Guía de procedementos e servizos

BS420A

Axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 01/02/2019 00:00 - 28/02/2019 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas económicas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, coa finalidade de consolidar a oferta existente e de ofrecer un servizo amplo de conciliación da vida familiar e laboral en que se preste unha atención educativa de calidade e cuns prezos homoxéneos para as familias (código de procedemento BS420A).

2. Para os efectos desta orde, enténdese por nenas/os de 0 a 3 anos as/os nacidas/os con posterioridade ao 31 de decembro de 2016.

Gastos subvencionables.

1. As axudas convocadas teñen como finalidade compensar os gastos que se produzan e/ou se aboen desde o primeiro de xaneiro de 2019 ata a data de xustificación nos seguintes conceptos:

a) Gastos de persoal (non se subvencionarán aqueles importes que excedan dos salarios e complementos establecidos para cada categoría profesional no último convenio colectivo de ámbito estatal de centros de asistencia e educación infantil).

b) Gastos de alimentación.

c) Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolva/n a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Obrigas das entidades beneficiarias:

1. As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ademais especificamente a:

a) Asegurar o cumprimento do proxecto educativo na/s escola/s subvencionadas.

b) Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social.

c) Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Política Social respecto dos centros subvencionados.

d) Adaptar a tarifa de prezos da escola infantil 0-3 ao establecido no artigo 21 desta orde.

e) Realizar a selección de solicitudes para a adxudicación de prazas na escola infantil 0-3 de acordo co baremo e puntuación establecidos no anexo VI.

f) Prestar servizo cinco días á semana durante todo o ano, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral ou salvo causa xustificada, logo da autorización da Consellería de Política Social.

g) Asegurar na prestación do servizo de comedor que se proporciona unha dieta equilibrada e adecuada á idade dos nenos e nenas e poñer a disposición dos pais e das nais a relación semanal de menús.

h) Cumprir cos contidos exixidos para o proxecto lingüístico, de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

i) Enviarlle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte a documentación que consta nos seguintes dous puntos:

1º. Un certificado de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o modelo establecido no anexo III.

2º. Unha relación do alumnado do centro no curso 2019/20, onde se indique a seguinte información:

– Nome do pai, nai ou representante legal.

– Nome da/do nena/o.

– Meses de asistencia ao centro.

– Importe da cota mensual.

j) En relación coas solicitudes de novo ingreso para o curso 2019/20:

1º. Facilitar unha copia do modelo de solicitude de axudas que figura como anexo IV a esta orde ás persoas que lles soliciten praza, co obxecto de que poidan exercer a opción por unha axuda do Bono concilia no caso de figurar en lista de espera no centro.

2º. Remitirlle á xefatura territorial da Consellería de Política Social da súa provincia, con data límite do 12 de xuño de 2019, a relación de solicitantes de prazas do centro que se encontren en lista de espera para o curso 2019/20 e que, pola súa vez, optan polo Bono Concilia. A esta relación xuntaranse todas as solicitudes de axuda do Bono Concilia (anexo IV).

k) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

l) Dar a adecuada publicidade das axudas percibidas a través do taboleiro de anuncios do centro e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

m) Dar adecuada publicidade ao número de solicitudes de praza recibidas e o baremo aplicado para a súa selección a través do taboleiro de anuncios do centro e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

2. As entidades beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

3. As entidades que resulten beneficiarias destas axudas por primeira vez disporán dun prazo de 2 meses desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda para adaptar os prezos da escola infantil 0-3 ao disposto no artigo 21 desta orde.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación

Servizo de Conciliación Familiar

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957029 / 981545666

Email: demografiaeconciliacion@xunta.gal

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

01/02/2019 00:00 - 28/02/2019 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Que a escola infantil 0-3 para a cal se solicita a axuda cumpra os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

    • a) Acreditación da personalidade e representación da persoa que solicita a axuda

    • b) Datos do/s centro/s para os que se solicita a subvención (anexo II)

    • c) Resumo da memoria do centro do curso escolar 2017/18 (máximo de 10 páxinas), onde se aborden os seguintes contidos:

      • 1º. Horarios e servizos que presta.

      • 2º. Unidades en funcionamento (grupos de idade, ocupación, adscrición do persoal educativo ás unidades).

      • 3º. Persoal adscrito ao centro diferenciado por categorías profesionais e xornada laboral.

      • 4º. Descrición xeral das actividades realizadas co alumnado.

      • 5º. Relación de protocolos con que conta.

      • 6º. Mención ás actividades de formación do persoal, de ser o caso.

    • d) Proxecto lingüístico do centro.

    • e) Tarifa de prezos vixente, adaptada ao disposto no artigo 21 desta orde.

  • As entidades que soliciten por primeira vez estas axudas dispoñen dun prazo de dous meses desde a notificación da resolución favorable para enviar a documentación prevista na letra e) do punto anterior.

  • No suposto de que a tarifa de prezos da escola infantil sufra modificacións durante o ano 2019, deberase informar a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica no prazo dun mes desde que estas modificacións teñan lugar.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • Comprobación de datos.

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) NIF da entidade solicitante.

  • b) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

  • c) Certificación de estar ao día das obrigas coa Seguridade Social.

  • d) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes podera empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • A documentación complementaria deberase presentar de xeito electrónico. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. De maneira excepcional, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 28 de decembro de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2019).

    • Extracto da Orde do 28 de decembro de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2019).

    • Resolución do 10 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, pola que se publica a Resolución do 9 de maio de 2019 das axudas convocadas pola Orde do 28 de decembro de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 93 do 16 de maio de 2019).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano