Guía de procedementos e servizos

SA645A

Subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 21/08/2025 00:00 - 22/09/2025 23:59

Consellería de Sanidade

Sobre o procedemento

Establecer as bases reguladoras e convocar no ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de saúde pública, relacionados coa infección polo VIH, a sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS), que realicen en Galicia entidades privadas sen ánimo de lucro ao longo do período comprendido entre o 1 de xullo de 2025 e o 30 de xuño de 2028.

Poderán solicitar e ser beneficiarias destas subvencións as entidades privadas sen ánimo de lucro que presenten un único proxecto e que cumpran co obxecto e normas desta orde, sempre e cando non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que imposibilitan obter a condición de beneficiaria das subvencións.

Xunta de Galicia

Consellería de Sanidade

Dirección Xeral de Saúde Pública

Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades (Cegace)

Servizo de Prevención e Control de Enfermidades

Edificio Admtvo. San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881542960

Email: prevencion.enfermidades.transmisibles@sergas.es

Dirección Xeral de Saúde Pública
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

21/08/2025 00:00 - 22/09/2025 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Presentar un proxecto de saúde pública de actuación no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual para os anos 2025, 2026, 2027 e 2028.

2. O proxecto deberá realizarse integramente na Comunidade Autónoma de Galicia e deberá ter como área xeográfica de actuación, polo menos, unha das seguintes áreas sanitarias:

a) Área Sanitaria da Coruña e Cee.

b) Área Sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza.

c) Área Sanitaria de Ferrol.

d) Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

e) Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

f) Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

g) Área Sanitaria de Vigo.

3. Para desenvolver o proxecto, a entidade beneficiaria deberá dispor en Galicia, como mínimo:

a) Dun local con capacidade para levar a cabo o proxecto.

b) Dunha persoa contratada para desenvolver o proxecto, que actuará como representante técnica do proxecto ante a Consellería de Sanidade, e que deberá estar dispoñible durante todo o período subvencionable.

4. O proxecto recollerá obrigatoriamente a promoción do uso de preservativos e a súa distribución.

5. Para o cumprimento dos obxectivos do proxecto, poderase empregar material divulgativo editado pola Consellería de Sanidade ou polo ministerio con competencias en materia de sanidade. Calquera outro material divulgativo que se pretenda usar e/ou distribuír deberá presentarse previamente no Servizo de Prevención e Control de Enfermidades da Dirección Xeral de Saúde Pública, para que neste servizo se valore a súa idoneidade e se proceda á validación e á autorización previa do seu uso e/ou distribución.

Os materiais e publicacións (en formatos impresos ou electrónicos) que se elaboren no contexto das axudas reguladas por esta orde deberán incorporar de forma visible o seu financiamento público, e axustarse ademais aos criterios oficiais de identidade corporativa da Xunta de Galicia. Así mesmo, estarán libre de mensaxes e imaxes que reproduzan estereotipos de xénero e roles sexistas.

6. Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. Cumprir a normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal no desenvolvemento do proxecto subvencionado.

8. Presentar a solicitude no prazo e na forma que establece o artigo 8.

Todos os requisitos deberán manterse durante todo o período de execución da actividade subvencionada. É responsabilidade da entidade beneficiaria comunicar se se produciron cambios.

Solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha memoria técnica do proxecto que se estea realizando, ou se pretenda realizar, cunha extensión máxima de 10 páxinas, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación legal da entidade solicitante. O formato da memoria técnica debe ser:

1. Tipo de letra: Arial.

2. Estilo: normal.

3. Tamaño de letra: 11.

4. Interlineado: 1,15 puntos.

5. Marxes laterais: 1,5-3.0 cm.

6. Marxe superior: 2,5-4 cm.

7. Marxe inferior: 2,5-3 cm.

8. O formato do arquivo será de texto ou PDF.

b) Copia do material divulgativo que se pretenda empregar no proxecto e que non fora editado por administracións públicas nin recibira o informe favorable do Servizo de Prevención e Control de Enfermidades da consellería competente en materia de sanidade.

c) Documentación acreditativa dos correspondentes méritos que se van valorar segundo o exposto no artigo 15.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas

h) Concesión de subvencións e axudas.

i) Concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa, aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 28 de xullo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro (DOG nº 158 do 20 de agosto de 2025).

    • Extracto da Orde do 28 de xullo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro (DOG nº 158 do 20 de agosto de 2025).

    • Resolución do 24 de novembro de 2025 pola que se procede á publicación das subvencións concedidas e denegadas en virtude da Orde do 28 de xullo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro (DOG nº 229 do 26 de novembro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR505A

Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR513A

Fusións de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR514A

Integración de explotacións pertencentes a un concello diferente daquel onde unha ADSG estea recoñecida.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SA301A

Recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter científico.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano