Guía de procedementos e servizos

MT975P

Subvencións a entidades locais galegas para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal. fondos de recuperación e resiliencia.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 15/06/2023 00:00 - 30/10/2023 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Sobre o procedemento

Regular a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para a execución de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, en concreto, encamiñadas a implementar a recollida separada dos biorresiduos, así como a compostaxe in situ por parte das entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, que teñan asumida a competencia para prestar ditos servizos ao tempo que se fai pública a súa convocatoria.

1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lles correspondan en materia de xestión de residuos.

2. Tendo en conta o anterior, as entidades locais poderán formular solicitudes de subvención, ben de forma individual ou ben de forma agrupada con outras entidades locais que reúnan estes mesmos requisitos. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en particular no tocante á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles, que terán, igualmente, a condición de beneficiarios, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local, que actuará como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que, para poder conceder a subvención solicitada, todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación en que se integre. De darse o caso, non se admitirá a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.

4. Para poderen ser beneficiarias destas axudas, as entidades locais deberán ter presentados no Consello de Contas as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade

Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541734

Email: axudas.cmaot@xunta.gal

Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

15/06/2023 00:00 - 30/10/2023 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de outubro de 2023 ou, de ser o caso, ata o esgotamento do crédito previsto.

1. As entidades locais que opten a estas subvencións adquirirán o compromiso firme de implantar a recollida separada e/ou a compostaxe in situ dos biorresiduos, segundo a axuda concedida, como máximo antes do 30 de decembro de 2025.

2. As entidades locais que cumpran os requisitos para ser beneficiarias de acordo co establecido nos artigos precedentes poderán concorrer a esta convocatoria ao abeiro das dúas liñas subvencionables recollidas nestas bases reguladoras, e deberán presentar unha solicitude por cada liña, tendo en conta as contías máximas de axuda establecidas no artigo 5 destas bases reguladoras.

3. Será obrigatorio por parte dos beneficiarios das liñas de axudas 1 e 2 a realización dun seguimento da actuación que garanta o cumprimento dos obxectivos marcados no proxecto.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975P). Este formulario xúntase como anexo I a estas bases.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes poderaas presentar individualmente un concello ou conxuntamente máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal que, pola súa vez, teñen a consideración de entidade local, ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.

No caso de solicitudes conxuntas presentadas baixo a modalidade de agrupación, cubrirase o anexo VIII destas bases indicando os datos dos solicitantes acollidos á modalidade de agrupación.

4. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que desempeñen a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá achegar, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude.

5. As solicitudes recibidas deben manter a proporción orzamentaria do crédito xerado; polo tanto, o importe da subvención solicitada para o ano 2023 debe ser o 10 % do total e para o ano 2024 será do 90 % restante.

6. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do enderezo de correo electrónico axudas.cmaot@xunta.gal

Documentación complementaria.

1. Para solicitar as axudas que se regulan mediante esta orde, as entidades locais municipais e supramunicipais, así como as agrupacións de entidades locais, presentarán a documentación xeral e técnica que se indica a seguir:

a) Acreditación do nomeamento da persoa representante para as súas relacións coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

b) Certificación do/da secretario/a do concello en que conste o acordo adoptado polo órgano competente e que recolla a decisión da entidade ou entidades locais pola cal se aproba a súa participación nesta convocatoria (anexo II).

c) Certificación de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).

d) Declaración, por parte da entidade solicitante, do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) no sentido do artigo 8, número 2.e), da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación y resiliencia (anexo III).

e) No caso de solicitudes relativas tanto á liña 1 como á liña 2, deberán presentar:

1º. Anexo I en función da liña solicitada, debidamente cuberto e asinado.

No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán achegar:

1º. Anexo I debidamente cuberto e asinado.

2º. Documentación xustificativa da persoa ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada.

3º. Identificación e relación de entidades locais participantes.

4º. Xustificación de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión ao Consello de Contas das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas (anexo II).

5º. Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.

6º. O importe da subvención que se vai solicitar para cada entidade membro de agrupación.

7º. Anexo de pluralidade de solicitantes (anexo VIII).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediario de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias á AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 1 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para os anos 2023 e 2024 (DOG nº 112 do 14 de xuño de 2023).

    • Extracto da Orde do 1 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para os anos 2023 e 2024 (DOG nº 112 do 14 de xuño de 2023).

    • Resolución do 21 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 1 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para os anos 2023 e 2024 (DOG nº 44 do 1 de marzo de 2024).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

AU230W

Declaración de datos para cuantificación de perdas en redes de abastecemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU231A

Colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas hidráulicas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU231B

Asunción de explotación de instalación de depuración de augas residuais urbanas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR517A

Solicitude de incorporación/renovación de parcelas para aplicación de produtos do tratamento de lodos de depuradora (PTLD)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano