Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
VI408Q
Axudas ás actuacións de rehabilitación ou renovación nas ARI dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Para realizar este trámite presencialmente debes imprimir o seguinte modelo e presentalo nunha oficina.
Utiliza a opción "DESCARGAR PDF IMPRESIÓN" para imprimilo.
Podes cubrir o formulario en liña e imprimilo unha vez cuberto. Poderás gardar os avances e continuar noutro momento utilizando as opcions "Gardar" e "Recuperar".
Concesión das axudas ás actuacións de rehabilitación ou renovación nas ARI dos Camiños de Santiagos e da Ribeira Sacra.
1. De conformidade co punto dous do ordinal quinto da citada Resolución do 23 de outubro de 2023, poderán ser beneficiarias destas subvencións:
a) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
b) As agrupacións de persoas propietarias.
c) As persoas físicas propietarias o usufrutuarias de edificios ou vivendas.
2. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias deberán posuír a nacionalidade española ou, no suposto das persoas estranxeiras, ter a residencia legal en España.
3. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. No caso de que a solicitante sexa unha comunidade ou agrupación de comunidades de propietarios/as ou agrupación de persoas propietarias, os requisitos sinalados nos números anteriores deberán cumprilos todos os seus membros.
5. Cando a execución da actuación corresponda a varias persoas beneficiarias, a axuda distribuirase en proporción ao custo asumido por cada unha delas. As persoas beneficiarias destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións. Cando se trate de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que, tanto o importe dela, como o custo das obras, deba repercutirse nas persoas propietarias e, de ser o caso, nos locais comerciais ou predios de outros usos compatibles, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.
Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando algún dos membros da comunidade ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias incorra nunha ou varias das prohibicións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se atribuirá á dita propietaria a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida, que se rateará entre as restantes persoas membros da comunidade ou agrupación.
6. As agrupacións de persoas propietarias non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de catro anos, contados desde que venceu o prazo para presentar a xustificación da subvención por parte da entidade beneficiaria.
7. Será requisito necesario para poder solicitar a axuda estar en posesión da cualificación definitiva.
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de A Coruña
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Coruña
Avda. Vicente Ferrer, nº 2 - 9º andar
15071 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 881881096/ 881181259
Email: rehabilitacion.igvs.coruna@xunta.gal
www.igvs.es
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Lugo
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Lugo
Avda. Ramón Ferreiro 28
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294602 - 982294605 - 982294606
Email: vpa.igvs.lugo@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Pontevedra
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Pontevedra
Rúa Alcalde Hevia, nº 7
36071 Pontevedra (Pontevedra)
Teléfono: 986805283 - 986805620
Email: subvencions.igvs.po@xunta.gal
www.igvs.es
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Ourense
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Ourense
Rúa Progreso, nº 117
32071 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386282 / 988386275 / 988386273
Email: subvencions.igvs.ourense@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
31/08/2026 09:00 - 30/09/2026 14:00
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes e comezará a contar unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
Entenderase como último día do prazo de presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día en que, de conformidade co punto anterior, comece o prazo de presentación de solicitudes. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día.
En todo caso, o prazo rematará no momento do esgotamento do crédito orzamentario. O dito esgotamento, en caso de producirse antes do último día do prazo de presentación de solicitudes, farase público no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do último día do prazo. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicados serán inadmitidas.
Requisitos das actuacións
1. De acordo co disposto no punto tres do ordinal cuarto da Resolución do 23 de outubro de 2023, serán subvencionables as actuacións realizadas en vivendas unifamiliares, en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva, así como nas vivendas situadas nestes edificios que cumpran as seguintes condicións:
a) Estar rematados antes de 2006. Esta circunstancia acreditarase mediante escritura pública, nota simple rexistral ou consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais. Non se exixirá este requisito no suposto de que na vivenda ou no edificio obxecto da actuación habiten persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
b) Que, polo menos, o 50 % da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial de vivenda.
Para os efectos deste programa, para que un edificio de máis dunha vivenda poida ser considerado edificio de tipoloxía residencial colectiva, cada vivenda deba contar coa súa referencia catastral.
2. Así mesmo, será necesario que as actuacións cumpran estes outros requisitos:
a) Deberán dispor do acordo da comunidade ou comunidades de persoas propietarias debidamente agrupadas, de ser o caso.
b) Deberán dispor de licenza municipal ou, se é o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.
c) Deberán axustarse ao proxecto de execución das obras, presentado coa solicitude de cualificación provisional ou, de ser o caso, á memoria elaborada para a súa execución. A memoria deberá estar asinada por técnico/a competente, sendo este/a o/a profesional con capacidade técnica suficiente para redactar o orzamento, dirixir ou executar a obra.
O proxecto ou a memoria técnica deberá conter todas as especificacións que xustifiquen as actuacións que se van executar, coa desagregación establecida no modelo de solicitude de cualificación provisional, así como un resumo en capítulos dos tipos de obra que se vaian executar, sinalando o seu importe. Para estes efectos, o custo de todas as actuacións subvencionables poderá incluír tamén os honorarios das persoas profesionais que interveñan, o custo da redacción dos proxectos, direccións técnicas ou facultativas, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e calquera outro gasto similar, derivado da actuación, sempre que estean debidamente xustificados. O dito custo subvencionable non poderá superar os custos medios do mercado que correspondan a tales actuacións, os cales se determinarán de conformidade coa última edición publicada da base de prezos da construción de Galicia. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas ou outros tributos.
No caso de actuacións de renovación, poderá incluírse o custo das obras de demolición.
d) Deberán realizarse de conformidade aos criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.
e) Non poderán estar iniciadas antes do 1 de xaneiro do ano en que se presente a solicitude de cualificación provisional nin poderán estar finalizadas á data da presentación da dita solicitude.
f) Deberán executarse no prazo máximo determinado na resolución de cualificación provisional.
3. Ademais, no caso de actuacións de renovación, os novos edificios e/ou vivendas deberán ter unha cualificación enerxética mínima B.
Solicitudes
1. As solicitudes realizaranse mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I desta resolución, debidamente cuberto. Deberán dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou edificio.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
2. A presentación electrónica será obrigatoria para as entidades sen personalidade xurídica e para as súas persoas representantes.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algún dos suxeitos obrigados á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3. No formulario de solicitude a persoa ou entidade solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade.
c) Declaración responsable de non estar incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
d) Declaración responsable de que se está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
e) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
Documentación complementaria
1. As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos
b) Anexo II, de ser o caso, de certificado da persoa que exerza as funcións de secretaría da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou de quen representa á agrupación de persoas propietarias, en que se recolla tanto o acordo de solicitar a subvención do Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación ou renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra, como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente á comunidade de persoas propietarias, á agrupación de comunidades de persoas propietarias ou á agrupación de persoas propietarias.
c) Anexo III, de ser o caso, debidamente cuberto, no cal se relacionen as persoas propietarias das vivendas e locais do edificio, partícipes nas actuacións de rehabilitación ou renovación e interesadas na subvención. Neste anexo cubriranse, de ser o caso, as declaracións de non estar incursas en ningunha das circunstancias do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
d) Anexo IV, de declaración responsable e comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia da persoa solicitante, no caso de actuacións en vivendas unifamiliares ou actuacións no interior de vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva.
e) Certificado acreditativo da discapacidade da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia en que concorra a dita circunstancia, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.
f) No caso de edificios ou vivendas declarados BIC, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, documentación xustificativa destas circunstancias, se non constaba na documentación anterior.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, deberase indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
4. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algún destes suxeitos presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
5. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.
8. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a persoa ou entidade interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso, así como das persoas propietarias dunha vivenda ou local do edificio partícipes nas actuacións de rehabilitación ou renovación e interesadas na subvención, de ser o caso.
b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante.
c) DNI ou NIE da persoa física representante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificados acreditativos do cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), de obrigas coa Seguridade Social e/ou coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, así como da entidade solicitante e, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.
f) Certificación catastral de titularidade correspondentes á persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.
g) Consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais da vivenda ou vivendas en que se van levar a cabo as actuacións, que acredite o seu uso pola persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.
h) Consulta de bens inmobles correspondentes á persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.
2. No caso de actuacións realizadas en vivendas unifamiliares ou de actuacións no interior de vivendas situadas nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira.
b) Certificado da renda sobre as persoas físicas (IRPF) e nivel de renda da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
c) Certificado das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
d) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
e) Importes das prestacións de desemprego percibidos pola persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
f) Certificado acreditativo da discapacidade, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia en que concorra a dita circunstancia e fagan constar na solicitude que lle é de aplicación. No suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia, deberá achegarse a correspondente documentación.
g) Consulta de datos de residencia con data da última variación padroal da persoa solicitante, para os efectos do cálculo da porcentaxe máxima do 75 % do custo subvencionable da actuación, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos anexos I, III e IV e achegar os documentos correspondentes.
4. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
5. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites posteriores
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas e entidades interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
- Fase de solicitude
- Declaración responsable e comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia da persoa solicitante (Anexo IV)
- Relación de persoas propietarias dunha vivenda ou local do edificio partícipes nas actuacións de rehabilitación ou renovación e interesadas na subvención (Anexo III)
- Certificado da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias (Anexo II)
Prazo de resolución:
Un mes
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 23 de outubro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 22 de marzo de 2022 pola que se acorda ampliar ata o 30 de xuño de 2025 o prazo para presentar as solicitudes de cualificación provisional e de cualificación definitiva para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, no marco do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan de vivenda 2018-2021 (códigos de procedemento VI408F, VI408G, VI408L e VI408M), e pola que se regula o procedemento para participar no programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes ás citadas áreas de rehabilitación integral e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 206, do 30 de outubro de 2023)
-
Extracto da Resolución do 23 de outubro de 2023 pola que se regula o procedemento para participar no programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes ás citadas áreas de rehabilitación integral e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento VI408Q). (DOG nº 206, do 30 de outubro de 2023)
-
Resolución do 4 de agosto de 2026 pola que se procede á convocatoria do Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para o ano 2026 (DOG nº 158 do 21 de Agosto de 2026).
-
Extracto da Resolución do 4 de agosto de 2026 pola que se procede á convocatoria do Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para o ano 2026 (DOG nº 158 do 21 de Agosto de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.
Aberto todo o ano
Inscrición/modificación do certificado de edificios existentes no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.
Aberto todo o ano
Programa avais para a adquisición de vivenda
Prazo aberto: 13/03/2026 09:00 - 30/10/2026 14:00
Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción (código do procedemento VI406I).
Prazo aberto: 06/04/2026 09:00 - 15/10/2026 14:00