicación previa para o seu control municipal, deberá presentarse unha descrición técnica das características do acto de que se trate ou, de ser o caso, proxecto técnico legalmente exixible, de conformidade co establecido no artigo 361.1.b) do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; en ambos os casos, con medición desagregada por partidas e prezos unitarios destas.
O proxecto técnico ou a descrición técnica, segundo o caso, axustaranse á normativa vixente en materia de accesibilidade.
g) No caso de que o proxecto o requira, o promotor deberá acreditar a capacidade legal do uso e desfrute ou propiedade dos bens relacionados co proxecto. A acreditación deberá realizarse mediante escritura pública de compravenda ou cesión, certificado de titularidade do rexistro da propiedade, contrato de alugamento con xustificante do depósito de fianza ante o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), documento acreditativo de expropiación administrativa ou concesión/autorización administrativa no caso de que as actuacións previstas no proxecto se realicen sobre dominio público.
h) Informe de técnico competente que garanta a protección fronte ao cambio climático dos investimentos en infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de 5 anos.
O informe terá en conta a definición de protección fronte ao cambio climático establecida no artigo 2.42 do Regulamento (UE) 2021/1060, e analizará a mitigación do cambio climático (neutralidade climática) e a adaptación a este.
Este informe non se exixirá no caso de que o proxecto fose obxecto de avaliación de impacto ambiental e xa consten disposicións sobre o cambio climático no informe ou declaración de impacto ambiental. Neste caso, considerase acreditada a condición de protección.
i) Para acreditar a condición de familiar, para os efectos previstos no artigo 5, deberase presentar a seguinte documentación:
1º. Libros de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar e/ou documentación acreditativa do parentesco.
2º. Documentación que acredite a condición de persoa pescadora, mariscadora, acuicultora ou traballadora do sector pesqueiro, dun membro da unidade familiar.
j) De ser o caso, presentar a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto favorable á súa execución ou o informe de impacto ambiental favorable do proxecto, segundo se trate de avaliación de impacto ambiental ordinaria ou simplificada, respectivamente. As condicións deberán ser incorporadas ao proxecto, de ser o caso.
k) No caso de que se inclúan actuacións dentro do ámbito de aplicación do Real decreto 79/2019, do 22 de febreiro, polo que se regula o informe de compatibilidade e se establecen os criterios de compatibilidade coas estratexias mariñas, presentarán a autorización correspondente.
En proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental, a acreditación do cumprimento da avaliación permitirá considerar xustificado este requisito.
l) No caso de que o proxecto comprenda zonas incluídas na Rede Natura 2000, áreas mariñas protexidas ou espazos naturais protexidos, presentarán os correspondentes informes ambientais ou, na súa falta, a solicitude ante os órganos competentes.
No caso de espazos incluídos na Rede Natura 2000 non será exixible a conformidade co artigo 6.3 da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación de hábitats naturais, fauna e flora silvestre, no caso de operacións materiais que se localicen sobre solo urbano ou urbanizable ordenado ou sectorizado. En proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental, a acreditación do cumprimento da avaliación permitirá considerar xustificada esta condición.
m) No caso de actuacións que supoñan modificacións hidromorfolóxicas de masas de auga, presentarán a autorización do organismo correspondente, conforme o Real decreto 907/2007, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de planificación hidrolóxica, ou, na súa falta, a solicitude ante o órgano competente.
n) No caso de investimentos en novas instalacións ou ampliacións, presentarán autorización en materia de recollida de residuos e xestión de refugallos xerados, ou, na súa falta, solicitude ante o órgano competente.
ñ) No caso de construcións que deban ser compatibles coas normas e directrices de espazos naturais, paisaxe ou patrimonio cultural, presentarán autorización ou informe favorable, ou, na súa falta, solicitude ante o órgano competente.
o) No caso de actuacións de conservación, divulgación ou posta en valor de elementos do patrimonio cultural, autorización ou informe favorable da Administración competente no devandito patrimonio, ou, na súa falta, solicitude ante o órgano competente.
p) No caso de actuacións prohibidas pola normativa de protección de recursos pesqueiros, medio mariño, espazos protexidos ou biodiversidade, presentarán autorización no caso de que a norma expresamente o considere, ou, na súa falta, solicitude ante o órgano competente.
q) De tratarse dun proxecto de investimento para a execución dunha actividade económica, terá que presentar a declaración censual de alta no censo de empresarios, profesionais e retedores (modelos 036/037), ou certificación da exención, de ser o caso, do imposto sobre actividades económicas (IAE).
r) Documentación acreditativa da condición de pequena e mediana empresa (peme). Para a determinación desta condición terase en conta o número de persoas empregadas no último exercicio (incluíndo, de ser o caso, o propietario, administrador ou familiares que traballen na empresa e legalmente incluídos no réxime de autónomos) e volume de negocios (impostos excluídos). As persoas solicitantes de axuda deberán cubrir a declaración de peme utilizando o anexo II A, no caso de persoas físicas e o anexo II B, no caso das persoas xurídicas.
No suposto de sociedades de capital, estes datos calcularanse da seguinte forma:
1º. Se a empresa non participa nin está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os da propia empresa.
2º. Se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os das contas consolidadas do grupo empresarial, ás cales se sumarán, se é o caso:
i) Os datos das empresas en que participa e/ou está participada en máis dun 50 % e non incluídas nas contas consolidadas.
ii) A parte proporcional (á participación) dos datos das empresas en que participa e/ou están participadas nun 25-50 % e non incluídas nas contas consolidadas.
Se a empresa é de nova constitución, os datos que se van considerar serán os provisionais.
En todo caso, se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, deben indicarse expresamente as empresas en que participa e/ou está participada, así como as porcentaxes de participación e os datos de facturación, balance e número de persoas empregadas desas empresas. Deberá xuntarse, ademais, a copia das contas desas empresas, presentadas no Rexistro Mercantil, correspondentes ao último ano.
s) No caso de proxectos en que recolla a creación de emprego, achegarase informe da Seguridade Social de persoas traballadoras en alta na data da solicitude.
t) Calquera outra documentación que sexa necesaria ou adecuada para a correcta valoración do proxecto presentado.
2. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das letras a), e), i), r), s) e t) do punto anterior por cada un dos solicitantes.
Ademais, engadirase:
a) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.
b) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.
c) Declaración responsable de cada unha das persoas, de acordo co anexo III.
d) Anexo IV: pluralidade de persoas solicitantes.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola empresa ou pola persoa traballadora autónoma interesada ante calquera Administración. Neste caso, esta deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de mediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada en supostos en que o consentimento sexa un requisito legal.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. Será obrigatoria a presentación electrónica da documentación complementaria. Se algunha persoa presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no apartado anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE das persoas solicitantes e/ou dos representantes legais, de ser o caso.
b) NIF da persoa xurídica ou entidade solicitante.
c) Certificado de residencia con data da última variación padroal da persoa física solicitante.
d) Domicilio fiscal da persoa xurídica solicitante.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigacións tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigacións tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
h) Concesións doutras subvencións e axudas.
i) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
j) Concesións pola regra de minimis.
k) Imposto de actividades económicas.
l) Informe de vida laboral.
m) Consulta de vida laboral nos últimos 5 anos.
n) Nos casos dos proxectos que requiran a capacidade legal de uso e desfrute de bens inmobles, datos catastrais.
ñ) Certificación descritiva e gráfica de inmobles da Dirección Xeral do Catastro.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente (anexos I e IV), e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención destes datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes .
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
- Fase de solicitude
- Declaración relativa á condición de peme (persoa física) (Anexo II A)
- Pluralidade de persoas solicitantes (Anexo IV)
- Declaración Responsable (Anexo III)
- Declaración relativa á condición de peme (persoa xurídica) (Anexo II B)
- Solicitude (Anexo I)
- Declaración responsable da persoa solicitante de axuda da aplicación da normativa pertinente en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade (Anexo I-bis)
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Outras convocatorias ou publicacións
Procedementos e servizos relacionados
Axudas destinadas ás empresas de comercialización e transformación de produtos da pesca, o marisqueo e de acuicultura para compensar o incremento dos prezos pola invasión de Ucraína.
Axudas para proxectos de cooperación interterritorial e transnacional dos grupos de acción local do sector pesqueiro.
Axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros.
Axudas destinadas á creación de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros