Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
ED481A - Axudas de apoio á etapa predoutoral.
1. Esta orde establece as bases reguladoras e a convocatoria das axudas de apoio á etapa predoutoral da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Gain, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.
2. O obxecto do programa de apoio á etapa predoutoral é outorgar axudas ás universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores nos seus centros (códigos de procedemento ED481A para as universidades do SUG e IN606A para as demais entidades).
3. Este programa procura a formación de persoas investigadoras para a obtención do título de doutora ou doutor e a adquisición das competencias e habilidades relacionadas coa investigación dentro dun programa de doutoramento.
4. Estas axudas tamén teñen por obxecto financiar a contratación laboral durante un período de capacitación para a formación posdoutoral dunha duración máxima dun ano daquelas persoas contratadas predoutorais que obteñan o título de doutora ou doutor antes do inicio do último ano de contrato.
5. Co obxecto de que as persoas investigadoras destinatarias destas axudas poidan acadar a mención de doutora ou doutor internacional, de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, fináncianse estadías de tres meses de duración no estranxeiro.
Duración, número e importe das axudas.
1. A duración das axudas será dun máximo de 4 anos, que se desenvolverán a partir do 1 de decembro de 2022.
No caso de que con anterioridade á formalización do contrato predoutoral a persoa candidata desfrutase dalgunha axuda, pública ou privada, dirixida á súa formación predoutoral ou no marco do Estatuto do persoal investigador en formación, aprobado polo Real decreto 103/2019 (BOE núm. 64, do 15 de marzo), a duración da axuda desta convocatoria reducirase no tempo equivalente. A resolución de minoración corresponderalle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para as universidades do SUG e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para as demais entidades indicadas no artigo 2.1.
Para tal efecto, as persoas candidatas propostas deberán comunicarlle ao órgano instrutor correspondente antes da sinatura do contrato, a través da entidade solicitante, a percepción doutras axudas, así como proporcionarlle calquera outra información que lles sexa requirida neste sentido.
En ningún caso a axuda que se conceda poderá ter unha duración inferior a 24 meses, contados desde a data prevista de incorporación, é dicir, de inicio do contrato.
2. O número máximo das axudas concedidas será de 102: 90 para as universidades do SUG e 12 para as demais entidades indicadas no artigo 2.1.
Do número total de axudas que se convocan, resérvanse 3 no ámbito das universidades do SUG e 1 no ámbito das demais entidades para a contratación de persoas investigadoras cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %. De existir axudas non cubertas no grupo de reserva, acumularanse ao grupo xeral.
O número máximo de persoas non comunitarias que poderán obter este tipo de axudas é de oito no ámbito das universidades do SUG e dunha no ámbito das demais entidades.
As axudas presentadas por unha universidade do SUG distribuiranse entre as cinco ramas de coñecemento: Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas; e Enxeñaría e Arquitectura, de maneira que se garanta un mínimo de 12 axudas no ámbito das universidades do SUG para cada rama, sempre que o número de solicitudes o permita.
3. O importe máximo de cada axuda é de 24.000 € anuais durante os tres primeiros anos de contrato e de 29.000 € durante o cuarto ano. Durante o contrato de capacitación para a formación posdoutoral o importe máximo é de 30.000 €. Estes importes só poderán ir destinados ao financiamento dos contratos das persoas seleccionadas, incluíndo os seus custos sociais.
4. As estadías no estranxeiro de tres meses de duración terán un importe máximo de 6.000 €, en función do destino da estadía, de acordo coa seguinte distribución:
a) Zona 1: 2.000 €, se a estadía se realiza en Portugal ou Andorra.
b) Zona 2: 4.000 €, se a estadía se realiza en Europa (agás Portugal e Andorra), África ou América, agás EUA e Canadá.
c) Zona 3: 6.000 €, se a estadía se realiza en EUA, Canadá, Asia ou Oceanía.
Unicamente por circunstancias excepcionais sobrevidas poderá modificarse a zona da estadía concedida, sempre que non supoña incremento do orzamento asignado, logo da solicitude e informe favorable da entidade na que a persoa está contratada e coa autorización expresa da Secretaría Xeral de Universidades ou da Gain, segundo corresponda.
Durante o período de estadía, a entidade beneficiaria terá que subscribir para cada persoa investigadora un seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto sexan insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.
5. Establécese un complemento de 1.000 € anuais por axuda para cubrir os gastos asociados á contratación, para o seguro durante o período de estadía e para cubrir o custo da matrícula no programa de doutoramento.
6. Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada deberá achegar a diferenza.
7. En ningún caso lle serán exixibles á Consellería de Cultura, Educación e Universidade e á Gain máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.
1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC, que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á institución onde desenvolva a súa actividade, asumindo ambas as partes as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.
2. A duración do contrato non poderá ser inferior a un ano nin exceder os 4. Se se concertase un contrato de duración inferior a 4 anos, poderá prorrogarse sucesivamente sen que, en ningún caso, as prórrogas poidan ter unha duración inferior a un ano. Sen prexuízo do anterior, no suposto de que a persoa investigadora xa estivese contratada baixo esta modalidade e o tempo que reste ata o máximo de catro anos sexa inferior a un ano, poderá concertarse o contrato ou a súa prórroga polo tempo que reste ata os catro anos.
A actividade desenvolvida será avaliada anualmente pola comisión académica do programa de doutoramento durante o tempo que dure a súa permanencia no programa, e o contrato poderá resolverse no caso de non superarse favorablemente esta avaliación.
3. No caso de que a persoa contratada obteña o título de doutora ou doutor antes do inicio do último ano de contrato poderá acceder a un novo contrato de capacitación para a formación posdoutoral, de acordo co indicado no artigo 17.
1. Poderán acceder a estas axudas as entidades mencionadas no punto 1 deste artigo que presenten como candidatas a ser destinatarias delas persoas que cumpran na data de peche da convocatoria os seguintes requisitos:
a) Ter nacionalidade dun estado membro da Unión Europea. Non obstante, as persoas non comunitarias poderán ser candidatas á axuda, aínda que, para formalizar o contrato, deberán contar cos permisos necesarios de permanencia no país. O número máximo de axudas que se concedan a cidadáns non comunitarios é o que se indica no artigo 4 desta orde.
b) Estar matriculadas nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do SUG para o curso 2021/22. Esta matrícula terá que estar formalizada necesariamente a tempo completo antes da sinatura do contrato.
Tamén poden concorrer as persoas investigadoras que non están matriculadas, pero que están en disposición de cumprir ou que cumpren os requisitos para matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade do SUG, de acordo coa ordenación académica aplicable.
c) Que a data de finalización dos estudos de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, diplomatura ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2018. Enténdese como data de finalización destes estudos a de superación da última materia para os completar. Esta data poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2015 nos seguintes casos:
1º. As persoas que na data de peche do prazo de presentación de solicitudes estean en posesión do título oficial dalgunha das especialidades recollidas no Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da saúde e se desenvolven determinados aspectos do sistema de formación sanitaria especializada.
2º. As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de 6 anos entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de decembro de 2017.
3º. As persoas candidatas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.
4º. As persoas que acrediten fidedignamente que interromperon os estudos por causa dunha enfermidade grave ou que se dedicaron á atención de persoas maiores da familia en primeira liña parental.
d) Contar no expediente académico cunha nota media igual ou superior a 7, ou a 6 para as titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, calculada segundo o indicado no artigo 6.2.b).
2. Non se admitirán como candidatas a ser destinatarias destas axudas persoas que estean en posesión do título de doutor nin persoas que fosen seleccionadas ou contratadas noutras convocatorias predoutorais da Xunta de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Secretaría Xeral de Universidades
Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria
Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995152/ 881995157
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal
Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria
Orde do 31 de decembro de 2021, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022 (DOG nº 20 do 31 de xaneiro de 2022).
Extracto da Orde do 31 de decembro de 2021, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022 (DOG nº 20 do 31 de xaneiro de 2022).
Resolución do 17 de novembro de 2022, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se adxudican as axudas da Orde do 31 de decembro de 2021, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 230 do 2 de decembro de 2022).
Resolución do 31 de marzo de 2023 pola que se modifica parcialmente a Resolución do 17 de novembro de 2022, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se adxudican as axudas da Orde do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 69 do 11 de abril de 2023).
Resolución do 9 de xuño de 2023 pola que se modifica parcialmente a Resolución do 17 de novembro de 2022, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se adxudican as axudas da Orde do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 113 do 15 de xuño de 2023).
Prazo de presentación: PECHADO
01/02/2022 00:00 - 28/02/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Forma e lugar de presentación de solicitudes .
1. As entidades solicitantes presentarán as solicitudes de xeito individualizado para cada unha das persoas candidatas propostas. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED481A para as universidades do SUG e IN606A para as demais entidades indicadas no artigo 2, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha entidade, sempre e cando cumpra os requisitos exixidos.
3. Se opta á axuda para estadías, deberá indicar este aspecto e a zona á que pertence o país de destino da estadía no punto sinalado no formulario de solicitude (anexo II ou anexo II bis). Se non se indica a zona, considerarase que a persoa candidata non solicita a axuda para estadías.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento .
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación que se indica nos puntos 2 e 3 deste artigo correspondente á primeira e á segunda fase e a documentación correspondente aos méritos que se aleguen de entre a indicada no punto 4 .
2. Documentación necesaria para a primeira fase:
a) Anexo III. Declaración asinada pola persoa candidata a ser destinataria da axuda na que conste:
– Que presenta a súa candidatura a través dunha única entidade solicitante.
– Que non foi seleccionada ou contratada con cargo a outras convocatorias de recursos humanos da Xunta de Galicia.
– Que non ten o título de doutora ou doutor.
– Relación de méritos que acredita.
– No caso de que gozase con anterioridade dun contrato predoutoral, a entidade contratante, a data de comezo e fin real ou previsto do contrato.
– No caso de finalizar os estudos antes do 1 de xaneiro de 2018, a situación que alega de entre as indicadas no artigo 2.4.c).
b) Certificación da universidade na que está matriculada ou na que se compromete a matricularse a persoa candidata, asinada pola persoa titular da vicerreitoría competente en materia de investigación ou persoa na que delegue, conforme o modelo normalizado do anexo V, na que se fagan constar os seguintes aspectos:
1º. Programa de doutoramento no que está matriculada a persoa candidata no curso 2021/22 ou no que se compromete a matricularse no curso 2022/23, no caso de ser seleccionada.
2º. Título de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, diplomatura ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao EEES empregado ou que se vai empregar para formalizar a matrícula no programa de doutoramento, universidade onde se cursou, data de finalización e número de créditos superados.
3º. Nota media coa que se concorre a esta convocatoria, calculada de acordo cos seguintes criterios:
– No caso de ensinanzas conducentes á obtención do título universitario oficial español de licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou graduado/a nun grao de polo menos 300 créditos, valoraranse a totalidade dos créditos ou materias superadas.
– No caso de persoas candidatas que concorran co título de graduada ou graduado de menos de 300 créditos, diplomada ou diplomado, enxeñeira técnica ou enxeñeiro técnico, arquitecta técnica ou arquitecto técnico e mestra ou mestre, valoraranse a totalidade dos créditos ou materias superadas.
– No caso de persoas candidatas que concorran con ensinanzas conducentes á obtención do título de graduada ou graduado de menos de 300 créditos, diplomada ou diplomado, enxeñeira técnica ou enxeñeiro técnico, arquitecta técnica ou arquitecto técnico e mestra ou mestre, e que teñan acreditado o título de máster, a nota media realizarase tendo en conta estes estudos máis a totalidade dos créditos superados no máster ou equivalente. Neste caso, o cálculo realizarase de acordo coa seguinte fórmula:
(X*C1+M*C2) / (C1+C2)
Onde:
X: nota media obtida no grao ou no primeiro ciclo.
M: nota media obtida no máster ou equivalente.
C1: créditos superados no grao ou no primeiro ciclo.
C2: créditos superados no máster ou equivalente.
– A nota media do expediente académico para os títulos obtidos en sistemas universitarios estranxeiros debe calcularse de acordo co disposto na Resolución do 18 de setembro de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades do Ministerio de Ciencia e Innovación, pola que se actualiza a relación de escalas de cualificación dos estudos ou títulos universitarios estranxeiros e as equivalencias ao sistema de cualificación das universidades españolas, publicadas polas resolucións do 21 de marzo de 2016 y do 20 de xuño de 2016. A información pode consultarse na seguinte ligazón:
http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/general/20/203615/ficha/203615
A persoa candidata terá que tramitar a declaración de equivalencia da nota media de acordo con este procedemento e achegarlla á universidade na que está matriculada ou na que se comprometa a matricularse no programa de doutoramento para o cálculo da nota coa que se concorre á convocatoria. A verificación da declaración de equivalencia correspóndelle á universidade, que deberá revisar que os datos consignados nela coinciden cos do certificado presentado para darlle validez a esta, polo que só será válida se está acompañada da copia do certificado académico oficial e, se é o caso, da tradución correspondente.
En todos os casos a nota coa que se concorre á convocatoria ten que estar adecuada ao Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, e tendo en conta os criterios sinalados no Protocolo de colaboración subscrito entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as tres universidades galegas para a valoración de expedientes académicos.
c) Documentación que acredite os supostos de excepcionalidade previstos no artigo 2 sobre as datas de finalización dos estudos, se é o caso, incluído o certificado que acredite o grao de discapacidade da persoa candidata se non está expedido pola Xunta de Galicia.
3. Documentación para a segunda fase:
a) Declaración da persoa designada ou proposta para dirixir a tese, segundo o modelo normalizado do anexo IV.
b) Acreditación da aprobación do proxecto de tese pola comisión académica do programa de doutoramento correspondente ou declaración responsable da persoa candidata de que o que presenta vai ser o proxecto de tese que vai someter á aprobación da comisión académica no caso de ser seleccionada como destinataria desta axuda.
c) Proxecto de tese que se vai realizar para a obtención do grao de doutor/a, cunha extensión máxima de 4.000 palabras, asinado pola persoa investigadora e pola persoa designada ou proposta para dirixir a tese, no que consten especificamente, polo menos, os seguintes aspectos:
– Obxectivos e contidos básicos do traballo.
– Metodoloxía.
– Planificación temporal.
– Transferencia de resultados.
4. Ademais, na segunda fase, para acreditar os méritos que se aleguen dos recollidos no artigo 11 polo que se regulan os criterios de valoración das solicitudes, haberá que achegar a seguinte documentación, segundo o caso:
a) Certificación asinada pola persoa competente (a persoa titular da vicerreitoría competente en materia de investigación, ou persoa en que delegue, ou ben a persoa responsable do organismo/centro de investigación respectivo), referida á persoa designada ou proposta para dirixir ou codirixir a tese, na que se fagan constar os seguintes aspectos:
1º. No caso de solicitudes presentadas por unha universidade do SUG, indicación do grupo ou centro de investigación ao que pertence a persoa designada ou proposta para dirixir ou codirixir a tese e convocatoria da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da que obtivo financiamento; ou de que está integrado nunha Unidade de Excelencia María de Maeztu ou nun centro de excelencia Severo Ochoa radicados en Galicia e con axuda vixente; ou de que forma parte do equipo de investigación dunha persoa investigadora contratada pola Gain no marco do programa Oportunius, ao abeiro do Decreto 64/2016 (DOG número 112, do 14 de xuño), polo que se regula o réxime de contratación pola Gain de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido; ou nun equipo de investigación do que forme parte unha persoa investigadora beneficiaria dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC).
2º. No caso das demais entidades solicitantes indicadas no artigo 2.1, que a persoa designada ou proposta para dirixir ou codirixir a tese cumpra algún dos seguintes requisitos, indicando a referencia (código de procedemento, número de expediente, título de proxecto e tipo de participación nel) que permita identificar a axuda específica:
– Ter participado no desenvolvemento de proxectos concedidos pola Gain para a realización de actividades de I+D+i entre os anos 2018 e 2021.
— Ter sido beneficiario de actividades financiadas pola Gain entre os anos 2018 e 2021.
– Pertenza a un equipo de investigación do cal forme parte unha persoa investigadora beneficiaria dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC).
– Ter sido investigador ou investigadora principal de proxectos concedidos polo Plan nacional de I+D+i entre os anos 2018 e 2021. A entidade beneficiaria deste proxecto, ou proxectos, deberá ser a mesma que a entidade solicitante destas axudas.
– Ter participado no desenvolvemento de proxectos concedidos polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2018 e 2021, en proxectos en que a entidade solicitante participase en calidade de socio.
– Ter participado no desenvolvemento de proxectos concedidos polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2018 e 2021, en proxectos en que a entidade solicitante participase en calidade de líder.
b) Memoria da adecuación do proxecto de investigación ás liñas estratéxicas definidas no anexo I desta orde, asinada pola persoa candidata e pola persoa designada ou proposta para dirixir a tese.
c) Certificado do nivel de coñecemento dunha lingua estranxeira no que figure expresamente o nivel alcanzado de acordo co Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER). Non se terá en conta como lingua estranxeira a do país de nacemento ou de nacionalidade nin ningunha das linguas cooficiais en cada Comunidade Autónoma.
d) Acreditación de ter concedida unha bolsa de colaboración nun departamento universitario do Ministerio de Educación e Formación Profesional.
5. Para os efectos de control, as entidades convocantes poderán requirir a documentación complementaria que consideren necesaria para o desenvolvemento das axudas.
6. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
7. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
9. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) DNI ou NIE da persoa candidata á axuda.
c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias a AEAT.
d) Certificado de estar ao día no pagamento a Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Informe de vida laboral da persoa candidata.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Certificado acreditativo do grao de discapacidade da persoa candidata expedido pola Xunta de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Outras convocatorias ou publicacións
Procedementos e servizos relacionados
Axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia.
Axudas ao alumnado de segundo e posteriores cursos matriculado nas universidades do sistema universitario de galicia, nas ramas de coñecemento afectadas polos cambios de requisitos académicos introducidos polo Real Decreto 1000/2012, do 29 de xuño.