Guía de procedementos e servizos

SI449B

Axudas económicas ás Anpas destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención e loita contra a violencia cara as mulleres.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 12/02/2021 00:00 - 11/03/2021 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

Sobre o procedemento

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás asociacións de nais e pais de alumnos/as (anpas) legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de anpas, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de programas de actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás anpas e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de estado contra a violencia de xénero.

2. Para os efectos desta convocatoria, é compatible a solicitude de axuda por parte dunha asociación de nais e pais coa pertenza a unha federación ou confederación que, así mesmo, solicite subvención.

3. A denominación e o código do procedemento correspondente a estas axudas é o seguinte: SI449B-Axudas económicas ás anpas destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención e loita contra a violencia cara as mulleres.

4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade, accesibilidade universal e non discriminación.

Accións subvencionables e contía da axuda.

1. Poderán ser obxecto de subvención ao abeiro desta convocatoria a realización de programas e actividades de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, que realizarán as anpas, federacións e confederacións de anpas, dirixidos ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias e á comunidade educativa, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, realizadas entre o 1 de decembro de 2020 e o 30 de novembro de 2021.

Así mesmo, para que o programa e actividades poida ser subvencionado ao abeiro desta resolución ten que incluír, como mínimo, o desenvolvemento e realización dunha actividade dirixida directamente ás familias, nais e pais, que facilite a difusión, información, coñecemento e mesmo reflexión sobre as actividades de difusión levadas a cabo co alumnado e o resto da comunidade educativa.

Serán obxecto de subvención as citadas actividades e programas que respondan a algunha ou algunhas das seguintes tipoloxías contempladas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1:

a) Escolas de pais e nais e/ou formación para as familias en temas de igualdade, de educación afectivo-sexual (aspectos fisiolóxicos e afectivo-emocionais) e sobre violencia de xénero.

b) Elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar a violencia de xénero de que poden ser vítimas ou agresores as súas fillas ou fillos adolescentes.

c) Realización de accións de formación, sensibilización e difusión, contra a cousificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas.

d) Formación para pais e nais e/ou para mozas e mozos sobre o uso adecuado e crítico da internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming, etc.).

e) Accións de formación coas familias e/ou alumnado sobre novas masculinidades para romper cos micromachismos e os comportamentos machistas adquiridos polos estereotipos.

f) Outras accións de formación e información para nais e pais que sensibilicen as familias sobre os estereotipos persistentes na sociedade e tamén no eido educativo e sobre pautas para previr a violencia de xénero, ou para detectala e que se dean a coñecer entre as familias os protocolos existentes nos casos de agresións ou violencia contra as mozas.

2. Cada entidade ou agrupación de anpas só poderá presentar unha solicitude de axuda, na cal se poderán incluír unha ou varias das tipoloxías de acción recollidas no punto 1 deste artigo.

3. A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta liña é de 3.000 € para as solicitudes de asociacións de nais e pais que se presenten de xeito individual e de 6.000 € para as solicitudes conxuntas, que se presenten agrupadas, por dúas ou máis asociacións de nais e pais ou ben para as federacións ou confederacións de anpas.

4. No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.

5. Na información, divulgación, difusión e publicidade que se realice destas medidas en calquera medio de comunicación social será obrigatorio que figuren os logotipos da Xunta de Galicia, da Secretaría Xeral da Igualdade e do Ministerio de Igualdade.

Gastos subvencionables.

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións e actividades previstas no artigo 5.1 xerados no período comprendido entre o 1 de decembro de 2020 e o 30 de novembro de 2021, que respondan aos seguintes conceptos:

a) Gastos das persoas relatoras (honorarios, aloxamento, transporte) e/ou contratación mercantil ou externa da prestación dunha actividade ou servizo externo (obradoiro, taller de teatro, xornadas, campañas de difusión...).

b) Gastos derivados da realización da actuación ou actividade subvencionada: elaboración ou adquisición de materiais e publicacións específicas para o desenvolvemento da actividade; gastos de publicidade e difusión da actuación, así como o material de oficina necesario para a súa realización. Así mesmo, poderíanse incluír os gastos directos relacionados co material de protección contra a COVID-19 que sexan precisos para o desenvolvemento das actividades presenciais.

c) Outros gastos correntes directamente derivados da realización da actuación e actividade subvencionada que estean debidamente xustificados e se consideren necesarios para o seu desenvolvemento (servizo de atención a menores, gastos derivados da realización da actividades en liña ou telemáticas e outros).

En ningún caso serán subvencionables gastos de protocolo ou representación (comidas) e gastos de agasallos para as persoas relatoras.

2. Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

3. Para os efectos da consideración dos gastos como subvencionables e para a súa xustificación, deberán axustarse ao seguinte:

a) Reunir os seguintes requisitos: ser un gasto directo da acción, adecuado aos obxectivos, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, estar efectivamente realizado no período establecido e pagado, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da subvención.

Así mesmo, admitirase a acreditación de gastos realizados mediante factura simplificada (antes denominado tícket), como documento substitutivo das facturas, sempre que se cumpra o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

b) De acordo co establecido no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados. Nestes documentos deben quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento, e será conveniente que no concepto se faga constar o número da factura.

No caso de pagamento mediante cheque terá que ser, en todo caso, nominativo e vir acompañado da xustificación bancaria acreditativa do cargo na conta que figure nel.

Con carácter excepcional, e dada a tipoloxía das entidades beneficiarias, formadas por nais e pais, segundo se recolle no punto 3 do artigo 42 do citado Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase aceptar a xustificación do pagamento mediante recibo da persoa ou entidade provedora para gastos de escasa contía en que necesariamente se teña que incorrer para o desenvolvemento da actuación ou actividade obxecto da subvención que teñan un importe menor de 300 euros e que a súa suma non supere o 15 % do importe concedido. O dito recibo terá como contido mínimo os seguintes datos: persoa/entidade que emite o recibo, cantidade recibida e concepto polo que se percibe).

c) Cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicte o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación, quedando as entidades beneficiarias obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario. En todo caso, a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

4. Non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación ou actividade subvencionada, tales como contratación de persoal, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministración relacionados con eles.

De acordo co artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria, en ningún caso poderá concertar a execución total ou parcial da/das actividade/s subvencionada/s con ningunha das persoas ou entidades recollidas nese artigo, entre as que se inclúen as persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria da subvención, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se obteña a previa autorización do órgano concedente nos termos que se fixen nas bases reguladoras.

Para a determinación da dita vinculación terase en conta o artigo 43.2.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. Solicitude individual: poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnado (anpas) dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

2. Solicitude conxunta: tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais e a solicitude de dúas ou máis anpas que se agrupen para solicitar e xestionar conxuntamente as actuacións obxecto desta convocatoria que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo. O requisito de constitución legal e de inscrición terase que acreditar por todas as entidades que se inclúan na modalidade conxunta.

Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa xeral de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación. En todo caso, terase que acreditar que as actividades desenvolvidas respondan a unha actividade de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero que poida enmarcarse nalgunha das tipoloxías previstas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1 que define o artigo 5 desta convocatoria.

2. En todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e actividades subvencionadas, terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

En todo caso, nos espazos que utilice a entidade e nos lugares de realización das actividades informarase do financiamento público a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela. En ambos os casos, a información e documentación terá que levar a imaxe corporativa da Secretaría Xeral da Igualade e, ademais, terán que levar o logotipo do Ministerio de Igualdade.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

4. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade da Coruña

Unidade Administrativa de Igualdade da Coruña

R/ Vicente Ferrer, 2

15071  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 881881254

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade de Lugo

Unidade Administrativa de Igualdade de Lugo

Ronda da Muralla, 70

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982294355

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade de Ourense

Unidade Administrativa de Igualdade de Ourense

Edifico Administrativo da Xunta de Galicia Avenida de la Habana, 79, 7ª Planta

32872  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988386799

Email: igualdade.ourense@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade de Vigo

Unidade Administrativa de Igualdade de Vigo

Rúa Concepción Arenal, nº 8

36201  Vigo  (Pontevedra)

Teléfono: 986817658

Dirección Xeral de Promoción da Igualdade
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

12/02/2021 00:00 - 11/03/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

1. As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, ademais dos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11, respectivamente, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os seguintes:

a) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

b) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.

2. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II: certificación expedida pola secretaría da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro desta resolución. Así mesmo, conterá o seguinte:

– No caso de asociacións de nais e pais, deberá facerse constar o número de familias asociadas, con indicación da porcentaxe que representan respecto do total de familias do centro educativo ao que representan, no curso 2020/21.

– No caso de federacións e/ou confederacións de asociacións de nais e pais, deberá facerse constar a relación nominal de asociacións que as compoñen, no curso 2020/21.

b) Anexo II-bis (só no caso de solicitude conxunta de dúas ou máis anpas: certificación expedida pola secretaría da entidade representante na solicitude conxunta en que se faga constar os acordos de solicitar a subvención ao abeiro desta resolución, o compromiso do financiamento do custo do programa e a anpa representante para os efectos desta convocatoria. Así mesmo, conterá o seguinte:

– Para cada unha das anpas, deberá facerse constar o número de familias asociadas, con indicación da porcentaxe que representan respecto do total de familias do centro educativo a que representan, no curso 2020/21.

c) Anexo III: orzamento desagregado dos gastos subvencionables e memoria descritiva das actuacións e actividades singularizadas en materia de promoción da igualdade e de prevención de violencia de xénero para as cales se solicita axuda. A memoria descritiva fará referencia aos seguintes aspectos:

• Descrición da/s actividade/s propostas: contido, metodoloxía, medios materiais e persoais previstos, profesorado e/ou implicación do equipo directivo do centro educativo, implicación e/ou participación doutras entidades (locais, ONG, centros de saúde, etc.) na actividade e persoa ou persoas responsables da súa execución.

• Lugar e data prevista de realización.

• Número estimado de persoas participantes desagregado por sexo.

d) Estatutos vixentes da entidade e acreditación de estar inscrita a entidade no Rexistro de Asociacións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

e) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para maior detalle na descrición da actuación subvencionable coa presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III e cuxa extensión non poderá exceder os cinco folios.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Certificado de estar ao día de pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 8 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 28 do 11 de febreiro de 2021).

    • Extracto da Resolución do 8 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 28 do 11 de febreiro de 2021).

    • Resolución do 23 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 8 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 145 do 30 de xullo de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano