Guía de procedementos e servizos

MR711D

Proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 26/01/2022 00:00 - 25/02/2022 23:59

Consellería do Medio Rural

Sobre o procedemento

1. O obxecto destas bases reguladoras é establecer o réxime das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da medida 7.4 do PDR de Galicia 2014-2020, para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria.

Para estes efectos, o día da súa publicación no DOG da correspondente convocatoria estará dispoñible no enderezo da páxina web de Agader (agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda) a relación de aldeas modelo declaradas en virtude dos correspondentes  acordos do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Así mesmo, publicarase a través do mesmo medio a relación de polígonos agroforestais respecto dos que se teña publicado no Diario Oficial de Galicia o correspondente acordo de iniciación do procedemento para a súa aprobación, nos termos previstos no artigo 83 da citada lei 11/2021.

2. As axudas consisten en subvencións directas de capital.

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en adiante, LSG).

3. O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia será o MR711D.

Actuacións subvencionables.

1. Serán subvencionables as actuacións destinadas á:

a) Instalación, ampliación ou mellora das redes de alumeado público.

b) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos (prazas, paseos, rúas, parques públicos, parques infantís, etc).

c) Pavimentación de vías públicas municipais.

d) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

e) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

f) Rehabilitación de elementos patrimoniais, tales como fontes, lavadoiros, hórreos, muíños.

g) Implantación e mellora de servizos asistenciais (atención á infancia, centros de día, residencias para maiores, dependentes ou discapacitados, centros formativos e de inserción/reinserción laboral/social, etc.).

h) Implantación e mellora de servizos culturais (bibliotecas, casas de cultura, centros centros de interpretación, museos, etc.) .

i) Centros de servizos, así como pequenas infraestruturas e/ou equipamentos a pequena escala que fomenten a cooperación, servizos e implantación ou mellora das empresas no medio rural.

j) Creación, mellora e despregue de infraestruturas para mellorar as comunicacións naquelas contornas nas que non sexan posibles as comunicacións de voz en mobilidade.

k) Pequenas infraestruturas de abastecemento de auga, saneamento e depuración de augas residuais e xestión de augas pluviais.

l)  Pequenas infraestruturas e enerxías renovables e relacionadas coa eficiencia enerxética.

m) Dixitalización de núcleos rurais

n) Implantación de e-servizos mediante TIC específicas para a provisión de servizos no medio rural. Desenvolvemento de modelos de prestación de servizos por medios electrónicos e facendo uso das novas tecnoloxías para conseguir a personalización e proactividade do servizo ou a xestión intelixente de redes de distribución.  

2.Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.

Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido dos equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible e que vincule xuridicamente ao solicitante, se esta data é anterior.   

Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto antes da resolución de concesión da subvención sempre que acrediten que non está iniciado na data de solicitude da axuda mediante acta que reflicta fidedignamente o non inicio da obra ou  instalación, na forma establecida no artigos 9.1.f) destas bases reguladoras.

b) Que se desenvolvan no territorio elixible, determinado segundo se describe a continuación:

- O perímetro que conforma a zona de actuación da aldea modelo, segundo figura nos correspondentes acordos de declaración do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

De ser o caso, o territorio elixible abranguerá os núcleos de poboación que, estando situados fóra do perímetro que delimita a aldea modelo, lle dean nome e sexan lindeiros co propio perímetro da aldea.

– Os núcleos rurais situados a menos de 1 quilómetro (medido en liña recta) respecto do perímetro dun polígono agroforestal, segundo figura nos correspondentes acordos de inicio do procedemento de aprobación.

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os que se lles concedeu a axuda.

d) Que sexan viables técnica e financeiramente.

e) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto, así como ás especificacións indicadas nas presentes bases.

Investimentos subvencionables.

1. Serán subvencionables os seguintes gastos:

a) A construción, adquisición e mellora de inmobles que vaian ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto.  

No caso de adquisición de inmobles, o importe subvencionable non poderá superar  o  50%  do total dos gastos subvencionables.

Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:

–  Que se xunte un informe dun taxador independente, acreditado como tal, cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor do mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación. De ser o caso, a taxación deberá diferenzar o  valor da edificación e o valor do terreo ou parcela no que se asente.

–  O ben inmoble non pode ter sido obxecto nos últimos 10 años de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

–  Os edificios quedarán afectos ao destino previsto durante un período non inferior a 5 años ou o tempo que esixa a normativa sectorial.

–  Non será subvencionable a compra de inmobles que vaian ser derrubados.

- O inmoble deberá constituír o elemento principal da adquisición. Non se considerará que a edificación constitúe o elemento principal cando o valor de mercado do solo exceda do valor de mercado da edificación.

b) Adquisición de terreos, ata o límite do 10% do total dos gastos subvencionables.

Deberá xuntarse un informe dun taxador independente, acreditado como tal, cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor do mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.

c) Obra civil, maquinaria e bens de equipo necesarios para a execución do proxecto.

d) Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de proxecto, dirección de obra e estudos de viabilidade, ata o límite do 12% do investimento subvencionable.

e) O imposto sobre o valor engadido (IVE)

2. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde, na normativa xeral de subvencións ou na normativa específica que regula os fondos Feader, en ningún caso serán subvencionables:

a) Os gastos orixinados como consecuencia da adquisición de bens funxibles, gastos previsiblemente reiterativos, así como os gastos de funcionamento da actividade subvencionada.

b) Os proxectos relacionados coa prevención e extinción de incendios forestais.

c) As actuacións sobre a rede viaria municipal financiadas ao abeiro dos plans de mellora de camiños de titularidade municipal xestionados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, aprobados con posterioridade ao 01/01/2016.

d) As obras de mantemento ou simple reparación, así como actuacións exclusivamente ornamentais. No caso de pavimentación de vías públicas municipais non serán subvencionables as actuacións que consistan exclusivamente en arranxo de fochas

e) A reposición ou simple substitución de equipamento e/ou mobiliario público,  maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento ou eficiencia ambiental, que deberá xustificarse na memoria-resumo do proxecto (anexo III).

f) Adquisición de maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.

g) Os investimentos que substitúan a outros financiados anteriormente con fondos comunitarios e respecto dos que non transcorresen cinco anos desde a certificación da súa realización, así como os investimentos en rehabilitación de locais cuxa construción ou adquisición fose xa subvencionada con fondos comunitarios e aínda non pasasen cinco anos desde a súa execución.

h) Os conceptos do orzamento sen desagregar tales como “outros” ou partidas a tanto global.

i) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude da axuda.

Concellos de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)

Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)

Lugar da Barcia, 56 - Laraño

15897  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997266/ 981547374

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

26/01/2022 00:00 - 25/02/2022 23:59

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.  

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas (en adiante, Lei 39/2015), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas xestionadas ao abeiro destas bases reguladoras os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que conten no su ámbito territorial cos seguintes instrumentos voluntarios de recuperación e/ou mobilización de terras nos seguintes termos:

- Que se teña declarado no seu territorio unha aldea modelo ao abeiro da lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

- Que se teña iniciado no seu territorio o procedemento de aprobación para o desenvolvemento dun polígono agroforestal, nos termos previstos no artigo 83 deste texto legal.

b) Ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estea obrigada, antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude de axuda.

c) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito comprobarase con anterioridade a ditar a correspondente proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 17 destas bases reguladoras.

d) Ter a titularidade ou, de ser o caso dispoñibilidade durante un período mínimo de cinco anos, dos bens sobre os que se vai actuar.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Presentación de solicitudes.

1. Cada concello poderá presentar ata un máximo de tres solicitudes de axuda. Cada solicitude corresponderase cun único proxecto.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos.

Dentro do prazo establecido na convocatoria os concello interesados deberán cubrir previamente o formulario descritivo das circunstancias da entidade solicitante e do proxecto para o que se solicita a subvención, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e no enderezo da internet  https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2022

Para poder presentar a solicitude, é imprescindible que o concello solicitante ou o seu representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

2. Para poder presentar as solicitudes de axuda, será necesario seguir os seguintes pasos:

a) Darse de alta na aplicación informática para a xestión das axudas. O nome de usuario será o NIF da entidade solicitante; o contrasinal será o determinado por esta.

b) Necesariamente deberán cubrirse todos os campos establecidos como obrigatorios; así mesmo, débese anexar a documentación referida no artigo 9 destas bases reguladoras.

c) Unha vez cuberto o formulario, a entidade solicitante poderá presentar a súa solicitude de axuda.

No momento da presentación, a aplicación informática expedirá un recibo acreditativo do feito da presentación, e xerará de forma automática os anexos II (solicitude de axuda), e anexo III (memoria-resumo do proxecto). A publicación no DOG dos citados anexos ten carácter puramente informativo.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

4. A aplicación informática disporá de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. No caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pon a disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 981547382/981542690, e o enderezo de correo electrónico subdireccion-planificacion.agader@xunta.gal

Documentación complementaria.

1. Para cada solicitude de axuda, os concellos solicitantes deberán presentar xunto co formulario normalizado de solicitude (anexo II),  a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa da actuación proposta, segundo anexo III, na que se detalle a necesidade das obras ou equipamentos para os que se solicita a subvención e, de ser o caso, a súa viabilidade técnica.

No caso de que o proxecto consista na dotación de mobiliario ou bens de equipo, deberá describirse de forma detallada e valorada o equipamento para o que se solicita a axuda.

Deberase ter en conta que a información resultante desta memoria terase en conta, se for o caso, para a baremación do proxecto, nos termos establecidos no artigo 15 destas bases reguladoras.

Esta memoria xustificativa incluirá un cadro resumo do orzamento, con identificación das partidas ás que se imputa o gasto para o que se solicita a axuda.

b) Certificación expedida pola persoa titular da Secretaría da entidade local, acreditativa dos seguintes extremos:

1º) Da designación legal do representante da entidade solicitante.

2º) Do acordo da entidade municipal relativo á participación nesta convocatoria de axudas.

3º) Da titularidade municipal ou dispoñibilidade dos terreos ou inmobles onde se van realizar os investimentos.

4º) De se a actuación proposta foi obxecto ou non de subvencións con fondos comunitarios nos últimos cinco anos ou incide en locais cuxa construción ou adquisición fose xa subvencionada con fondos comunitarios no mesmo período.

c) Certificación da persoa titular da Secretaría ou da Intervención municipal acreditativa de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

d) No caso de actuacións que comporten a execución de obra civil, deberá presentar un proxecto ou anteproxecto de obra, co seguinte contido mínimo:

1º) Memoria descritiva das necesidades detectadas e das actuacións propostas.

2º) Orzamento desagregado, indicando unidades de obra, medicións, prezos unitarios e descompostos.

3º) Planos de situación e de detalle.

4º) Referencia catastral e coordenadas UTM das actuacións propostas.

e) Informe asinado por técnico/a municipal competente, indicando, no caso de que o proxecto para o que se solicita a axuda comporta a execución de obra civil:

1º) Se proxecto cumpre coa lexislación urbanística e sectorial, así como co planeamento en vigor.

2º) Se resultan necesarios permisos e/ou autorizacións sectoriais, con indicación daqueles que se deben incorporar ao expediente.

f) Acta asinada por un/unha técnico/a municipal, que teña a condición de empregado público, ou pola persoa titular da secretaría municipal, que reflicta fehacientemente o non inicio do proxecto para o que se pide a axuda. Para estes efectos, estará dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda un modelo normalizado de acta.

g) De ser o caso, certificado dun taxador independente, debidamente acreditado ou dun órgano ou organismo público autorizado, que acredite que o prezo de compra do ben inmoble non excede do valor de mercado, cando o proxecto comporte a adquisición de inmobles ou terreos.

h) De ser o caso, certificación expedida pola persoa responsable da Secretaría municipal, acreditativa da boa xestión do concello, nos termos previstos no artigo 15.1.b) destas bases reguladoras, indicando, se procede, o seguinte contido:

1º) O concello rendeu as contas do exercicio anterior dentro dos prazos legalmente establecidos.

2º) O concello cumpriu coa estabilidade orzamentaria no exercicio precedente.

3º) O concello aprobou o orzamento anual no prazo legalmente establecido e non o ten prorrogado.

i) De ser o caso, declaración asinada polo representante legal da entidade respecto da asunción do compromiso de informar, promocionar e difundir a aldea modelo ou o polígono agroforestal a través da súa páxina web, nos termos previstos no artigo 15.1.c.2º) das bases reguladoras.

j) De ser o caso, documentación acreditativa de que os investimentos inciden sobre bens incluídos no Inventario do patrimonio cultural ou catalogados no correspondente PXOM, nos termos previstos no 15.1.c.6º) das bases reguladoras.

k) Calquera outra documentación adicional que a persoa interesada considere conveniente para a correcta avaliación e baremación do proxecto.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

No caso de que o proxecto de obra supere o tamaño límite establecido pola sede electrónica, ou teña un formato non admitido os promotores poderán dividir o arquivo electrónico correspondente, xerando varios arquivos de menor tamaño, ou ben optar pola  súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos, en formato CD. Neste último caso, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Comprobación de datos.

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que os concellos interesados se opoñan á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día do pago de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao corrente de pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.  

f) Concesións de subvencións e axudas.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que os concellos interesados se opoñan a estas consultas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado na solicitude de axuda e achegar os correspondentes documentos.

Cando  así  o  esixa  a  normativa  aplicable  solicitarase  o  consentimento  expreso  da  persoa interesada  para  realizar  a  consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás entidades  que presenten os documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 16 do 25 de xaneiro de 2022).

    • Extracto da Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 16 do 25 de xaneiro de 2022).

    • Resolución do 22 de febreiro de 2022 pola que se modifica a Resolución do 29 de decembro de 2021, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 39 do 25 de febreiro de 2022).

    • Resolución do 13 de xullo de 2022 pola que se modifica a Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 136 do 18 de xullo de 2022).

    • Resolución do 13 de xullo de 2022 pola que se publica o resultado do proceso de selección da convocatoria de subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (DOG nº 143 do 28 de xullo de 2022).

    • Resolución do 21 de novembro de 2022 pola que se modifica a Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 227 do 29 de novembro de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR701D

Axudas LEADER. PDR de Galicia 2014-2020.

Aberto todo o ano

MR713A

Declaración de aldea modelo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR605B

Axudas para as accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras

Tramitar en liña

Prazo pechado: 25/01/2022 00:00 - 24/02/2022 23:59

MR701E

Plan Camiña rural.

Prazo pechado: 30/01/2025 00:00 - 28/02/2025 23:59