Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED431C
Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do SUG - GRC.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema galego de I+D+i na modalidade de grupos de referencia competitiva
1. Poderán ser beneficiarias das axudas das modalidades A, B e C as entidades sinaladas a continuación e destinaranas aos seus grupos de investigación, incluídos os dos centros adscritos ao SUG, recoñecidos como tales polas distintas entidades, e ao persoal investigador que proceda, que cumpran na data de publicación desta convocatoria os requisitos establecidos no artigo 4 e no número 2 dos anexos I, II e III (segundo cada caso).
a) As universidades públicas do SUG.
b) Os organismos públicos de investigación de Galicia.
c) As fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC e Fundación Pública Galega Biomédica Galicia Sur). No caso dos institutos de investigación sanitaria IDIS, INIBIC, IISGS e dos centros do ámbito do Servizo Galego de Saúde que xestionen as súas actividades de investigación mediante as citadas fundacións, poderán solicitar as axudas da presente convocatoria a través destas entidades.
d) Os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia.
2. Non poderán ser beneficiarias das axudas as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias que se indican no artigo10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Secretaría Xeral de Universidades
Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria
Edificio administrativo San Caetano Bloque 2 - 1º andar.
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995150
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
24/01/2025 00:00 - 24/02/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Cada un dos grupos de referencia competitiva ou de potencial crecemento que as entidades presenten a esta convocatoria deberá cumprir os requisitos sinalados no punto 2 do anexo correspondente á modalidade a que concorra.
Non se poderá solicitar unha axuda das modalidades A ou B para un grupo de investigación que teña vixente outra axuda de calquera destas modalidades.
Cada investigador/a poderá formar parte da composición dun único grupo das modalidades A ou B desta convocatoria.
Cada investigador/a poderá liderar ou formar parte do equipo dun único proxecto de excelencia da modalidade C desta convocatoria.
O persoal investigador que figure como coordinador dun grupo das modalidades A ou B non poderá liderar nin formar parte do equipo dun Proxecto de excelencia da modalidade C.
O persoal investigador que forme parte da composición dun grupo das modalidades A ou B, sen figurar como coordinador do grupo poderá, ademais, liderar ou formar parte do equipo dun único proxecto de excelencia da modalidade C.
Para o cumprimento dos requisitos tomarase en consideración o seguinte:
1. A certificación de ingresos de I+D será a referida ao período do 1 de xaneiro de 2022 ao 31 de decembro de 2024 e unicamente poderán contabilizarse aqueles que se produzan na entidade que presenta a solicitude ou naqueles entes en que a entidade teña unha participación superior ao 20 %.
Para os grupos vinculados ao SUG contabilizaranse os que se produzan no Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (Citmaga), na Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e nas fundacións de investigación biomédica ou sanitaria, cando se correspondan aos institutos de investigación sanitaria do ámbito do sistema público de saúde de Galicia. Para os grupos vinculados cos institutos de investigación sanitaria de Galicia (IDIS, INIBIC e IISGS) contabilizaranse, ademais dos ingresos producidos nas entidades solicitantes, os ingresos producidos no resto das entidades integrantes dos citados institutos.
No caso de ingresos asentados noutras entidades distintas das anteriores, vinculados coa actividade dos grupos de investigación, so poderán contabilizarse as cantidades que fosen efectivamente reingresadas na entidade solicitante.
Para computar estes ingresos terase en conta o criterio de ingreso e non o de concesión ou sinatura, isto é, compútanse os ingresos obtidos desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de decembro de 2024, con independencia de que os proxectos, contratos ou convenios fosen anteriores a esa data. Polo mesmo criterio, non se computarán os ingresos que se produzan máis aló do 31 de decembro de 2024, aínda que correspondan a axudas concedidas no período exixido.
2. Para a certificación dos ingresos de I+D e dos méritos sinalados no número 2 dos anexos I e II teranse en conta as seguintes situacións:
a) Se un/unha investigador/a abandonou o grupo durante o período de cómputo, o grupo computará os méritos e ingresos durante o período en que esa persoa estivo nel.
b) Se un/unha investigador/a se integrou no grupo durante o período de cómputo, o grupo poderá computar os méritos e ingresos unicamente desde que esa persoa causou alta nel.
c) Se un grupo incorpora un/ha investigador/a entre o 31 de decembro de 2024 e a data de publicación da convocatoria, esa persoa poderá contar para os efectos dos mínimos de composición, pero non poderá achegar méritos ao grupo. Neste caso, a entidade solicitante deberá presentar unha certificación da relación específica dos membros que se incorporan neste período.
d) Nos casos excepcionais de grupos que se creasen ex novo entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de decembro de 2024, poderanse computar como ingresos e méritos aqueles que os/as investigadores/as que integran o novo grupo tivesen no período 2022-2024, con independencia de onde se contabilizasen e/ou producisen, incluídos aqueles que procedan de fóra do Sistema galego de I+D.
e) No caso de fusión de grupos ou de absorción dun grupo ou grupos por outro, no período entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de decembro de 2024, o novo grupo resultante poderá computar os méritos e ingresos de I+D do persoal investigador que se integre como consecuencia da fusión ou absorción, no período de cómputo entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de decembro de 2024. Neste caso, a entidade solicitante deberá presentar unha certificación que acredite a desaparición de, cando menos, un dos grupos implicados na a fusión ou absorción e a data en que esta se produce, así como unha relación dos membros que se integren no novo grupo.
Solicitude segundo o Anexo VI.
Certificado emitido pola universidade á que pertence ou estea adscrito o grupo, que acredite o cumprimento dos requisitos establecidos no anexo I da orde de convocatoria.
Certificado asinado pola persoa representante legal da entidade solicitante de que se conta con toda a documentación exixida na lexislación para a investigación con animais, de ser o caso.
Certificado da composición do grupo emitido pola universidade solicitante, en que se indique o código e/ou denominación do grupo. A composición será a completa do grupo na data de publicación da orde e incluirá a data de inscrición no rexistro da universidade, as altas e baixas no período de referencia e especificando os membros do grupo que pertencen a centros de investigación con acreditación de excelencia, centros colaborativos, campus de especialización acreditados e subsidiariamente a campus periféricos.
Certificado conforme ao establecido no artigo 4.2.c da relación especifica dos membros que se incorporaron ao grupo entre o 31 de decembro de 2024 e a data de publicación da convocatoria.
Certificado conforme ao establecido no anexo IV, apartado E, de compromiso de poñer a disposición do centro o equipamento adquirido con cargo a esta axuda durante un tempo mínimo de 10 horas semanais, de ser o caso.
Certificado conforme ao establecido no artigo 4.2.e, para os casos de fusión ou absorción, que acredite a desaparición de cando menos un dos grupos implicados na fusión ou absorción e a data na que se produce a mesma, así como unha relación dos membros que se integren no grupo.
Certificado de ingresos de I+D competitivos, computados de acordo co sinalado nos artigos 2 e 4 da convocatoria, obtidos polo grupo de investigación, onde deben figurar tanto o importe total dos proxectos como o desagregado das anualidades que se certifican.
Memoria descritiva da estratexia de investigación, estruturación e consolidación que vai seguir o grupo e que xustifica a necesidade desta axuda.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.
b) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
c) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
d) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración da Comunidade Autónoma.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos formularios de inicio e achegar os devanditos documentos. Estes documentos poderán substituírse por unha declaración responsable do solicitante, de conformidade co artigo 11 de Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025 (códigos de procedemento ED431C, IN607A, ED431B, IN607B, ED431F e IN607D) (DOG nº 15 do 23 de xaneiro de 2025).
-
Extracto da Orde do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025 (código de procedementos ED431C, IN607A, ED431B, IN607B, ED431F e IN607D) (DOG nº 15 do 23 de xaneiro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Aprobación de centros e institutos de investigación do sistema universitario de Galicia
Aberto todo o ano
Homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.
Aberto todo o ano
Equivalencia de estudos estranxeiros coa escolaridade dos cursos 2º ou 3º de educación secundaria obrigatoria para efectos laborais ou profesionais.
Aberto todo o ano
Programa Ignicia proba de concepto.
Prazo aberto: 29/04/2025 00:00 - 28/05/2025 23:59