Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MR605B
Axudas para as accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais, Entidades locais
Consellería do Medio Rural
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, e especificamente en piñeirais de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra) nas provincias da Coruña e Lugo, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento administrativo MR605B), e se convocan para o ano 2022.
2. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1.c, 21.1.d, 24 e 25 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello (DOUE 20.12.2013, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aprobado por Decisión de Execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015 e modificado, por última vez, mediante a Decisión de Execución da Comisión, C(2021) 4527 final, do 17 de xuño de 2021.
1. Serán beneficiarias as persoas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, non admitíndose a cesión por parte do arrendatario do terreo a un terceiro.
2. Das axudas previstas nesta orde serán persoas beneficiarias as persoas titulares individuais, as agrupacións forestais de xestión conxunta, as fundacións, as asociacións e agrupacións de propietarios formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os proindivisos legalmente constituídos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante CMVMC), que cumpran o establecido no punto 1.
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal
Prazo de presentación: PECHADO
25/01/2022 00:00 - 24/02/2022 23:59
1. O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
2. Os traballos solicitados na solicitude de axuda non poderán iniciarse sen a presentación da declaración responsable (anexo IV) e do anexo fotográfico con fotografías xeorreferenciadas ás que se refire o artigo 16 desta orde e estarán condicionados á aprobación da axuda.
1. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
3. As agrupacións forestais de xestión conxunta deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda. As fundacións deben ter a inscrición definitiva no Rexistro de Fundacións de Interese Galego adscrito á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza tamén, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude de axuda.
4. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
5. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Deberán presentar a solicitude correctamente cuberta conforme o anexo I, xunto co resto de anexos se fose necesario. Os datos da solicitude que se citan a seguir considéranse o mínimo imprescindible para a súa tramitación, polo que a inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dos datos determinará a imposibilidade de continuar coa tramitación da subvención e dará lugar á inadmisión da solicitude, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedesen. Estes datos son:
a) Datos da persoa solicitante (nome, apelidos, NIF e enderezo completo).
b) En todos os casos, correo electrónico ou teléfono móbil.
c) Datos do tipo de solicitante.
d) Solicitude de tres ofertas de diferentes provedores. Nas ofertas presentadas debe constar coma mínimo: Sinatura, NIF ou número do RESFOR, nome e enderezo da empresa ofertante ou da persoa que asine; o nome ou razón social da persoa solicitante da axuda; a data de expedición; os conceptos ofertados e o seu importe.
e) Número de expediente dixital da adhesión a modelos silvícolas ou de xestión forestal, excepto no caso de instrumentos de ordenación ou xestión forestal inscritos no Rexistro de Montes Ordenados ou solicitada a súa aprobación.
f) Declaración responsable (anexo IV) e anexo fotográfico con fotografías xeorreferenciadas consonte o artigo 16.
No caso de que algúns documentos dos apartados d), e) e f) conteña faltas, precise completar algún dato ou algunha aclaración, requirirase para a súa emenda, non dando lugar a inadmisión da solicitude, sempre en cando os documentos, foran presentados coa solicitude.
3. Soamente se poderá presentar unha solicitude por titular, ano e para os terreos que se atopen nun mesmo concello, agás no caso de que un titular teña terreos en dúas ou máis agrupacións forestais, nas cales o 50 % dos seus membros deberá ser distinto. No caso contrario, procederase de oficio a arquivar sen máis trámite as solicitudes presentadas con posterioridade á primeira. Deberase presentar unha solicitude para cada petición realizada sobre diferentes concellos.
4. Toda a información para a presentación de solicitudes está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos. Tamén se poderá acceder a través da Oficina Agraria Virtual (OAV) dispoñible no enderezo https://mediorural.xunta.gal/gl/oficina-virtual-do-medio-rural .
5. A presentación da solicitude non implica ningún dereito para o peticionario mentres non exista resolución favorable á petición.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Documentación xeral:
a.1) No caso de que actúe por medio de representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditarse a representación por un medio válido en dereito que deixe constancia da súa existencia.
Entenderase acreditada a representación nos procedementos administrativos tramitados polo sector público autonómico mediante outorgamento de apoderamentos apud acta efectuados pola comparecencia persoal nas oficinas da rede regulada na dita lei, pola comparecencia electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia ou a través da acreditación da inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia, ou no que corresponda, do poder de representación.
a.2) Acreditación da propiedade:
A propiedade acreditarase no caso das CMVMC, mediante declaración responsable e de acordo cos datos que figuren no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común.
No caso de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, mediante declaración responsable e dacordo cos datos que figuren no Rexistro de Montes de Varas, Abertais, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo.
No caso de SOFOR, mediante declaración responsable e dacordo cos datos que figuren no Rexistro de SOFOR (Rsofor).
No caso de propietarios particulares de xeito individual, de proindivisos, de proindivisos legalmente constituídos, fundacións, asociacións e agrupacións de propietarios legalmente constituída excepto SAT e cooperativas mediante unha copia do documento que acredite a titularidade dos terreos, a tales efectos, considerarase como persoa titular aquela que conste en rexistros públicos que produzan presunción que só poida ser destruída xudicialmente ou, na súa falta, a quen apareza con tal carácter en rexistros fiscais, ou finalmente a quen o sexa pública e notoriamente, aínda que careza do oportuno título escrito.
No caso de agrupacións de propietarios legalmente constituídas (SAT ou cooperativas) mediante certificado do responsable do Rexistro de SATs e do responsable do rexistro das Cooperativas de Galicia.
No caso de entidades locais, copia do documento que acredite a propiedade do terreo.
No caso de titulares non propietarios do terreo, copia do contrato de arrendamento ou de xestión cunha duración equivalente, polo menos, ao período de compromiso da axuda.
a.3) As persoas solicitantes deberán presentar unha declaración responsable (anexo IV) e o anexo fotográfico con fotografías xeorreferenciadas consonte o artigo 16.
a.4) En todos os casos o solicitante deberá presentar, como mínimo, a solicitude de oferta a tres diferentes provedores. No caso de solicitar ofertas a un mínimo de tres provedores e que algún de eles non conteste a dita solicitude deberase presentar unha declaración responsable de non ter obtivo contestación a súa solicitude. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable, e non se admitirán as ofertas que procedan de empresas vinculadas entre elas nin coa persoa solicitante da axuda, nos termos establecidos no artigo 42 do Código de Comercio. Estas ofertas deberán estar asinadas e incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa ofertante, o nome ou razón social da persoa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Así mesmo, as empresas e persoas individuais que sexan responsables deses orzamentos deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e contar coa debida acreditación para a aplicación do produto fitosanitario. Por outra banda non poderá haber vinculación entre o solicitante da axuda e calquera dos ofertantes e, en referencia ao artigo 27.7.d), da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución das actividades subvencionadas con persoas ou entidades vinculadas con dito beneficiario. A estes efectos consideraranse persoas ou entidades vinculadas aquelas que se atopen nalgúns dos casos establecidos no artigo 18 da Lei 27/2014, de 27 de novembro, do Imposto sobre Sociedades.
a.5) Número de expediente dixital da adhesión aos modelos silvícolas (PP1, PP2, PP3, PR1, PR2, PR3 ou PN1), excepto no caso de instrumentos de ordenación ou xestión forestal inscritos no Rexistro de Montes Ordenados ou en proceso de aprobación.
b) Documentación específica:
b.1) Para fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego adscrito á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, asociacións ou agrupacións formalmente constituídas inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia, presentarán o anexo II ou acordo de cesión asinado por todos e cada un dos titulares obxecto de axuda.
b.2) Para os proindivisos, os proindivisos legalmente constituídos, montes de varas, fabeo, de vocerío, de voces, abertais e comunidades de bens, presentarán asinado o anexo III “Acordo de compromisos e obrigas” por todos e cada un dos seus compoñentes, e deberán presentar a acreditación da persoa física que as representa.
c) Documentación complementaria:
c.1) No caso de CMVMC: certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, co visto e prace do presidente, conforme autorizan que o presidente da CMVMC solicite axudas á Consellería do Medio Rural para a execución das accións obxecto da solicitude.
c.2) No caso de cooperativas agrarias: certificado do responsable do rexistro conforme se atopa inscrita e anexo V debidamente cuberto.
c.3) No caso doutras entidades xurídicas (asociacións, agrupacións, SOFOR etc.): certificado do responsable do rexistro conforme se atopa inscrita e anexo V debidamente cuberto.
c.4) No caso das entidades locais: certificado do/da secretario/a municipal conforme se informou á comisión de goberno da solicitude de axuda.
c.5) No caso de propietarios particulares, sociedade ou agrupación de propietarios particulares, de cooperativa agrícola, do proindiviso (copropietarios), do proindiviso legalmente constituído, de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, ou de comunidade de bens que teñan parcelas inscritas no rexistro da propiedade, e unicamente para os efectos de desempate na puntuación da orde de prioridade, deberán presentar copia de documento que acredite as parcelas inscritas no Rexistro da Propiedade.
C.6 Autorización/Informe do órgano competente indicando que os traballos obxecto de solicitude de axuda precisan avaliación de impacto ambiental ou, no seu defecto, a solicitude das correspondentes autorizacións/informes perante o devandito órgano competente.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se deben presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta, excepto no caso da entidades locais:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI/NIE da persoa representante (se fose o caso).
d) DNI/NIE da persoa cesionaria (se fose o caso).
e) NIF da entidade cesionaria (se fose o caso).
f) DNI/NIE da persoa representante da persoa cesionaria (se fose o caso).
g) Estar ao día do pagamento coa Seguridade Social a persoa solicitante e, se fose o caso, da persoa cesionaria.
h) Estar ao día do pagamento de obrigas tributarias (AEAT) a persoa solicitante e, se fose o caso, da persoa cesionaria.
i) Estar ao día do pagamento coa Consellería de Facenda a persoa solicitante e, se fose o caso, da persoa cesionaria.
j) Estar inhabilitada a persoa solicitante para obter subvencións públicas.
k) Ter recibido a persoa solicitante axudas pola regra mínimis.
l) Concesión de subvencións e axudas da persoa solicitante.
2.No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I, e VI e VII (se for o caso), e achegar os documentos.
Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos deberase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Certificación do acordo de solicitude de subvención (Anexo V)
- Acordo de compromisos e obrigas establecidos na orde (Anexo III)
- Acordo de cesión na agrupación de persoas propietarias particulares formalmente constituída (Anexo II)
- Declaración Responsable (Anexo IV)
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 15 do 24 de xaneiro de 2022).
-
Extracto da Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 15 do 24 de xaneiro de 2022).
-
Corrección de erros. Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 40 do 28 de febreiro de 2022).
-
Anuncio do 10 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, polo que se publica a resolución das axudas concedidas e desestimadas ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR605B) (Diario Oficial de Galicia número 15, do 24 de xaneiro) (DOG nº 109 do 8 de xuño de 2022).
-
Corrección de erros. Anuncio do 10 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, polo que se publica a resolución das axudas concedidas e desestimadas ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR605B) (Diario Oficial de Galicia número 15, do 24 de xaneiro) (DOG nº 112 do 13 de xuño de 2022).
-
-
Ámbito Europeo
-
Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (DOUE 20.12.2013 Nº L 347/487)
-
Outros procedementos relacionados
Solicitude de certificados de propiedade ou de transmisión da propiedade en concentración parcelaria
Aberto todo o ano
Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector subministrador de medios de defensa fitosanitaria.
Aberto todo o ano
Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector de tratamentos fitosanitarios
Aberto todo o ano
Rexistro Oficial de Produtores e peradores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector de asesoramento fitosanitario.
Aberto todo o ano