Guía de procedementos e servizos

BS508B

Subvencións para entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 06/05/2022 00:00 - 06/06/2022 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá o procedemento de concesión das subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022.

2. O código de procedemento é BS508B.

3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, eficacia e eficiencia.

4. Para os efectos desta convocatoria, entenderanse por actividades de voluntariado os proxectos e actuacións presentados polas entidades de carácter privado sen ánimo de lucro, sempre que desenvolvan actividades de acción voluntaria consonte o artigo 3 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nalgunha das seguintes áreas:

a) Área de sensibilización: o obxectivo dos proxectos desta área será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario. Trátase de fomentar o voluntariado a través de actividades de sensibilización como:

1º. Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas a dar a coñecer a realidade das entidades de acción voluntaria, así como á promoción e captación de voluntariado.

2º. Realización de campañas que fomenten a sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e ás súas organizacións.

3º. Estudos encamiñados a coñecer a realidade do voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación: autonómico, provincial, local ou comarcal.

b) Área de formación: persegue unha modernización e adaptación permanente das entidades de acción voluntaria á realidade social a través destas liñas fundamentais:

1º. Formación de persoas responsables de voluntariado e das persoas voluntarias.

2º. Fomento e incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades como, por exemplo, o deseño e mantemento de páxinas web.

c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades incorporando, de xeito transversal, as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado.

5. Tendo en conta o contexto actual de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, terán unha especial consideración as campañas de sensibilización e posta en valor do voluntariado como elemento estrutural e de apoio na mellora social, así como a formación orientada á prevención e asunción de protocolos en materia da COVID-19 ou en materia de coordinación e traballo en rede de entidades orientada a seguir mellorando a resposta ante a pandemia, sempre que se realicen con estrito cumprimento dos protocolos e das medidas establecidas polas autoridades sanitarias competentes.

Conceptos subvencionables.

1. Serán conceptos subvencionables os gastos que deriven directamente das actividades de voluntariado realizadas e recollidas no proxecto presentado polas entidades previstas no artigo 3.1, que así o soliciten e que se leven a cabo desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de outubro de 2022, entre as cales se inclúen a contratación laboral de persoal técnico, os gastos de actividades inherentes ao desenvolvemento do proxecto, a contratación de persoal experto, a adquisición de material funxible pero non inventariable, ou os seguros das persoas voluntarias que leven a cabo o proxecto durante o tempo de execución deste.

En ningún caso os gastos indirectos que se imputen ás actividades para as cales se solicita a subvención poderán superar o 20 % do importe subvencionable efectivamente xustificado.

2. Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de investimentos, os xuros debedores das contas bancarias, as recargas e as sancións administrativas nin os gastos de procedementos xudiciais.

3. A contía máxima da axuda por proxecto non poderá superar a cantidade de 4.000 euros nin o 75 % do orzamento total do proxecto presentado. A contía da axuda destinada a cada proxecto calcularase de forma proporcional á puntuación obtida de acordo cos criterios de valoración do artigo 12, ata esgotar o crédito dispoñible.

As entidades beneficiarias das axudas serán as entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia que realicen proxectos de voluntariado durante o ano 2022, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro, e que se desenvolvan dentro das áreas de intervención que prevé a Estratexia de acción voluntaria 2016-2018, actualmente prorrogada, nas cales se engloban os distintos obxectivos estratéxicos marcados pola Lei 10/2011, do 28 de novembro, de conformidade cos seus artigos 3 e 5.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Xuventude

Servizo de Voluntariado e Participación

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957915

Email: voluntariado@xunta.gal

Dirección Xeral de Xuventude
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

06/05/2022 00:00 - 06/06/2022 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. Para poder ser entidade beneficiaria destas axudas, de conformidade co establecido nos artigos 8 e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán condicións imprescindibles:

a) Que as entidades de acción voluntaria de carácter privado estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades privadas non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do referido Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os proxectos subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de persoas voluntarias.

c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

d) Estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. Non poderán solicitar as subvencións convocadas en virtude desta orde aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do proxecto subvencionado.

Solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I, procedemento BS508B) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As entidades de acción voluntaria interesadas deberán achegar coa solicitude o documento do proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación dos problemas que se pretende abordar e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto e do número de días que participará cada unha delas, así como dun orzamento desagregado do custo de todas as actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

O órgano instrutor deste procedemento, poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos na convocatoria. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 27 de abril de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 87 do 5 de maio de 2022).

    • Estracto da Orde do 27 de abril de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 87 do 5 de maio de 2022).

    • Resolución do 1 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica o requirimento de emenda da documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 27 de abril de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº132 do 12 de xullo de 2022).

    • Resolución do 31 de agosto de 2022, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica a Resolución do 24 de agosto de 2022 de concesión das subvencións presentadas ao abeiro da Orde do 27 de abril de 2022, pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 172 do 9 de setembro de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano