Guía de procedementos e servizos

PR307B

Autorización rifas e tómbolas

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Aberto todo o ano

Consellería de Facenda e Administración Pública

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Enténdese por xogo da rifa aquela modalidade que consiste no sorteo dun ou varios bens ou servizos previamente determinados entre diversas persoas que previamente adquirisen papeletas ou billetes. O importe de cada papeleta ou billete deberá ser o mesmo e o importe total das papeletas ou billetes emitidos deberá ser, como mínimo, igual ao valor dos bens ou servizos sorteados. As papeletas ou os billetes deberán estar numerados correlativamente ou diferenciados entre si de calquera outra forma. Os premios non poderán consistir en diñeiro en metálico nin poderán ser substituídos por diñeiro.

Pola súa banda, o xogo da tómbola consiste na adquisición por un prezo certo dun sobre ou papeleta que deberá conter ocultos números, símbolos ou textos que determinen a adquisición do premio, no caso de premio instantáneo, ou que determinen a adquisición de puntos, cando a obtención do premio se obteña pola suma de puntos ata acadar unha cifra determinada.

A todas as persoas naturais ou xurídicas que cumpran os requisitos e estean interesadas en realizar un destes xogos.

Xunta de Galicia

Consellería de Facenda e Administración Pública

Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro

Subdirección Xeral de Xogo

Servizo de Xogo

R/ Pastoriza, 8

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546410/ 981546442

Email: xogosc@xunta.es

Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: Aberto todo o ano

Requisitos da Rifa:

- O importe de cada papeleta ou billete debe ser o mesmo.

- O importe total das papeletas ou billetes emitidos debe ser, como mínimo, igual ao valor dos bens ou servizos sorteados.

- As papeletas ou billetes deberán estar numerados correlativamente ou diferenciados entre si de calquera outra forma.

- Os premios non poderán consistir en diñeiro en metálico nin poderán ser substituídos por diñeiro

- Cando os números premiados das rifas se fagan coincidir cos números correspondentes a sorteos da ONCE ou SLAE, o número de papeletas ou billetes deberá ser como mínimo igual ao dunha serie das fixadas nos ditos sorteos.

- O número premiado poderá ser o que resulte dun sorteo específico realizado de forma pública e transparente ou que coincida co que resulte doutro sorteo autorizado pola Administración autonómica ou estatal.

Requisitos da tómbola:

- O premio deberá ser un ou varios obxectos e en ningún caso unha cantidade en metálico.

- O premio non poderá substituírse por diñeiro

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse no modelo de solicitude que figura como anexo I.

As solicitudes presentaránse preferentemente por medios medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para este efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes por medios electrónicos poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Bases do xogo

b) Documentación acreditativa da representación do solicitante, no seu caso.

c) Xustificante acreditativo do pago da taxa administrativa.Códigos:

Consellería: 05, Servizos Centrais: 13, Servizo de Xogo: 16. Taxa: autorización de explotación: 301301.

d) Copia da documentación que acredite a titularidade por parte da persoa organizadora dos premios que se van sortear ou o documento acreditativo da constitución da garantía pola contía do seu valor.

e) Relación detallada dos premios que se outorgarán, coa expresión do seu valor e a forma de adxudicación ás persoas gañadoras, así como o lugar onde se atopen os bens mobles.

No caso de bens inmobles, indicarase a situación do premio, os seus límites, a extensión, as cargas e os datos rexistrais, así como tamén a forma de entrega do premio e calquera tipo de gastos que deba satisfacer a persoa gañadora. No caso de viaxes, deberase especificar os servizos que se inclúen. No caso de vehículos, deberase indicar a quen corresponde o pago do Imposto especial sobre determinados medios de transporte ou calquera outro tipo de tributo que sexa de aplicación.

f) Relación detallada das persoas designadas para vender as papeletas ou os billetes, coa indicación do sexo de cada unha delas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa presentara anteriormente a persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

TAXA FISCAL:

Unha vez recibida a notificación da autorización e, no prazo de 30 días naturais contados a partir do día seguinte da súa recepción, deberá dirixirse á Axencia Tributaria de Galicia co fin de liquidar a taxa fiscal establecida no artigo 4.2. do Decreto 247/1991 do 4 de xullo, agás inclusión nalgún dos supostos de exención de pago previstos no artigo 19.1 do Decreto Lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, establece que quedan exentos do pago destas taxas as rifas organizadas ou celebradas sen ánimo de lucro con motivo de acontecementos educativos, sociais ou festivos, sempre que o produto íntegro da venda dos billetes ofrecidos non supere os 12.000 euros e o premio ofrecido teña un valor inferior a 1.500 euros.

As rifas tributarán, con caracter xeral, o 10% do importe total dos boletos emitidos (vendidos ou non)

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Quince días

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 2 de xullo de 2014 pola que se adaptan e incorporan á sede electrónica da Xunta de Galicia os procedementos administrativos de prazo aberto da Presidencia da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG nº 132 do 14 de xullo de 2014).

    • Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia (DOG nº 128 do 6 de xullo de 2023).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA002A

Subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo.

Aberto todo o ano

FA002B

Presentación e pagamento telematico da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos

Aberto todo o ano

FA004A

Pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo.

Aberto todo o ano