Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN308D
Subvencións a empresas privadas para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Fomentar e incentivar a sustentabilidade, nas súas dimensións económica, social e ambiental, no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia.
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións:
) Para as liñas 1, 2, 4 e 5, as empresas privadas que, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, realicen actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das ditas actividades ou, cando proceda, coa conformidade do órgano administrativo correspondente, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración.
b) Para a liña 3, as empresas privadas con centros de traballo de elaboración de rocha ornamental localizados na Comunidade Autónoma de Galicia e que non estean incluídas na alínea anterior.
Para os efectos desta orde, considéranse actividades de elaboración de rocha ornamental aquelas actividades incluídas na sección C e, en concreto, na clase 23.70 do CNAE.
c) Para a liña 4, as empresas privadas que teñan algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia dedicado ao envasado das augas minerais naturais e á explotación de balnearios e que conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento desas actividades, de conformidade coa Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración.
2. Para os efectos do disposto nesta orde, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica e do seu modo de financiamento, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas os empresarios persoas físicas que exerzan actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas que exerzan unha actividade económica de forma regular.
3. Para os efectos desta orde, os conceptos de microempresa, pequena e mediana empresa axustaranse á definición contida no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
a) Na categoría das peme, defínese mediana empresa como unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios individual non excede os 50 millóns de euros (50.000.000 de euros) ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros (43.000.000 de euros).
b) Na categoría das peme, defínese pequena empresa como unha empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros (10.000.000 de euros).
c) Na categoría das peme, defínese microempresa como unha empresa que ocupa menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros (2.000.000 de euros).
4. As persoas beneficiarias non poderán estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma e deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
5. As persoas beneficiarias non poderán estar suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, nin atoparse en situación de crise de acordo co artigo 1.4.c) e artigo 2.18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
6. As persoas beneficiarias destas axudas deberán relacionarse en todo caso por medios electrónicos no marco da xestión destas subvencións, mesmo aquelas que teñan a condición de empresarios persoas físicas, tendo en conta a cualificación técnica e profesional das ditas persoas beneficiarias.
7. As persoas beneficiarias non poderán estar incursas no suposto previsto no artigo 23.4 da Orde do 28 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento IN308D).
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético
Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas
Subdirección Xeral de Recursos Minerais
Servizo de Xestión Mineira
Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5 (Edf. INEGA)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957092/ 981957259
Email: sx-recursosminerais.ceei@xunta.gal
Telefono desde o resto do Estado: 981900643
Prazo de presentación: PECHADO
25/07/2026 00:00 - 24/08/2026 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. O prazo concluirá o mesmo día en que se produciu a publicación no mes de vencemento. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indiquen na convocatoria.
2. Poderán presentarse ata un máximo de tres solicitudes por persoa solicitante. En cada solicitude indicaranse a liña de actuación en que se encadra a actuación proposta e o centro de traballo onde se vaia desenvolver.
3. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
A) Documentación administrativa
A.1. Documentación acreditativa de que a empresa realiza:
– Actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, para o cal presentarán os estatutos da sociedade e a modificación destes, debidamente legalizados, se é o caso, ou ben unha acta, escritura ou documento de constitución en que se recolla que o seu obxecto social abarca a actividade para a cal se solicita a subvención (liña 1, liña 2, liña 4 e liña 5).
– Actividades de elaboración de rocha ornamental, para o cal presentarán os estatutos da sociedade e modificación destes, debidamente legalizados, se é o caso, ou ben unha acta, escritura ou documento de constitución en que se recolla que o seu obxecto social abarca a actividade para a cal se solicita a subvención, ou un documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como declaración censual, declaración de vida laboral ou imposto de actividades económicas (liña 3).
– Actividades reguladas pola Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, para o cal presentarán os estatutos da sociedade e a modificación destes, debidamente legalizados, se é o caso, ou ben unha acta, escritura ou documento de constitución en que se recolla que o seu obxecto social abarca a actividade para a cal se solicita a subvención (liña 4).
A.2. Quen asine a solicitude en nome dunha persoa xurídica solicitante deberá acreditar a súa condición de representante legal da citada persoa xurídica, ou ben acreditar a representación en que actúa mediante un poder suficiente que o habilite para realizar en nome da persoa representada todas as actuacións que se prevexan nestas bases reguladoras. Este mesmo poder deberá ser achegado por quen asine a solicitude en nome dunha persoa física solicitante.
B) Documentación técnica
Memoria técnico-económica descritiva da actuación datada e asinada por unha persoa técnica competente. A memoria adecuarase ao modelo que se inclúe como anexo III e incluirá os puntos do seguinte índice:
1. Tipoloxía da actuación subvencionable.
2. Datos do centro de traballo onde se realiza a actuación. A Administración reserva para si a facultade de comprobar as autorizacións/concesións, rexistros e/ou comunicacións previas de carácter preceptivo necesarias para o desenvolvemento da actividade.
3. Diagnose da situación actual, identificación e xustificación da liña de actuación elixida. Ademais, para as liñas 1, 2 e 3 indicarase e xustificarase a problemática prioritaria que se pretende resolver coa actuación proposta e se a dita actuación ten unha incidencia positiva simultánea noutras problemáticas distintas da sinalada como prioritaria.
4. Descrición técnica das medidas propostas.
5. Xustificación, segundo corresponda, do incremento ou mellora das condicións ambientais, laborais ou de eficiencia enerxética (liña 1, liña 2, liña 3 e liña 4).
6. Orzamento detallado.
7. Calendario de execución.
8. Cálculo da axuda solicitada segundo os gastos subvencionables.
9. Anexos:
– Fotografías do lugar onde se prevé realizar a actuación. No caso de substitución de equipamentos existentes, deberanse achegar tamén fotografías.
– Se é o caso, ficha técnica do fabricante do equipamento, en que se inclúan os seus datos de produtividade e consumo enerxético.
– Ofertas de provedores desagregadas por conceptos e, de ser o caso, co cálculo de custos unitarios e indicación dos criterios empregados para chegar a eles: 3 ofertas/orzamentos de distintos provedores cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, e unha oferta/orzamento dun provedor para os demais casos. No caso de que a elección entre as 3 ofertas non recaia na proposta máis vantaxosa, deberá xustificalo expresamente nunha memoria. Todo iso conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Se é o caso, a hipótese de contraste correspondente ás situacións enumeradas no artigo 4.3.a) a c) e no artigo 4.6.a) a c) destas bases reguladoras (liña 1 e liña 4).
– Plano de situación onde se indique a localización da actuación que se vai realizar, esquemas ou esbozo que permitan unha axeitada interpretación da actuación, etc.
– Documentos acreditativos do cumprimento dos criterios de valoración recollidos no artigo 15 das bases.
4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consultas ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa solicitante, se é o caso.
c) DNI ou NIE da persoa representante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
- Fase de solicitude
- Memoria técnica - económica (Anexo III)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 14 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 138 do 24 de xullo de 2026).
-
Extracto da Orde do 14 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 138 do 24 de xullo de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.
Aberto todo o ano
Novacións de débedas co Igape
Prazo aberto: 26/01/2026 09:00 - 30/12/2026 14:00