Guía de procedementos e servizos

MT975I

Subvencións a entidades locais galegas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal. Feder 2014 - 2020.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 28/12/2018 00:00 - 28/01/2019 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas, polo procedemento de concorrencia competitiva, as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupación de entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal (procedemento MT9571I) e facer pública a súa convocatoria para o ano 2019.

2. Establécense dúas liñas de axuda.

a) Liña 1: implantación de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes na nosa comunidade autónoma, para a xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización.

Para os efectos da presente orde teñen a consideración de residuos especiais de competencia municipal aqueles residuos que non teñen sistemas comúns de recollida pero que son susceptibles de recuperación ou necesitan recollerse separadamente debido ás súas especiais características (aceites vexetais usados, téxtiles, voluminosos, medicamentos, etcétera).

b) Liña 2: proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais.

Actuacións subvencionables.

Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables as actuacións que se citan de seguido para cada liña de axuda.

a) Liña I: implantación de puntos limpos móbiles.

Serán subvencionables os proxectos para a implantación de puntos limpos móbiles, destinados á xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización.

A citada implantación deberá ir acompañada de campañas de difusión e sensibilización que teñan como obxectivo fomentar a participación cidadá nas actividades incluídas nos proxectos presentados polas entidades locais.

b) Liña II: proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais.

Serán subvencionables as actuacións que teñan como obxectivo a nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos das entidades locais que actualmente non estean realizando este tipo de recollida diferenciada, co fin de contribuír ao cumprimento dos obxectivos en materia de reciclaxe dos biorresiduos.

Os proxectos poderán considerar a devandita implantación nos fogares, mediante a instalación de contedores de proximidade na vía pública con control de acceso, ou outras modalidades de recollida que mellor se adapten ao territorio, así como a implantación da recollida separada da fracción orgánica en comunidades de propietarios, grandes produtores (p.e.: supermercados de alimentación, mercados, servizos de hostalaría e restauración, comedores escolares, empresas de cátering para hospitais e centros de día, etc.) e/ou actividades económicas.

Os proxectos deberán considerar a realización de campañas de difusión e comunicación que teñan como finalidade poñer en coñecemento da cidadanía a iniciativa e fomentar a participación nas actividades previstas. Incluirase nesta información os beneficios ambientais de efectuar a recollida separada da fracción orgánica (FORM), a forma de realizala e as características do servizo, así como aspectos económicos da xestión (recollida, tratamento, taxas, bonificacións, etc.).

1. Poderán ser beneficiarios as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos.

2. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de beneficiarios así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuaría como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e conxunta. De darse o caso inadmitirase a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.

4. Para poder ser beneficiaria destas axudas as entidades locais deberán ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade

Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular

Servizo de Residuos

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541082 / 981957519

Email: residuos.economia.circular@xunta.gal

Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

28/12/2018 00:00 - 28/01/2019 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Ademais dos requisitos xerais establecidos na orde, a entidade solicitante deberá cumprir os requisitos que se citan a continuación para cada liña de axuda.

a) Liña I implantación de puntos limpos móbiles.

Para optar a esta liña de axuda a entidade local solicitante deberá de acreditar o destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixo ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. No seu caso, o punto limpo deberá dispor da autorización de xestor de residuos ou, polo menos, ter realizado a solicitude de autorización.

Así mesmo, a entidade local deberá comprometerse ao cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos, así como á inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo a actividade de xestión tipificada.

b) Liña II proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais.

A entidade local solicitante deberá, polo menos, identificar a instalación ou centro de tratamento a que ten previsto destinar os biorresiduos recollidos de forma separada, tendo en conta que deberá tratarse dunha instalación ou centro debidamente autorizada/o (ou en trámite de obter a autorización) para o tratamento da fracción orgánica dos residuos municipais, con capacidade suficiente, e cunha liña separada para o tratamento da fracción orgánica procedente da recollida municipal, non permitindo o tratamento conxunto con outro tipo de orixe industrial.

A entidade que resulte beneficiaria desta liña de subvención, adquirirá o compromiso firme de implantar a recollida separada da fracción orgánica segundo o proxecto presentado. No caso que esta non estea rematada na data de finalización do prazo de xustificación, o prazo máximo de que dispón a entidade beneficiaria para que a Administración poida constatar o cumprimento do requisito da dita implantación é de nove meses contados desde a finalización do prazo de xustificación. Con carácter excepcional, previa solicitude e xustificación das circunstancias concorrentes por parte da entidade beneficiaria, o órgano concedente poderá valorar a ampliación do dito prazo, ata un máximo de tres meses máis. Nestes casos, e para os efectos de verificar a implantación efectiva da recollida separada da fracción orgánica, o órgano concedente da axuda fará un seguimento mediante visitas de inspección.

O incumprimento do requisito de implantación no prazo sinalado será causa de reintegro da subvención outorgada de conformidade co establecido no artigo 25 destas bases reguladoras.

  • A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O dito formulario se xunta como anexo I a estas bases simplemente a título informativo.

  • Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • As solicitudes poderanse presentar individualmente por un concello, no exercicio da competencia que ten asumida na materia, ou conxuntamente por máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal que pola súa vez teñen a consideración de entidade local, ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.

No caso de solicitudes conxuntas presentadas baixo a modalidade de agrupación, farase constar na propia solicitude, no parágrafo destinado á identificación do solicitante, a referencia a “Agrupación de” seguida da identificación das entidades de que se trate.

  • As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que ostenten a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá acompañar, ademais da documentación requirida ao abeiro do art. 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

  • No caso de solicitudes presentadas de forma presencial, requiriráselle a entidade solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfonos 981 54 10 82 e 981 95 75 19 ou do enderezo de correo electrónico residuos.economia.circular@xunta.gal.

  • Documentación complementaria que hai que presentar:

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

    • Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

    • Certificación do acordo adoptado polo órgano competente en que conste a decisión da entidade ou entidades locais de solicitar a subvención ao abeiro destas bases reguladoras (anexo II).

    • No suposto de que a entidade local achegue fondos ao proxecto/actividade/actuación para a que se solicita subvención, para os efectos do establecido en relación cos criterios de valoración, achegarase tamén declaración responsable en que se faga constar que se dispón de crédito suficiente no orzamento da entidade local para o pagamento da parte proposta para o cofinanciamento pola súa banda.

    • Certificación de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas de Galicia, as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).

    • No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán acompañar:

      • a) Documentación xustificativa da persoa ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada.

      • b) Identificar a relación de entidades locais participantes.

      • c) Xustificación, de ser o caso, de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas ao Consello de Contas (anexo II).

      • d) Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.

      • e) O importe de subvención que se vai aplicar por cada entidade membro da agrupación.

    • Para a liña de axuda I, implantación de puntos limpos móbiles:

      • a) Acreditación do destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. No seu caso, o punto limpo deberá dispor da autorización de xestor de residuos ou, polo menos, ter realizado a solicitude de autorización.

      • b) Compromiso de cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos e de inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo a actividade de xestión tipificada.

    • Para a liña de axuda II, proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais: identificación da instalación ou centro de tratamento prevista para tratar os biorresiduos recollidos de forma separada, tendo en conta que deberá de tratarse dunha instalación ou centro debidamente autorizada/o (ou en trámite de obter a autorización) para o tratamento da fracción orgánica dos residuos municipais, con capacidade suficiente, e cunha liña separada para o tratamento da fracción orgánica procedente da recollida municipal, non permitíndose o tratamento conxunto con outro tipo de residuos de orixe industrial.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirllo á persoa interesada, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • Documentación técnica relativa á actuación obxecto da solicitude:

  • Xunto coa solicitude deberase presentar unha memoria do proxecto ou actuación para a que solicita a subvención que deberá conter unha descrición clara das actividades que se van desenvolver, tanto desde o punto de vista técnico como económico, así como os datos e a información que se sinalan deseguido.

  • Para as dúas liñas de axuda:

    • a) Tipoloxía e nome do proxecto.

    • b) Breve descrición do proxecto presentado.

    • c) Identificación e datos de contacto do responsable técnico.

    • d) Introdución e diagnose da situación actual na/s materia/s do proxecto dentro do ámbito local de actuación.

    • e) Obxectivos do proxecto e das súas actuacións. Será preciso neste punto a referencia ás melloras ou beneficios ambientais que se procuran co proxecto.

    • f) Descrición detallada do proxecto, ámbito de actuación, poboación e sectores ou axentes implicados, obxectivos cuantitativos e cualitativos, programación temporal e orzamento completo das actuacións.

    • g) O plan de actuación deseñado deberá incluír unha xustificación pormenorizada dos materiais, actuacións e recursos propostos de conformidade cos gastos subvencionables ao abeiro desta orde.

    • h) As campañas de información e sensibilización previstas así como os seus custos estimados.

    • i) Indicadores e medidas de seguimento.

    • j) Resultados esperados (recollida, en quilogramos, por tipoloxía de residuos).

    • k) Resumo do orzamento e financiamento (importe total da actuación solicitada, fontes e porcentaxe de subvención que se solicita sobre o custo total, se procede) o cal, en todo caso, deberán ser coherentes coa finalidade da subvención. Deberá identificar con detalle os conceptos polos que se concorre na convocatoria chegando á desagregación a nivel de importes unitarios, de ser o caso. No caso de agrupacións de entidades locais, no orzamento figurará que importe correspondería a cada unha delas.

  • Para a liña de axuda II, proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais, deberá especificarse a porcentaxe de material reciclado empregado na fabricación dos contedores propostos.

  • Calquera outra documentación que considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 14 desta orde, co fin de que a comisión de avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e prelación das solicitudes presentadas ou declaración responsable, de ser o caso, que permita deixar constancia do seu cumprimento.

  • Comprobación de datos.

1. A sinatura da solicitude leva implícita a autorización ao órgano instrutor para, na tramitación deste procedemento, efectuar a consulta automática dos datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) NIF da entidade solicitante.

  • b) DNI da persoa representante.

  • c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

  • d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

  • e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

  • f) Certificado de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

  • g) Certificado sinalando outras subvencións ou axudas concedidas á entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 14 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2019, tramitadas como expediente anticipado de gasto (DOG nº 246 do 27 de decembro de 2018)

    • Extracto da Orde do 14 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2019, tramitadas como expediente anticipado de gasto (DOG nº 246 do 27 de decembro de 2018).

    • Orde do 28 de outubro de 2019 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 14 de decembro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para o ano 2019 (Diario Oficial de Galicia número 246, do 27 de decembro) (DOG nº 210 do 5 de novembro de 2019).

    • Resolución do 10 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 14 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2019, tramitadas como expediente anticipado de gasto (DOG nº 67 do 6 de abril de 2020).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

AU230W

Declaración de datos para cuantificación de perdas en redes de abastecemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU231A

Colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas hidráulicas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU231B

Asunción de explotación de instalación de depuración de augas residuais urbanas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR517A

Solicitude de incorporación/renovación de parcelas para aplicación de produtos do tratamento de lodos de depuradora (PTLD)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano