Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SA803A
Subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de realizar programas de carácter sociosanitario.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Sanidade
A concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para as entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de desenvolver programas de carácter sociosanitario no ano 2025. Os ditos programas están destinados a realizar actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ás enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencias e párkinson), trastorno do espectro autista, dano cerebral adquirido, parálise cerebral, enfermidades raras, epilepsia, linfedema ou síndrome de Down.
Entidades privadas sen ánimo de lucro.
Xunta de Galicia
Consellería de Sanidade
Servizo Galego de Saúde (SERGAS)
Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria
Subdirección Xeral de Atención Primaria
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881541824/ 881540258
Fax: 881542897
Prazo de presentación: PECHADO
12/08/2025 00:00 - 11/09/2025 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo deberá computarse de conformidade co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
1. Para seren beneficiarias das axudas publicadas nesta orde, as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro que teña explicitamente entre os seus fins estatutarios a realización de actividades de apoio e axuda ao colectivo a que se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os cales se solicita subvención, destinados a colectivos de persoas afectadas por enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencias e párkinson), trastorno do espectro autista, dano cerebral adquirido, parálise cerebral, enfermidades raras, epilepsia, linfedema ou síndrome de Down.
Para estes efectos, considerarase enfermidade rara aquela que ten unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes na nosa comunidade autónoma, de acordo cos informes que elabora periodicamente Orphanet.
b) Estar legalmente constituídas, polo menos con dous anos de anterioridade con respecto á data de publicación desta convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cunha antigüidade que sexa superior aos dous anos. Así mesmo, deberán estar inscritas no rexistro administrativo correspondente.
c) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo como tal a existencia de local/locais e o domicilio social nela, e comprometerse, así mesmo, a desenvolver as actividades subvencionadas dentro do seu territorio.
d) Ter un horario mínimo de atención ao público de vinte (20) horas semanais, destinadas a dar información e prestar axuda dun xeito prioritario aos colectivos afectados.
e) Dispoñer de estrutura técnica e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos no programa presentado, así como experiencia operativa na súa posta en funcionamento.
No desenvolvemento do programa participará o persoal técnico e o persoal cualificado necesario, entendéndose como tal aquel que dispón da cualificación profesional adecuada para a realización do programa. A dirección e a coordinación terá que levala a cabo persoal técnico coa titulación universitaria adecuada para o desenvolvemento das actividades previstas, o cal será o seu responsable.
f) Segundo indica o artigo 82 da Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva de persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, non se outorgarán subvencións a ningunha entidade que cometa, incite ou promova LGTIfobia, incluíndo a promoción ou realización de terapias de conversión.
2. Dentro dos límites da lexislación autonómica, tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no punto anterior.
b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se vai aplicar a cada un deles.
c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.
d) Non se poderán disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. As entidades que formen parte dunha federación ou persoa xurídica similar de ámbito autonómico poderán solicitar as axudas a través destas.
4. No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, agrupación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante.
5. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.
6. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
7. Todos os requisitos se deberán acreditar na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e se deberán manter durante todo o período de execución do programa subvencionado.
Forma e lugar de presentación de solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.hgal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As entidades interesadas deberán achegar, coa solicitude, a seguinte documentación:
a) A documentación que acredite a representación legal da entidade.
b) A copia da escritura de constitución, con referencia, de ser o caso, da inscrición no rexistro que corresponda.
c) Os estatutos da entidade.
d) O balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade, referido ao exercicio económico do ano 2024.
e) A memoria técnica do proxecto, asinada electronicamente segundo o modelo do anexo II, coas seguintes epígrafes:
1º. Denominación do programa, liña e importe solicitado.
2º. Cronograma detallado das datas e dos horarios previstos, clarificando a dispoñibilidade para as persoas usuarias.
3º. Número de persoas beneficiarias potenciais ou persoas beneficiarias na convocatoria anterior.
4º. Pertinencia do programa, xustificando a necesidade do programa para a poboación albo nese contexto dado, achegando datos para fundamentalo (argumentación, referencias bibliográficas, citas, relación coas liñas estratéxicas do Servizo Galego de Saúde, OMS...)
5º. Descrición dos criterios de inclusión no programa: descrición detallada dos colectivos incluídos tendo en conta as seguintes dimensións: equidade (ofrecendo igual atención a igual necesidade) e accesibilidade (reducindo barreiras xeográficas, tempos de resposta ou de espera).
6º. Obxectivos xerais e específicos definidos para o programa.
7º. Proposta metodolóxica para o desenvolvemento do programa: descrición das fases do proceso do traballo para a consecución dos obxectivos.
8º. Definición de indicadores de proceso e resultado definidos para a avaliación do programa.
9º. Descrición dos aspectos de calidade do programa: modalidades de intervención centrada na persoa, sistemas de medición da calidade funcional (forma en que se presta o tratamento), existencia dun sistema organizativo de xestión propio que confirme o control de procesos e de mellora continua na intervención.
10º. Innovación. Indicarase a cobertura de necesidades emerxentes non cubertas (que acheguen solucións eficaces e adaptativas á evolución da enfermidade ou problemática dada) ou cando incorporen novas tecnoloxías (que engadan calidade na atención co mesmo custo).
f) O anexo de información para a valoración dos programas (anexo III), asinado electronicamente, cos seguintes ordinais:
1º. Os recursos humanos que a entidade dedicará para o desenvolvemento do programa, indicando o nome e apelidos, a titulación académica, o posto de traballo e as funcións que vai desenvolver. Deberase indicar a persoa responsable da dirección e coordinación do programa, de acordo co previsto no artigo 2.1.e).
2º. Os medios materiais con que conta a entidade para realizar o programa.
3º. A valoración económica do programa e a desagregación dos custos previstos para a súa realización.
4º. O concello ou concellos onde se desenvolverá o programa.
5º. A lingua en que se desenvolverán as actividades.
g) O anexo de comprobación de datos (anexo IV) asinado electronicamente.
h) O certificado de posuír certificados de calidade en vigor con base na norma ONG con calidade, ISO 9001:2015, EFQM ou outros sistemas de calidade que garantan o control de procesos e programas, de ser o caso.
i) O plan de igualdade actualizado, de ser o caso.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á entidade interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en sexa realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesa, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Calquera cambio que se produza nos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Atención Primaria, quen poderá demandar á entidade solicitante todos cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) O NIF da entidade solicitante.
b) O DNI ou NIE da persoa representante.
c) A titulación universitaria de licenciatura ou grao e/ou título oficial non universitario das persoas participantes no desenvolvemento do programa.
d) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social da entidade solicitante.
e) O certificado de débedas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria da entidade solicitante.
f) O certificado de débedas coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia da entidade solicitante.
g) Certificación de estar inscrita no rexistro administrativo competente a entidade solicitante.
h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas a entidade solicitante.
i) Consulta de concesións de subvencións e axudas da entidade solicitante.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes (anexos I e IV).
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Memoria técnica do programa (Anexo II)
- Comprobación de datos (Anexo IV)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 16 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de realizar programas de carácter sociosanitario no ano 2025 (DOG nº 152 do 11 de agosto de 2025).
-
Extracto da Orde do 16 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de realizar programas de carácter sociosanitario no ano 2025 (DOG nº 152 do 11 de agosto de 2025).
-
Resolución do 10 de outubro de 2025 pola que se procede á publicación das subvencións concedidas en virtude da Orde do 16 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario no ano 2025 (DOG nº 225 do 20 de novembro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais
Aberto todo o ano
Fusións de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.
Aberto todo o ano
Integración de explotacións pertencentes a un concello diferente daquel onde unha ADSG estea recoñecida.
Aberto todo o ano
Recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter científico.
Aberto todo o ano