Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS607A
Programa Benestar en balnearios
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Política Social e Igualdade
Concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa de "Benestar en balnearios".
1. Poderán ser persoas beneficiarias do programa Benestar en balnearios para o ano 2025 aquelas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter 60 anos ou máis, ou ter 55 anos ou máis e posuír a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
b) Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e atoparse en condicións de participar no programa.
d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a convivencia normal nos establecementos, nin enfermidades transmisibles que supoñan risco de contaxio.
e) Non ter contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación necesaria que lle permita acceder a algunha das prazas e quendas solicitadas.
g) Cumprir cos requisitos e obrigas establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. A persoa solicitante poderá participar na convocatoria da oferta de estadías e tratamentos do programa acompañada das seguintes persoas:
a) O seu cónxuxe, parella de feito ou persoa con que manteña unha unión estable e de convivencia cunha relación análoga á conxugal, sempre que esta cumpra os requisitos do número 1, agás o recollido na letra a).
b) Un fillo ou filla cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que poida acudir sen apoio de terceira persoa, se desprace con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras solicitantes e cumpra os demais requisitos do número 1, agás o da letra a).
c) Calquera outra persoa con que desexe participar no programa, sempre que cumpra integramente os requisitos establecidos no número 1.
3. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995994/ 881999183/ 881995791/ 881995995/ 881995965
Email: subxeaiss.politicasocial@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
17/06/2025 00:00 - 16/07/2025 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando no mes de vencemento non exista día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferentemente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), co código de procedemento BS607A.
Opcionalmente, tamén se poderán presentar presencialmente en calquera dos lugares e os rexistros previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos na sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A presentación da solicitude implicará a aceptación expresa das condicións e obrigas establecidas nesta orde, así como a aceptación da axuda.
Documentación complementaria
1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Anexo II, se procede: datos do/da fillo/a da persoa solicitante. Xunto con este anexo deberá presentarse:
a.1) Copia do pasaporte do fillo ou da filla con discapacidade acompañante, se procede.
a.2) Informe médico actualizado do/da fillo/a, no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial como tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, habitación individual ou similar.
a.3) Certificado do grao de discapacidade, se non foi expedido pola Xunta de Galicia ou non consta no seu poder.
b) Anexo III, se procede: datos da persoa acompañante. Xunto con este anexo deberá presentarse:
b.1) Copia do pasaporte da persoa acompañante, se procede.
b.2) Informe médico actualizado da persoa acompañante, no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial como tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, habitación individual ou similar.
b.3) Certificado das pensións non outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) nin pola Xunta de Galicia, de ser o caso.
c) Copia do pasaporte da persoa solicitante, se procede.
d) Copia do libro de familia ou certificado do Rexistro Civil, no caso de que a persoa solicitante acuda acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.
e) Certificado das pensións non outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) nin pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante, se procede.
f) Informe médico actualizado da persoa solicitante, no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial como tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, habitación individual ou similar.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, para poder acceder a eles electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que a documentación se presente separadamente da solicitude, deberá indicarse o código e órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e, se se dispón del, o número de expediente.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos, que consten en poder da Administración actuante ou fosen elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña expresamente á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identificación de estranxeiro (NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa acompañante: cónxuxe, parella de feito ou persoa unida por relación análoga á conxugal, fillo/a con discapacidade ou outra persoa acompañante.
b) Datos de residencia con indicación da última variación no padrón, tanto da persoa solicitante como, de ser o caso, da persoa acompañante e do/da fillo/a con discapacidade.
c) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) correspondente ao último exercicio dispoñible, tanto da persoa solicitante como, de ser o caso, da persoa acompañante.
d) Certificado das pensións recoñecidas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) á persoa solicitante e á persoa acompañante, se procede.
e) Certificado das pensións recoñecidas pola Xunta de Galicia á persoa solicitante e á persoa acompañante, se procede.
f) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o dito certificado fora expedido pola Xunta de Galicia.
g) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), tanto da persoa solicitante como da acompañante, se procede.
h) Certificado de estar ao día no pagamento das cotizacións á Seguridade Social, da persoa solicitante e, se procede, da persoa acompañante.
i) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), tanto da persoa solicitante como da acompañante, se procede.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas solicitantes a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 6 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa de Benestar en balnearios e de axudas para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 113 do 16 de xuño de 2025).
-
Extracto da Orde do 6 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa Benestar en balnearios e de axudas para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 113 do 16 de xuño de 2025).
-
Resolución do 26 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, pola que se publica a Resolución do 25 de setembro de 2025 pola que se aproba a relación de persoas admitidas e a lista de espera para cubrir as estadías en prazas de establecementos balnearios dentro do programa Benestar en balnearios para o ano 2025 (DOG nº 192 do 06 de outubro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Presentación directa de reclamacións en materia de centros, servizos e programas de servizos sociais
Aberto todo o ano
Remisión polas entidades prestadoras de servizos sociais de reclamacións presentadas no seu libro de reclamacións
Aberto todo o ano
Expedición de títulos de ensinanzas impartidas nas escolas de tempo libre.
Aberto todo o ano
Recoñecemento oficial dos servizos de información xuvenil.
Aberto todo o ano