Guía de procedementos e servizos

BS306B

Axudas enmarcadas no Programa Iniciativa Xove.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns

Convocatoria 2025 - Prazo aberto: 07/05/2025 00:00 - 06/06/2025 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

1. Establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove, que están destinadas á posta en marcha de iniciativas xuvenís durante o ano 2025, e proceder á súa convocatoria.

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderanse por iniciativas xuvenís os proxectos liderados polas persoas novas da Comunidade Autónoma de Galicia, nos que estas sexan as verdadeiras protagonistas, a través da participación activa na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.

3. A finalidade destas subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz das persoas novas no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o seu benestar a través de proxectos integrais e específicos de actuación nas áreas establecidas no artigo 2.

4. Posto que as dificultades de acceso ao emprego son unha das maiores preocupacións entre a xuventude, daráselle unha especial valoración aos proxectos que teñan unha vocación de permanencia no tempo de cara a favorecer a empregabilidade, o emprendemento, e o cooperativismo. Para estes efectos, e co obxectivo de crear sinerxías que poidan constituír o xerme dunha futura oportunidade laboral, facilitarase a comunicación das persoas beneficiarias, particularmente dos grupos informais, cos Polos de emprendemento co obxectivo de obter o apoio e asesoramento necesarios para que os seus proxectos vinculados ao territorio poidan consolidarse.

Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:

a) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten, de ser o caso, as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación.

b) Os grupos informais de persoas mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 5.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Xuventude

Instituto da Xuventude de Galicia

Servizo Participación Xuvenil e Escola Galega de Xuventude

Edificio Administrativo San Lázaro, planta baixa

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 888999189/ 981544866

Fax: 981545843

Email: instituto.xuventude@xunta.gal

Dirección Xeral de Xuventude

Prazo de presentación: ABERTO

07/05/2025 00:00 - 06/06/2025 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas, no momento de presentación da solicitude, no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, regulado na Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, e no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades das persoas membro das asociacións xuvenís, de conformidade co Real decreto 397/1988, do 22 de abril, polo que se regula a inscrición rexistral de asociacións xuvenís.

2. Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 persoas mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificadas. Unha destas persoas asumirá o papel de representante do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden ao grupo e, en consecuencia, a todas as persoas que o forman. Así mesmo, deben presentar unha declaración responsable asinada por cada integrante do grupo onde conste o compromiso de execución asumido por cada un deles, expresado en porcentaxe, segundo o modelo establecido como anexo XI.

Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique. As persoas que o compoñan deberán estar empadroadas nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentación da solicitude e non poderá modificarse a composición do grupo unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.

3. Non se admitirá que unha mesma persoa forme parte ou pertenza a outro grupo ou asociación solicitante destas axudas.

4. É requisito para ser persoa beneficiaria destas axudas non estar incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Só se poderá presentar un proxecto por solicitante.

Solicitudes.

1. As persoas solicitantes deberán achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo I.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación común:

– Proxecto de iniciativas xuvenís, redactado seguindo estritamente o modelo publicado como anexo III.

b) Documentación específica para asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións:

– Certificación do secretario ou secretaria da entidade que inclúa a composición completa do órgano de dirección desta no momento de presentación da solicitude. Dita certificación deberá incluír, para cada membro, nome completo, NIF e cargo ou función que desempeña dentro do citado órgano de dirección.

c) Documentación específica para grupos informais de persoas mozas:

– Anexo II. Declaración/comprobación de datos. Un anexo por cada persoa membro excepto a persoa representante, debidamente cuberto.

– Anexo IV. Poder de representación a favor dunha persoa membro do grupo informal, asinado por todas as persoas que o compoñen.

– Anexo XI. Declaración responsable da distribución dos compromisos de execución do proxecto entre os membros do grupo, expresado en porcentaxe.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade e das persoas membro do grupo informal.

b) NIF da entidade solicitante, se é o caso.

c) NIF da entidade representante, se é o caso.

d) Certificado de que a entidade e as persoas membro do grupo informal están ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de que a entidade e as persoas membro do grupo informal están ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Certificado de que a entidade e as persoas membro do grupo informal están ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificado de residencia con data de última variación padroal das persoas membro do grupo informal, se é o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 21 de abril de 2025 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio de 2025 (DOG nº 85 do 6 de maio de 2025).

    • Extracto da Orde do 21 de abril de 2025 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio de 2025 (DOG nº 85 do 6 de maio de 2025).

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano