Guía de procedementos e servizos

PR970B

Bolsas de colaboración en proxectos de investigación no Consello da Cultura Galega.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 11/07/2026 00:00 - 10/08/2026 23:59
Que é e para que serve

A concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de catro (4) bolsas de colaboración en proxectos de investigación no Consello da Cultura Galega durante os anos 2026 e 2027

Quen pode solicitalo

Persoas con titulación universitaria (licenciatura e grao) con perfil investigador.

Requisitos

Poderán solicitar estas bolsas ou ser persoas beneficiarias delas as persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada bolsa se sinalen nos anexos desta resolución, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión da titulación universitaria requirida para o proxecto á cal presenten a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a el no curso académico 2013/14 ou posterior.

c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura ou grao en Filoloxía Galega, Galego e Portugués, Lingua e Literatura Galegas e Tradución e Interpretación.

d) Non resultar persoa beneficiaria dunha bolsa de colaboración convocada polo Consello da Cultura Galega en convocatorias anteriores durante un prazo superior a 12 meses.

e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

As persoas solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xurada. A certificación do expediente académico indicará a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas. Deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET); e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.

Cando se pode solicitar

Prazo de presentación: PECHADO

11/07/2026 00:00 - 10/08/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será de un (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.


Como se tramita

Esta solicitude débese presentar por internet a través da sede electrónica. 

Tramitar en liña

A solicitude débela presentar electronicamente a través do botón “Tramitar en liña” dispoñible nesta páxina. 

Para presentar a solicitude en liña: 

  • Pulsa o botón «Tramitar en liña» desta páxina.
  • Identifícate electronicamente.
  • Firma a solicitude cun sistema de sinatura electrónica admitido.

Podes consultar os sistemas de identificación e firma admitidos na sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón. 

Que documentación hai que presentar

A documentación que debes presentar depende do tipo de solicitude que realices.

A Administración poderá comprobar automaticamente algúns datos necesarios para a tramitación.

Se non pode comprobalos, indicarémosche que documentos debes achegar.

Nalgúns casos, terás que completar e presentar formularios adicionais, chamados anexos.

Podes descargalos desde a ligazón que aparece xunto ao nome de cada formulario.

Documentación

Solicitudes

A capacidade técnica e formación das persoas ás cales van dirixidas estas bolsas permítenlles o acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para se relacionaren por este medio co sector público autonómico. Polo tanto, ao abeiro do artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 10.2 e 3 da Lei 4/2019, do 14 de xullo, de administración dixital de Galicia, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

No anexo V (solicitude) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de non atoparse incursa/o en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable das axudas ou de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período.

e) Declaración conforme non resultou persoa beneficiaria dunha bolsa de colaboración convocada polo Consello da Cultura Galega en convocatorias anteriores durante un prazo superior a 12 meses.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación académica oficial completa (non extracto de expediente virtual), en que se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co establecido na base cuarta e) desta resolución. Os titulados que accederon a estudos de 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar, ademais, a certificación dese 1º ciclo, igualmente con expresión da nota media do expediente académico.

b) Documentación acreditativa dos requisitos específicos.

c) Certificado de Celga 4 ou perfeccionamento da lingua galega (copia), agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura ou grao en Filoloxía Galega, Galego e Portugués, Lingua e Literatura Galegas e Tradución e Interpretación.

d) Relación de méritos puntuables da persoa solicitante da bolsa, cubrindo o apartado correspondente do anexo V das bases reguladoras, xunto coa documentación acreditativa dos requisitos específicos e méritos alegados.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada de solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobacións de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Títulos oficiais universitarios.

– Títulos oficiais non universitarios

– Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

– Certificación de non ter débedas contraídas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– Certificación de non ter débedas contraídas coa Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Anexos

Que vai pasar despois de que o presente

Canto tempo ten a Administración para resolver a solicitude?

Cinco meses

Que ocorre se non recibes resposta?

Se pasa o prazo establecido para resolver e non recibes unha resposta expresa, a túa solicitude considérase desestimada por silencio administrativo.

Isto significa que a solicitude non se considera aprobada.

A Administración segue estando obrigada a resolver a túa solicitude aínda que transcorra este prazo.

A resolución pode ser:

  • Estimatoria (cando aprobamos a túa solicitude).
  • Desestimatoria (cando non aprobamos a túa solicitude).

Se non aprobamos a túa solicitude, podes presentar un recurso para pedir que revisemos a decisión.

Como podes consultar ou realizar trámites despois de presentar a solicitude?

Unha vez que presentes a solicitude e se inicie o expediente (conxunto de documentos e actuacións relacionados coa túa solicitude), podes realizar trámites electrónicos a través da Carpeta cidadá (espazo privado onde podes consultar as túas xestións coa Administración) na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Desde a Carpeta cidadá podes:

  • Consultar o estado do teu expediente.
  • Acceder á documentación.
  • Realizar os trámites que estean dispoñibles.


Se non estás obrigado a relacionarte electronicamente coa Administración, tamén podes realizar estes trámites de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro (oficinas onde podes presentar documentos e recibir axuda para os teus trámites). 

Podes consultar a localización destas oficinas en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion 

Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa. 

Se desexas garantir a túa atención nunha hora determinada, solicita cita previa en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/cita-previa

Onde obter máis información

Podes obter máis información chamando ao teléfono 012 ou ao 981 900 643, servizo de información da Xunta de Galicia.

Comunidade Autónoma de Galicia

Consello da Cultura Galega

Pazo de Raxoi, 2º andar - Praza do Obradoiro

15705  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957202

Email: rexistro@consellodacultura.gal

http://www.consellodacultura.gal

Órgano responsable

Consello da Cultura Galega
Normativa
    Ámbito Autonómico
    • Resolución do 29 de xuño de 2026 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de catro bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade e se anuncia a súa convocatoria (DOG nº 128 do 10 de xullo de 2026). Ligazón á normativa

    • Extracto da Resolución do 29 de xuño de 2026 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de catro bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade e se anuncia a súa convocatoria (DOG nº 128 do 10 de xullo de 2026). Ligazón á normativa

    • Resolución do 23 de outubro de 2026 en relación coa convocatoria pública de catro bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade, convocadas pola Resolución do 29 de xuño de 2026 (Diario Oficial de Galicia número 128, do 10 de xullo)(DOG nº 208 do 30 de outubro de 2026). Ligazón á normativa

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR516C

Programas sanitarios excepcionais e de investigación ou experimentación en apicultura.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR560A

Autorización de entidades que imparten cursos de capacitación de persoal que traballa con animais para experimentación e outros fins científicos, incluída a docencia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SA304E

Premios de Investigación en Saúde de Galicia (PISGa)

Tramitar en liña

Prazo aberto: 16/10/2026 00:00 - 16/11/2026 23:59

SA680A

Inscrición de laboratorios que realicen ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano