Guía de procedementos e servizos

ED311F

Premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais de música, danza, e de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 01/07/2025 00:00 - 31/07/2025 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Recoñecer o especial aproveitamento do alumnado que cursase na Comunidade Autónoma de Galicia os estudos profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño establecidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

Alumnado que finalizase as ensinanzas profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2024/25 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Formación Profesional

Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas

Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente

Edificio Administrativo San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546556/ 981546555

Email: sereap@edu.xunta.gal

https://www.edu.xunta.gal

Dirección Xeral de Formación Profesional
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

01/07/2025 00:00 - 31/07/2025 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de xullo de 2025.

Poderá optar aos premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ámbito de música.

a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Música, no curso 2024/25, en centros públicos ou privados autorizados de ensinanzas profesionais de Música da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música. Para estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que a persoa aspirante ingresase en sexto curso, a nota media calcularase tendo en conta unicamente as materias do dito curso.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar, por sede electrónica xunto coa solicitude, unha gravación de vídeo en formato AVI ou MPEG na cal a persoa aspirante interprete tres pezas (obras ou movementos completos de obras) de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso de ensinanzas profesionais de Música, cunha duración máxima de 25 minutos, e un tamaño máximo dun xigabyte (1 GB), entre as tres pezas. O alumnado unicamente poderá presentar a solicitude de xeito individual, realizando a interpretación como solista, con acompañamento da agrupación que precise, se é o caso. A devandita gravación non poderá estar editada, deberá corresponder a unha gravación en directo sen aplicación de ningún tipo de procesamento de son e/ou imaxe. O alumnado poderá realizar máis dunha toma de vídeo sempre e cando realice unha interpretación continua de cada movemento. A persoa aspirante deberá especificar os títulos e os/as autores/autoras das pezas que interpreta na solicitude (anexo I), respectando a orde de interpretación.

2. Ámbito de danza.

a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Danza, no curso 2024/25, en centros públicos ou privados autorizados de ensinanzas profesionais de Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Danza. Para estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que a persoa aspirante ingresase en sexto curso, a nota media calcularase tendo en conta unicamente as materias do dito curso.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar, por sede electrónica xunto coa solicitude, unha gravación de vídeo en formato AVI ou MPEG na cal a persoa aspirante interprete, co acompañamento que precise, se é o caso, tres pezas (variacións, obras ou fragmentos de obras coreográficas) de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais de Danza, cunha duración máxima de 15 minutos e un tamaño máximo dun xigabyte (1 GB), entre as tres pezas. O alumnado poderá realizar unha toma de vídeo distinta para cada unha das tres pezas (variacións, obras ou fragmentos de obras coreográficas), sempre que realice unha interpretación continua de cada peza. A persoa aspirante deberá especificar os títulos e coreógrafos/as das pezas que interpreta na solicitude (anexo I), respectando a orde de interpretación. Cando a variación, obra ou fragmento da obra coreográfica presentada corresponda a unha interpretación en conxunto, deberá especificarse obrigatoriamente que bailarín/bailarina, dentro do grupo, é a persoa aspirante.

3. Ámbito de artes plásticas e deseño.

a) Ter finalizado un ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2024/25, en centros públicos ou privados autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado. A nota media final obterase da media aritmética das cualificacións dos módulos que teñan expresión numérica, sen se teren en conta no dito cálculo as cualificacións de «apto», «exento» ou «validado». No cálculo da nota media non se incluirá a cualificación do proxecto integrado ou proxecto final.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar xunto coa solicitude a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorre, en formato PDF, AVI ou MPEG cun tamaño máximo dun xigabyte (1 GB).

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes subscribiraas a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes para a presentación electrónica deste procedemento. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico sereap@edu.xunta.gal

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio dun representante.

b) Certificación académica dos estudos obxecto de baremo, na cal se reflicta a cualificación final obtida pola persoa aspirante, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público no que estea o expediente académico da persoa aspirante.

c) Documentación segundo corresponda aos respectivos ámbitos:

• Ámbitos de música e de danza: unha gravación de vídeo en formato AVI ou MPEG cun tamaño máximo dun xigabyte (1 GB).

• Ámbito de artes plásticas e deseño: memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño polo cal concorre, en formato PDF, AVI ou MPEG, cun tamaño máximo dun xigabyte (1 GB).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso, as gravacións de vídeo para os ámbitos de música e de danza, e a memoria e a documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final en formato PDF, AVI ou MPEG para o ámbito de artes plásticas e deseño poderán presentarse en soporte DVD ou memoria USB, que deberá ser enviado ao Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente, Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Non serán admitidos os proxectos integrados, proxectos finais, vídeos de música, vídeos de danza en formatos e/ou tamaños diferentes aos establecidos nesta convocatoria.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio dun representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 13 de xuño de 2025 pola que se convocan os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2024/25 (DOG nº 123 do 30 de xuño de 2025).

    • Extracto da Orde do 13 de xuño de 2025 pola que se convocan os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2024/25 (DOG nº 123 do 30 de xuño de 2025).

    • Resolución do 28 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se publica a adxudicación dos premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza e de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2024/25, convocados pola Orde do 13 de xuño de 2025 (DOG nº 237 do 09 de decembro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED317A

Avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional inicial

Aberto todo o ano

ED317B

Solicitude de exención de módulos de formación en centros de traballo (FCT) pola correspondencia coa practica laboral

Aberto todo o ano

ED434A

Homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.

ED434B

Equivalencia de estudos estranxeiros coa escolaridade dos cursos 2º ou 3º de educación secundaria obrigatoria para efectos laborais ou profesionais.