Guía de procedementos e servizos

PE155C

Axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 26/06/2019 00:00 - 26/07/2019 23:59

Consellería do Mar

Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e das asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) recoñecidas con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establecen a sección IV do capítulo II do Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, e o artigo 66 do Regulamento (UE) nº 508/2014, e o artigo 15.5 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

2. Por outra banda, tamén é obxecto desta orde a convocatoria destas axudas para o ano 2019.

As OPP e, se for o caso, as AOP, poderán solicitar as axudas polos gastos realizados na preparación e aplicación dos seus plans de produción e comercialización aprobados para a campaña 2018.

O código do procedemento administrativo correspondente a estas axudas é o PE155C.

3. As actuacións obxecto de axuda enmárcanse no programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para España, dentro da prioridade 5 do artigo 6 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello.

Poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) cuxo ámbito de actuación sexa a Comunidade Autónoma de Galicia, inscritas no Rexistro de Organizacións de Produtores Pesqueiros e Asociacións de Organizacións de Produtores Pesqueiros establecido no artigo 8 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios destas axudas están obrigados a:

a) Executar, dentro do prazo conferido, as actuacións obxecto da subvención para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización, aprobados mediante resolución do órgano competente na materia.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a data contable da percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

d) Levar un sistema de contabilidade separada ou asignar un código contable adecuado a todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

e) Comunicar á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado.

f) Comunicar á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

g) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Axustar o custo de adquisición dos investimentos subvencionables ao valor de mercado.

i) Indicar, no momento da solicitude, o valor da produción en primeira venda, en euros e toneladas, correspondentes ao ano 2018.

j) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario:

– Non poderá ter cometido unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, nin ter sido declarado culpable de cometer fraude.

– Non poderá cesar a actividade produtiva, relocalizar a actividade fóra de Galicia, nin producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que menoscaben os seus obxectivos orixinais.

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar

Servizo de Mercados

Edificio San Caetano s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546261

Fax: 981546288

Email: sxmar.cmrm@xunta.es

Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

26/06/2019 00:00 - 26/07/2019 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Os beneficiarios das axudas reguladas pola presente orde estarán suxeitos aos seguintes requisitos:

a) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

b) Cumprir o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Non ter cometido infracción grave:

– Da política pesqueira común definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello;

– Do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control para garantir o cumprimento da política pesqueira común.

d) No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das comunidades europeas (DOUE serie C 316, do 27.11.1995).

e) Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello.

f) Manter a condición de beneficiario, cumprindo os requisitos de admisibilidade previstos no artigo 10 do Regulamento FEMP.

g) Cumprir o disposto nos artigos 71 e 140 do Regulamento 1303/2013, do 17 de decembro de 2013 (Regulamento RDC).

h) Levar unha contabilidade separada, ou dispor dun código contable adecuado das transaccións relacionadas coas operacións obxecto de financiamento.

i) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Someterse a actuacións de control dos distintos órganos competentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

  • Ademais doutras obrigas documentais que se recollan na presente orde, as solicitudes e demais anexos normalizados que as OPP deberán achegar, está formada por:

    • Anexo I, de solicitude de axuda á preparación e aplicación dos PPEC.

    • Anexo II, formulario de gastos subvencionables por medida.

    • Anexo III, relación de xustificantes (no cal virán relacionados e clasificados por medida os investimentos da actividade, con identificación do provedor, número da factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento).

    • Anexo IV, memoria resumo (que inclúa o importe aprobado por medida do PPEC, o importe aprobado dos informes anuais e os gastos finalmente executados e xustificados).

  • Así mesmo, segundo proceda, presentarase a seguinte documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento:

    • a) Poder suficiente da persoa representante no caso de que tal poder non figure nos estatutos: deberá presentar o poder ou outra documentación acreditativa das facultades representativas da persoa física que actúe como representante da persoa xurídica. Comprobarase que a figura do representante da OPP/AOP é conforme co establecido nos artigos 5 e 6 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, en relación coa representación e cos rexistros electrónicos de apoderamentos.

    • b) Copia da escritura de constitución e estatutos da sociedade, así como as modificacións ulteriores debidamente inscritas no rexistro correspondente.

    • c) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias.

    • d) Declaración doutras axudas solicitadas (incluídos préstamos subvencionados), concedidas ou que se pretendan solicitar a calquera outra Administración pública, destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o cal se solicita a subvención. Esta declaración está incluída no anexo I na parte «A persoa representante declara». Deberá achegarse a resolución da axuda no caso de axudas doutras administracións distintas da Xunta de Galicia, de ser o caso.

    • e) Cando o importe do gasto unitario supere a contía de 40.000 euros no caso de execución de obras, ou de 15.000 euros no caso de subministración de bens ou prestacións de servizos, o beneficiario deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Documentación xustificativa.

  • Así mesmo, as solicitudes para as axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización, presentaranse xunto coa seguinte documentación complementaria de xustificación:

    • a) Xustificantes dos investimentos efectuados que consistirán, de forma xeral, nas facturas e demais xustificantes de gasto de valor probatorio equivalente, contratos (de obra ou de servizo) e nóminas, detalladas o máximo posible.

    • b) Xustificantes das transferencias bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados. Os xustificantes bancarios identificarán a factura ou facturas pagadas e os seus importes.

    • c) Documento coa descrición de funcións desenvolvidas do posto de traballo e relacionadas coas tarefas que se van desenvolver nas medidas que se inclúan nos plans de produción e comercialización.

    • d) Rexistro horario en que se inclúa o número de horas dedicadas á medida, polo persoal que corresponda.

    • e) Xustificante do pagamento das correspondentes cargas sociais e retencións fiscais. Para iso, comprobaranse os documentos RNT (relación nominal de traballadores), RLC (recibo de liquidación de cotizacións) e o modelo 111 (retencións e ingresos á conta do IRPF).

    • f) Xustificante do pagamento das nóminas.

  • Os citados documentos deberán demostrar con claridade que os gastos fosen destinados á preparación e/ou execución das medidas dos plans de produción e comercialización, segundo o disposto no anexo Determinación de gastos subvencionables.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) NIF da organización profesional solicitante.

  • b) DNI/NIE da persoa representante.

  • c) Resolución da axuda concedida para subvencionar total ou parcialmente o mesmo proxecto solicitado, no caso de axudas concedidas pola Xunta de Galicia.

  • d) Informe acreditativo de non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións emitido pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

  • e) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira emitido pola unidade de sancións e reclamacións da Xefatura Territorial da Consellería do Mar.

  • f) Informe acreditativo de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza.

  • g) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e informe do Servizo Técnico-Xurídico da Consellería do Mar.

  • h) Non ter sido declarado culpable de cometer fraude segundo o Sistema nacional de publicidade de subvencións do Ministerio de Facenda, no marco do FEMP.

  • i) Informe acreditativo de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, obtido a través da base de datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

  • j) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

  • k) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

  • l) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG nº 214 do 5 de novembro de 1999).

    • Corrección de erros.-Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG nº 218 do 11 de novembro de 1999).

    • Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121 do 25 de xuño de 2007).

    • Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2009).

    • Lei 3/2009, do 23 de xuño, pola que se modifica o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG nº 126 do 30 de xuño de 2009).

    • Corrección de erros.-Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 61 do 30 de marzo de 2009).

    • Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (DOG nº 30 do 15 de febreiro de 2016).

    • Orde do 11 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2019, para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás organizacións de produtores pesqueiros do sector dos produtos da pesca e da acuicultura no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) (DOG nº 119 do 25 de xuño de 2019).

    • Extracto da Orde do 11 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2019, para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás organizacións de produtores pesqueiros do sector dos produtos da pesca e da acuicultura no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) (DOG nº 119 do 25 de xuño de 2019).

    • Corrección de erros. Orde do 11 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2019, para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás organizacións de produtores pesqueiros do sector dos produtos da pesca e da acuicultura no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) (DOG nº 130 do 10 de xullo de 2019).

  • Ámbito Estatal
    • Real Decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura (BOE nº 164, do 8 de xullo de 2016).

    • Real Decreto 956/2017, do 3 de novembro, polo que se establece o marco regulador de axudas ás organizacións profesionais do sector da pesca e da acuicultura, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e as súas bases reguladoras de ámbito estatal, e polo que se modifican o Real Decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda de produtos pesqueiros, e o Real Decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura (BOE nº 268, do 4 de novembro de 2017).

    • Corrección de erros e erratas do Real Decreto 956/2017, do 3 de novembro, polo que se establece o marco regulador de axudas ás organizacións profesionais do sector da pesca e da acuicultura, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e as súas bases reguladoras de ámbito estatal, e polo que se modifican o Real Decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda de produtos pesqueiros, e o Real Decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura (BOE nº 24, do 27 de xaneiro de 2018).

  • Ámbito Europeo
    • Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e derrógase o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello.

    • Regulamento de execución (UE) 1418/2013 da Comisión, do 17 de decembro de 2013, relativo aos plans de produción e comercialización en virtude do Regulamento (UE) nº 1379/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

    • Regulamento (UE) 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 11 de decembro de 2013 polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, modifícanse os Regulamentos (CE) 1184/2006 e (CE) 1224/2009 do Consello e derrógase o Regulamento (CE) 104/2000 do Consello.

    • Regulamento (UE) nº 1380/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, sobre Política Pesqueira Común, polo que se modifican os Regulamentos (CE) 1954/2003 e (CE) nº 1224/2009 do Consello, e derróganse os Regulamentos (CE) 2371/2002 e (CE) 639/2004 do Consello e a Decisión 2004/585/CE do Consello.

    • Recomendación da Comisión do 3 de marzo de 2014, relativa ao establecemento e aplicación dos plans de produción e comercialización en virtude do Regulamento (UE) non 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

    • Regulamento (UE) 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, de 15 de maio de 2014 relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se derrogan os Regulamentos (CE) 2328/2003, (CE) 861/2006, (CE) 1198/2006 e (CE) 791/2007 do Consello.

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PE301A

Recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE301B

Retirada do recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE401B

Permiso de explotación a pé.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE401D

Permiso de explotación para o marisqueo a pé con utilización dunha embarcación auxiliar.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano