Guía de procedementos e servizos

PR461F

Inscrición proceso de acceso por promoción interna. Categoría inspector de Policia Local.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: Consultar as datas

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Sobre o procedemento

O obxecto do proceso selectivo é a provisión por promoción interna das prazas dos corpos de Policía local de Galicia, escala executiva, categoría de inspector, subgrupo A2 que se relacionan na base primeira da orde da convocatoria

Aspirantes por promoción interna aos corpos de Policía Local, escala executiva, categoría de inspector, subgrupo A2.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)

Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Secretaría Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Servizo de Coordinación, Planificación e Selección

Rúa da Cultura, s/n

36680  Estrada, A  (Pontevedra)

Teléfono: 886206127

Email: seleccion.agasp@xunta.gal

https://agasp.xunta.gal/es

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. O anuncio desta convocatoria será publicado tamén nos boletíns provinciais das catro provincias galegas.



Non se terá en conta a documentación que non quede debidamente acreditada dentro do prazo de presentación de solicitudes.


Para o proceso de acceso por promoción interna :

a) Ter nacionalidade española.

b) Ter feitos os dezaoito anos e non exceder, de ser o caso, da idade da xubilación forzosa.

c) Estar en posesión ou en condicións de obter a titulación exixida para acceder á condición de funcionario do subgrupo A2, conforme a normativa de función pública.

d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do que a persoa fose separada ou inhabilitada.

Será aplicable, non obstante, o beneficio da rehabilitación conforme as normas penais e administrativas, que a persoa aspirante deberá acreditar mediante o correspondente documento oficial.

f) Carecer de antecedentes penais por delito doloso.

g) Ser funcionario/a de carreira e ter en propiedade unha praza da categoría de oficial da policía local no concello que se pretende promocionar.

h) Estar en servizo activo na categoría de oficial no corpo da policía local do concello en que se pretende promocionar.

i) Ter unha antigüidade mínima de tres anos continuados na categoría de oficial. Para o seu cómputo teranse en conta os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivese a consideración de persoal funcionario en prácticas, así como os períodos durante os que se encontrase en situación de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación.

  • Inscrición nos procesos selectivos para a selección dos membros dos corpos da policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local derivada da cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos ( 30.03.04)

Pode realizar o pago destas taxas na sede electrónica como un dos pasos da tramitación en liña.

Solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ( anexo I)  dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe «Idioma do exame», se o enunciado do primeiro exercicio se deberá entregar en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

1. Taxas

Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso, deberase aboar dentro do prazo de presentación de solicitudes, en concepto de dereito de inscrición, o importe de 33,13 euros e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes.

O pagamento da taxa poderá facerse:

a) Electronicamente: con cargo a unha tarxeta de crédito ou débito e, no caso de que se teña certificado dixital, poderase tamén facer con cargo a unha conta bancaria do titular. No momento de facer o pagamento obterase un xustificante (modelo 730).

b) Presencialmente: neste caso deberase imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle deberá selar o xustificante coa data do pagamento.

Os códigos para cubrir as taxas son os seguintes:

Consellería: Presidencia, Xustiza e Deportes. Código 04.

Delegación: Servizos Centrais. Código 13.

Servizo: Academia Galega de Seguridade Pública. Código 19.

Taxa: Denominación: inscrición nos procesos selectivos para a selección de persoal dos corpos da Policía Local de Galicia. Código 30.03.04.

A falta de pagamento da taxa correspondente ou a falta de xustificación desta, en prazo, determinará a exclusión no proceso da persoa aspirante e non será posible a súa corrección fóra do prazo de presentación de solicitudes.

A presentación do xustificante do aboamento das taxas non supoñerá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso.

Finalizado correctamente o proceso de pagamento, poderase presentar a solicitude.

Exención e bonificación no aboamento da taxa. Sempre que se cumpra o resto de requisitos.

a) Estarán exentas do pagamento desta taxa por dereito de inscrición as persoas membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial e as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %, segundo o artigo 11.3 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e o artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Aplicarase unha bonificación do 50 % do importe da taxa ás:

• Persoas membros de familias numerosas de categoría xeral.

• Vítimas do terrorismo, tal e como se describe no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando coa solicitude a documentación que se especifica no punto 3.4 desta orde.

Devolución das taxas.

A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listas, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Para iso será necesario presentar un escrito por correo electrónico ao enderezo de correo electrónico: seleccion.agasp@xunta.gal en que se solicite a devolución e no cal consten o número de conta (24 díxitos), a entidade financeira e a súa localidade ou ben un certificado expedido pola entidade financeira en que figuren eses datos. Esta documentación deberá ser dirixida ao Servizo de Coordinación, Planificación e Selección da Agasp. A presentación deste escrito sen os datos indicados ou fóra de prazo supoñerá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

Documentación complementaria

Para o proceso selectivo de acceso por promoción interna , xunto coa solicitude (anexo I), deberá achegarse:

a) Xustificante do pagamento da taxa con código 30.03.04 dentro do prazo establecido, agás que este proceso se inicie e finalice electronicamente, dado que o xustificante da taxa se xeraría de forma automática ao realizar o pagamento na sede electrónica.

b) Certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, xa que nese caso poderase consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo I da solicitude.

c) Tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ou certificado de discapacidade expedido polo órgano competente na materia, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, xa que nese caso poderase consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo I da solicitude.

d) Resolución administrativa pola que se recoñeza a condición de vítima de terrorismo, de ser o caso.

e) Relación dos méritos que se acrediten, por cada un dos puntos de que consta o concurso, segundo o especificado no anexo III.

f) Copias da documentación acreditativa dos méritos alegados que deberá presentarse na orde en que figura cada un dos méritos na relación de méritos citada no punto anterior.

g) Certificado acreditativo de cumprir os requisitos recollidos nesta convocatoria nos números 2.1.g), 2.1.h) e 2.1.i):

  •  Ser funcionario/a de carreira e ter en propiedade unha praza da categoría de oficial da policía local no concello en que se pretende promocionar.

  •  Estar en servizo activo na categoría de oficial no corpo da policía local do concello en que se pretende promocionar.

  • Ter unha antigüidade mínima de tres anos continuados na categoría de oficial. Para o seu cómputo teranse en conta os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivese a consideración de persoal funcionario en prácticas, así como os períodos durante os que se encontrase en situación de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación.

h) Certificado do Celga 4 ou equivalente, sempre que non sexa expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, xa que nese caso poderase consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo I da solicitude.

i) Documentación acreditativa da representación.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puideron obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación relacionada no punto 3.4.1 deberase presentar electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Títulos oficiais universitarios.

d) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Título de familia numerosa expedido pola Administración autonómica.

b) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario da solicitude e anexar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixiantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixiantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada (DOG nº 22 do 2 de febreiro de 2009)

    • Lei 4/2007,do 20 de abril, de coordinación de policías locais. (DOG nº 85 do 3 de maio de 2007).

    • Corrección de errores.-Decreto 77/2010, de 29 de abril, por el que se modifica el Decreto 243/2008, de 16 de octubre, que desarrolla la Ley 4/2007, de 20 de abril, de coordinación de policías locales (DOG nº 98 del 26 de mayo de 2010).

    • Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2023).

    • Ley 9/2016, de 8 de julio, por la que se modifica la Ley 4/2007, de 20 de abril, de coordinación de policías locales (DOG nº 131 del 12 de julio de 2016).

    • Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local (DOG nº 222 do 22 de novembro de 2017).

    • Orde do 11 de agosto de 2026 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca proceso selectivo de acceso por promoción interna (código de procedemento PR461F) e o proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461J) nos corpos de Policía Local de Galicia, escala executiva, categoría de inspector (DOG nº 158 do 21 de Agosto de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR461B

Inscrición no proceso selectivo unitario de policía local.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 06/08/2026 00:00 - 02/09/2026 23:59

PR461D

Inscrición proceso de provisión por mobilidade na categoría de policía local.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 06/08/2026 00:00 - 02/09/2026 23:59

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR467A

Medallas ao mérito de Protección Civil de Galicia e outras condecoracións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano