Guía de procedementos e servizos

TR357D

Liña III: Axudas á conciliación da vida laboral, familiar e persoal.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 29/05/2018 00:00 - 28/06/2018 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras, para o ano 2018, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas e incentivos a pemes e micropemes, incluídas persoas traballadoras autónomos, para adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Liña III: conciliación da vida laboral, familiar e persoal (TR357D) que, pola súa vez, comprende tres subliñas:

Subliña 1. Incentivos económicos para o fomento do teletraballo

Contía dos incentivos.

As axudas consistirán nun incentivo de 3.000 euros por persoa traballadora cun acordo de teletraballo, ben por adaptación do contrato que teña na empresa ou ben pola realización dun novo contrato para unha persoa non vinculada á empresa, co límite máximo de 12.000 euros por empresa.

O incentivo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina é polo menos igual á masculina.

Subliña 2. Incentivos económicos para o fomento da flexibilidade horaria.

Contía dos incentivos.

As axudas consistirán nun incentivo de 3.000 euros por persoa traballadora beneficiada, co límite máximo de 12.000 euros por empresa.

O incentivo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina é polo menos igual á masculina.

Subliña 3. Axudas para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo.

Actividades subvencionables.

1. Será subvencionable a adquisición de elementos tecnolóxicos físicos tales como: computador persoal, medios materiais para o acceso a internet e todos aqueles periféricos necesarios para as tarefas para desenvolver: webcam, impresora, escáner e demais compoñentes de hardware necesarios para a implantación efectiva do teletraballo, coa finalidade de fomentar o uso de tecnoloxías da información e comunicación (TIC) como unha medida de conciliación laboral, persoal e familiar.

2. Non será subvencionable o software nin outro tipo de gasto distinto do sinalado. Así mesmo, non serán subvencionables os tributos e impostos indirectos susceptibles de repercusión (IVE) de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Contía das axudas.

1. As axudas consistirán nunha subvención de ata o 80 % do investimento, e por unha soa vez, co tope de 1.500 euros por persoa traballadora beneficiada e co límite máximo de 5.000 euros por empresa.

2. A intensidade da axuda verase incrementada nun 10 % para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.

As empresas solicitantes poderán ser pemes, micropemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea, con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas, e deberán contar cun mínimo de 5 persoas traballadoras.

Tamén poderán presentar solicitude as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia que deberán ter contratado nesta comunidade autónoma un mínimo de 8 persoas.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Subdirección Xeral de Relacións Laborais

Servizo de Relacións Laborais, Seguridade e Saúde Laboral

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957752

Fax: 981957751

Email: secretaria-xeral.emprego@xunta.gal

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

29/05/2018 00:00 - 28/06/2018 23:59

1. O prazo para a presentación de solicitudes rematará nun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A este efecto, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG.

3. Se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

- As entidades solicitantes deben atoparse ao corrente das súas obrigacións tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración xeral da comunidade autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.

- Para efectos destas axudas, terán a consideración de pemes as empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual no excede os 43 millóns de euros.

Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras por conta allea na data da presentación da solicitude.

- Deberán cumprir os requisitos xerais exixidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- No caso de grupos de empresas, ou empresas vinculadas, só se poderá presentar a solicitude da axuda por unha única empresa, e soamente se tramitará aquela que teña o primeiro número de entrada no rexistro administrativo.

- Así mesmo, non se outorgarán axudas a empresas ou grupos empresariais que xa fosen beneficiarios destas axudas, polos mesmos conceptos, en anos anteriores. Non obstante, na liña III (conciliación) non se concederán axudas ás empresas que foron beneficiarias pola cantidade máxima subvencionable, en convocatorias anteriores.

- Non poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades sen ánimo de lucro nin as entidades públicas.

Subliña 1.

Requisitos específicos das empresas beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias as empresas que, alén de cumpriren cos requisitos do artigo 5 desta orde, non pertenzan aos sectores da denominada Tecnoloxía da Información e a Comunicación (desde agora TIC) da economía e que:

a) Formalicen polo menos, un acordo de teletraballo, por un período de tempo non inferior a dous anos, cunha persoa xa vinculada á empresa por contrato laboral e xornada completa, cunha antigüidade de polo menos un ano, e/ou

b) Contraten ex novo persoal na modalidade de teletraballo a xornada completa e asinen coa persoa traballadora un acordo que regule esta situación por un período de tempo non inferior a dous anos.

Requisitos do acordo de teletraballo.

1. O teletraballo xa forme parte da descrición inicial do posto de traballo ou se inicie posteriormente, debe en ambos os casos documentarse mediante o «acordo individual de teletraballo», e o paso ao teletraballo non modificará as condicións laborais da persoa traballadora.

2. O acordo de teletraballo debe indicar, de forma separada e numerada, o seguinte contido:

2.1. Que a súa finalidade é a conciliación da vida laboral, familiar e persoal.

2.2. Establecer a comparativa, en forma de táboa ou outra forma similar, na que se poidan comparar as condicións laborais do posto ou postos de teletraballo, coas condicións das persoas que presten o seu traballo nas instalacións da empresa da mesma ou similar categoría, nas que necesariamente se deberán expoñer as retribucións e xornadas de traballo duns e outros, así como as vacacións, licenzas e permisos.

2.3. Fixar un número mínimo de horas de dedicación ao teletraballo que non poderá ser inferior ao 50 % da xornada semanal ordinaria.

2.4. O lugar onde se vai teletraballar. O método de traballo polo que fixará o sistema formalizado de traballo: quen supervisa o traballo, tipos de supervisión, supostos nos que a persoa teletraballadora deberá acudir ás instalacións da empresa e forma de comunicación.

2.5. Establecer o reembolso ou compensación dos custos variables, tales como electricidade, teléfono, material de oficina, funcionamento do equipo, ou seguros derivados da realización de traballo.

2.6. Que a propiedade dos equipos informáticos, hardware e software, utilizados no teletraballo, así como o seu mantemento corresponden á empresa.

2.7. Establecer o sistema de prevención de riscos laborais, debendo a empresa facilitar ás persoas teletraballadoras e a quen exerza a súa representación legal e no caso de non existir estas, á totalidade dos traballadores e traballadoras do cadro de persoal da empresa, información sobre as condicións de seguridade e saúde laboral en que deba prestarse o teletraballo.

Subliña 2.

Requisitos específicos das empresas beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias, as empresas que, alén de cumprir cos requisitos do artigo 5, establezan nun convenio colectivo de empresa, ou mediante un acordo entre a empresa e quen exerza a representación legal das persoas traballadoras ou no seu defecto, coa totalidade do cadro de persoal, medidas de flexibilidade horaria. Entre as que poderá acordarse calquera medida de flexibilidade como, sistemas de compensación de días e horas, xornada laboral continua ou semana laboral comprimida, traballo a tempo parcial, permisos especiais no caso de emerxencias familiares e por un período non inferior a dous anos. No caso de persoas traballadoras autónomas deberán acordalo con todo o persoal traballador por conta allea.

Requisitos do acordo de flexibilidade horaria.

O acordo adoptado deberá detallar as medidas que se van implantar, tales como días, horas e supostos nos que se aplicará, segundo o número de persoas asinantes, de xeito que queden reflectidas as melloras propostas con respecto da situación anterior e o compromiso de que as ditas medidas manteranse durante, cando menos, dous anos.

Subliña 3.

Poderán ser beneficiarias as empresas que conten cos requisitos do artigo 5 desta orde, que non pertenzan a sectores TIC da economía e que sexan beneficiarias das axudas previstas na subliña 1 da liña III.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

  • 1. Documentación xenérica:

    • Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días de contado anteriores á data de presentación da solicitude.

  • 2. Documentación específica:

    • a) Subliña 1: memoria explicativa das actuacións que se vaian realizar para establecer o teletraballo, na que deberá especificarse a identificación das persoas coas que se vai subscribir un acordo de teletraballo e a forma de selección.

    • b) Subliña 2: memoria explicativa das actuacións que se vaian realizar para establecer a flexibilidade horaria, que deberá expoñerse en forma de táboa comparativa, na que se poidan examinar as condicións laborais existentes antes do acordo de flexibilidade que se pretende implantar e as melloras propostas.

    • c) Subliña 3: factura pro forma ou orzamento da acción para a que se solicita a subvención.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) NIF da entidade solicitante.

  • b) DNI ou NIE da persoa solicitante, se é o caso.

  • c) DNI ou NIE da persoa representante.

  • d) Certificado de débedas expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

  • e) Certificado de débedas expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

  • f) Certificado de débedas expedido pola consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

  • g) Alta no imposto de actividades económicas (IAE).

2. No caso das axudas previstas nas subliñas 1 e 2 da liña III, o solicitante autorizará ao Organismo Intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020, actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos para consultar a información relativa ao cumprimento do mantemento dos requisitos do emprego ou da actividade.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas solicitantes presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a corrección.

Para a presentación das solicitudes, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas traballadoras autónomas, que exercen unha actividade económica, teñen a suficiente capacidade económica e técnica para poder relacionarse coas administracións públicas de xeito telemático; ademais, considérase que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración.

Polo tanto, no caso de solicitantes que sexan persoas físicas (persoas traballadoras autónomas), e conforme o artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación e o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as solicitudes tamén se presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 11 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 100 do 28 de maio de 2018).

    • Extracto da Orde do 11 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 100 do 28 de maio de 2018).

    • Resolución do 29 de agosto de 2019, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se procede á publicación das subvencións concedidas en virtude da Orde do 11 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 171 do 10 de setembro de 2019)

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE621F

Curso para a expedición da certificación profesional para extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano