Guía de procedementos e servizos

PR450A

Equipamento de emerxencias a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacions de concellos galegos, Fondos FEDER 2014-2020.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 24/05/2017 00:00 - 23/06/2017 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Sobre o procedemento

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con AVPC inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e a súa convocatoria para o ano 2017.

O equipamento que se vai ceder distribúese nas seguintes liñas de axuda:

Liña 1: 10 vehículos todo terreo tipo pick-up.

Liña 2: 19 remolques para a atención ás emerxencias.

Liña 3: 7 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate.

Liña 4: 9 baúis de salvamento.

Os Concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos.

Obrigas dos beneficiarios.

a) Os beneficiarios desta axuda quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Serán por conta das entidades beneficiarias os gastos do imposto especial sobre determinados medios de transporte, seguros, mantemento, conservación e calquera outro gasto que poida supoñer a cesión, así como as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos e demais equipamento, calquera que sexa a súa contía.

c) Compromiso de que o equipamento sexa destinado a misións de protección civil e emerxencias. O incumprimento da obriga de destino referida será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Compromiso da inalterabilidade das condicións tidas en conta para a concesión.

e) O/a alcalde/sa do concello, presidente/a da mancomunidade ou representante da agrupación de concellos a que se lle conceda o equipamento solicitado disporá dun prazo de dez días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para a súa aceptación ou renuncia tamén enviada por vía telemática.

f) Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados para o mesmo fin, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil

Servizo de Protección Civil

R/ Roma, 25-27. Fontiñas

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546024 / 981546022

Fax: 981546002

Email: pedro.luis.sanchez.castro@xunta.es

Servizo de Protección Civil
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

24/05/2017 00:00 - 23/06/2017 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

a) Que o solicitante teña unha AVPC con persoal voluntario operativo e asegurado inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, ou que presentase oficialmente a solicitude de inscrición de nova AVPC nel, caso en que a concesión da subvención queda condicionada á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2015, no Consello de Contas de Galicia.

c) Non ter recibido axudas da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou organismos e entidades adscritas a esta para o mesmo equipamento nos últimos cinco anos, incluído o 2017, de acordo co establecido no artigo 4.

d) No caso das mancomunidades ou agrupación de concellos, os servizos de emerxencia e protección civil deberán prestarse de xeito mancomunado. A presentación da solicitude de forma conxunta e mancomunada é incompatible coa solicitude individual dos concellos que a compoñen.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que for realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • Os concellos, individualmente, mancomunados ou agrupados, que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde. A solicitude deberá ir acompañada da documentación complementaria que se establece no artigo 6 desta norma, segundo proceda.

Cada solicitante, en función das súas necesidades, deberá pedir por orde de preferencia o equipamento das liñas, tendo en conta o dito na alínea c) do artigo 3 desta orde e, se é o caso, concederáselle o solicitado ata o límite de existencia de acordo cos seguintes criterios:

  • a) As entidades que xa obtiveron algún tipo de vehículo nos últimos cinco anos, incluído 2017, sexa todo terreo, pick-up ou furgón, non poderán solicitar a liña 1 desta orde.

  • b) As entidades que xa obtiveron remolque de emerxencias nos últimos cinco anos, incluído 2017, non poderán solicitar a liña 2 desta orde.

  • c) As entidades que xa obtiveron embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate nos últimos cinco anos, incluído 2017, non poderán solicitar a liña 3 desta orde.

  • d) As entidades que xa obtiveron remolque de salvamento e rescate no ano 2016 non poderán solicitar a liña 4 desta orde.

  • e) Os solicitantes das liñas 3 e 4 que estean incluídos na listaxe de concellos con implantación do Plan Sapraga, terán preferencia na concesión do equipamento destas liñas con respecto aos demais concellos, sempre que a orde de preferencia da petición sexa a mesma.

No caso de concellos con implantación do Plan Sapraga e a mesma orde de preferencia da petición, será a puntuación total o elemento definitorio de adxudicación do equipamento.

  • f) Cumpridos as catro alíneas anteriores, o equipamento asinarase en función da orde de puntuación total, de maior a menor.

  • g) Na primeira quenda de adxudicación, cada solicitante só poderá levar equipamento dunha liña; unha vez resolta e, de seguir quedando existencias, poderían acceder ao equipamento das outras liñas, seguindo os criterios xa establecidos.

  • h) Os beneficiarios de equipamento da liña 1 comprométense a aceptar a cesión de terminais TETRA da nova rede de comunicacións de emerxencias da Xunta de Galicia que, nun número máximo de tres e en función das existencias, cederá esta Administración co compromiso por parte das entidades beneficiadas de facerse cargo do seu mantemento.

  • As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR450A) a esta orde, onde se aceptan e declaran os seguintes puntos:

    • a) Que a entidade que solicita a subvención en especie acepta as condicións e demais requisitos exixidos nesta orde de convocatoria.

    • b) Que reflicte o conxunto de todas as axudas concedidas para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados e o compromiso de comunicar, de contado, cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

    • c) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

    • d) Que o concello, agrupación de concellos ou mancomunidade de concellos non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

    • e) Que o concello, agrupación de concellos ou mancomunidade de concellos está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

    • f) Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello, mancomunidade ou agrupación de concellos está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

    • a) Certificado do/da secretario/a da entidade solicitante da presentación das contas da entidade no Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 3 desta orde. No caso de agrupación de concellos, un certificado por cada concello.

    • b) Certificado do órgano competente da mancomunidade ou agrupación de concellos en que se indique a prestación mancomunada dos servizos de emerxencia e protección civil.

    • c) No caso de realizar a petición conxunta como agrupación de concellos, a certificación de cada pleno ou xunta de goberno aprobatorio de tal acordo e condicións deste.

    • d) Certificado da compañía aseguradora das pólizas subscritas (accidentes e responsabilidade civil) en que conste o número de asegurados que é persoal voluntario de protección civil. No caso de estar incluídos dentro das pólizas de seguro do concello, mancomunidade ou agrupación de concellos, remitirase unha certificación do/da secretario/a do concello ou mancomunidade, en que se indique o número de persoal voluntario de protección civil incluído dentro das pólizas.

    • e) Certificado ou declaración dos/das titulares dos servizos de emerxencias das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou das entidades solicitantes, segundo o disposto no artigo 9.2 desta orde.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 4 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG nº 97 do 23 de maio de 2017).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IF206B

Informe de usos especiais da estrada

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF505A

Acceso, modificación e baixa, ás instalacións portuarias controladas por barreiras físicas e para uso de puntos de fornecemento de auga e electricidade.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR870A

Outorgamento de licenzas para a prestación do servizo público de comunicación audiovisual radiofónica por entidades locais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA500A

Subvencións para a prestación de servizos bancarios básicos.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 23/06/2021 00:00 - 22/07/2021 23:59