Guía de procedementos e servizos

SA210A

Inscrición no rexistro galego de instrucions previas.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Aberto todo o ano

Consellería de Sanidade

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Que é e para que serve

As instrucións previas consisten nun documento, mediante o cal, unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade, co fin de que esta sexa cumprida no momento en que chegue a situacións nas cales non sexa quen de expresala persoalmente, sobre os coidados e o tratamento da súa saúde ou, unha vez chegado o falecemento, sobre o destino do seu corpo e dos seus órganos.

Poderase inscribir no Rexistro galego de instrucións previas o documento que conteña polo menos unha das seguintes, alíneas:

a) Instrucións e opcións acerca dos coidados e o tratamento da saúde da persoa outorgante.

b) Instrucións sobre o destino do corpo, unha vez chegado o falecemento, en relación coa doazón de órganos e tecidos para transplante ou coa doazón para docencia e investigación científica.

A persoa outorgante pode designar unha persoa representante, para que, chegado o caso, sirva como interlocutor co/a médico/a para procurar o cumprimento das instrucións previas que figuran no documento.

O documento que conteña só a designación dunha persoa representante, se non vai acompañada de instrucións previas, non será obxecto de inscrición.

Non cabe efectuar designacións xenéricas de persoas en virtude do seu cargo ou do desenvolvemento de funcións asistenciais no ámbito sanitario.

No caso de que a persoa designada como representante sexa menor de idade, a súa eficacia queda condicionada a que, unha vez chegada a situación na cal deban ser aplicadas as instrucións previas, o dito representante sexa maior de idade e posúa plena capacidade de obrar.

A persoa outorgante pode tamén designar un substituto do representante que exercerá as súas funcións no caso de falecemento, incapacidade ou imposibilidade de consulta co representante.

Quen pode solicitalo

As persoas maiores de idade, capaces e libres, que desexen manifestar anticipadamente a súa vontade, co fin de que esta sexa cumprida no momento en que chegue a situacións nas cales non sexan quen de expresala persoalmente, sobre os coidados e o tratamento da súa saúde ou, unha vez chegado o falecemento, sobre o destino do seu corpo e dos seus órganos.

Cando se pode solicitar

Prazo de presentación: Aberto todo o ano

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (Dende o día 19 de xaneiro de 2015).

Como se tramita

Podes presentar esta solicitude de dous xeitos:

  • Por internet, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
  • Presencialmente, nunha oficina de rexistro ou noutros lugares autorizados.

Se pertences a algún destes grupos, tes que presentar a solicitude electronicamente:

  • Persoas xurídicas.
  • Entidades sen personalidade xurídica.
  • Profesionais que deban estar colexiados para exercer a súa actividade.
  • Empregados públicos, cando realicen un trámite por razón da súa condición de empregado público.
  • Traballadores e traballadoras autónomos.
  • Estudantes universitarios.
  • Persoas que representen a calquera dos grupos anteriores.

Tramitar en liña

A solicitude pódela presentar electronicamente a través do botón “Tramitar en liña” dispoñible nesta páxina. 

Para presentar a solicitude en liña:

  • Pulsa o botón «Tramitar en liña» desta páxina.
  • Identifícate electronicamente.
  • Firma a solicitude cun sistema de sinatura electrónica admitido.

Podes consultar os sistemas de identificación e firma admitidos na sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón.

Tramitar presencialmente

Se non estas obrigado a presentar a solicitude electronicamente podes facelo de forma presencial.

Podes presentar a solicitude en:

  • As oficinas de asistencia en materia de rexistro da Xunta de Galicia.
  • As oficinas de rexistro doutras administracións públicas, como os concellos.
  • As oficinas de Correos.
  • As embaixadas e os consulados de España no estranxeiro.
  • Outros lugares autorizados na normativa reguladora do procedemento.

As oficinas de asistencia en materia de rexistro da Xunta de Galicia pódelas consultar en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion 

Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa. 

Se prefires que te atendan a unha hora concreta, solicita cita previa en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/cita-previa

Que documentación hai que presentar

A documentación que debes presentar depende do tipo de solicitude que realices.

A Administración poderá comprobar automaticamente algúns datos necesarios para a tramitación.

Se non pode comprobalos, indicarémosche que documentos debes achegar.

Nalgúns casos, terás que completar e presentar formularios adicionais, chamados anexos.

Podes descargalos desde a ligazón que aparece xunto ao nome de cada formulario.

Documentación

  • Solicitude segundo o Anexo I.

  • Anexo II, para o caso de formalizarse o documento ante testemuñas.

  • Anexo III, para o caso de designación de persoa representante-interlocultora e, se é o caso, persoa substituta.

  • Documento de instrucións previas.

  • Documento acreditativo da representación da persoa solicitante.

  • Declaración responsable das testemuñas.

  • Comprobación de datos.

Os documentos relacionados serán obxecto de consulta ás administracións públicas. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo e achegar unha copia dos documentos.

  • DNI/NIE da persoa solicitante.

  • DNI/NIE da persoa representante.

Anexos

Que vai pasar despois de que o presente

Canto tempo ten a Administración para resolver a solicitude?

Dous meses

Que ocorre se non recibes resposta?

Se pasa o prazo establecido para resolver e non recibes unha resposta expresa, a túa solicitude considérase estimada por silencio administrativo. 

Isto significa que a solicitude se considera aprobada. 

A Administración segue estando obrigada a resolver a túa solicitude aínda que transcorra este prazo, pero a resolución xa só poderá ser estimatoria (aprobando a túa solicitude). 

Como recibirás a resposta da Administración?

A Xunta de Galicia comunicarache a resposta á túa solicitude mediante unha notificación é dicir, unha comunicación oficial coa resolución da solicitude.

Nalgúns casos, a notificación individual substitúese ou compleméntase coa publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web correspondente.

Esta publicación ten a mesma validez legal que unha notificación individual.

Como podes consultar ou realizar trámites despois de presentar a solicitude?

Unha vez que presentes a solicitude e se inicie o expediente (conxunto de documentos e actuacións relacionados coa túa solicitude), podes realizar trámites electrónicos a través da Carpeta cidadá (espazo privado onde podes consultar as túas xestións coa Administración) na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Desde a Carpeta cidadá podes:

  • Consultar o estado do teu expediente.
  • Acceder á documentación.
  • Realizar os trámites que estean dispoñibles.


Se non estás obrigado a relacionarte electronicamente coa Administración, tamén podes realizar estes trámites de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro (oficinas onde podes presentar documentos e recibir axuda para os teus trámites). 

Podes consultar a localización destas oficinas en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion 

Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa. 

Se desexas garantir a túa atención nunha hora determinada, solicita cita previa en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/cita-previa

Onde obter máis información

Podes obter máis información chamando ao teléfono 012 ou ao 981 900 643, servizo de información da Xunta de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Sanidade

Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade

Rexistro Galego de Instrucións Previas

San Lázaro s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881-548673/ 881-540078

Email: regaip@sergas.es

Órgano responsable

Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade
Normativa
    Ámbito Autonómico
    • Decreto 159/2014, do 11 de decembro, polo que se establece a organización e funcionamento do Rexistro galego de instrucións previas sobre coidados e tratamento da saúde (DOG nº 248 do 29 de decembro de 2014). Ligazón á normativa

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR203B

Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR435D

Inspección periódica dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR553C

Indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades

Tramitar en liña

Prazo aberto: 09/01/2026 00:00 - 30/11/2026 23:59

MR561A

Autorización de laboratorios de autocontrol de salmonelas nas explotacións gandeiras.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano