Guía de procedementos e servizos

MT723A

Axudas económicas para os titulares de terreos cinexéticos ordenados, destinadas ao fomento da riqueza e xestión dos recursos cinexéticos

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 03/12/2025 00:00 - 02/01/2026 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Que é e para que serve

Concesión de axudas destinadas as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor) de Galicia.

Quen pode solicitalo

Poderán acollerse a estas axudas tanto as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, como as agrupacións destes que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, fagan unha solicitude conxunta. Neste último caso, os terreos cinexéticos deberán ser lindeiros e estaren situados nunha mesma provincia. Para cada Tecor só será admisible unha única solicitude.

Requisitos

Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cando se pode solicitar

Prazo de presentación: PECHADO

03/12/2025 00:00 - 02/01/2026 23:59

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Como se tramita

Esta solicitude débese presentar por internet a través da sede electrónica. 

Tramitar en liña

A solicitude débela presentar electronicamente a través do botón “Tramitar en liña” dispoñible nesta páxina. 

Para presentar a solicitude en liña: 

  • Pulsa o botón «Tramitar en liña» desta páxina.
  • Identifícate electronicamente.
  • Firma a solicitude cun sistema de sinatura electrónica admitido.

Podes consultar os sistemas de identificación e firma admitidos na sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón. 

Que documentación hai que presentar

A documentación que debes presentar depende do tipo de solicitude que realices.

A Administración poderá comprobar automaticamente algúns datos necesarios para a tramitación.

Se non pode comprobalos, indicarémosche que documentos debes achegar.

Nalgúns casos, terás que completar e presentar formularios adicionais, chamados anexos.

Podes descargalos desde a ligazón que aparece xunto ao nome de cada formulario.

Documentación

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes dirixiranse ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da provincia en que se localicen os terreos cinexéticos.

2. A solicitude de axuda, segundo o anexo I desta orde (código do procedemento MT723A). inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración sobre a veracidade dos datos contidos na solicitude e documentos achegados.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración do cumprimento dos requisitos e das condicións establecidos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Declaración do cumprimento dos requisitos e das condicións establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude de axuda (anexo I desta orde, código de procedemento MT723A) presentarase a seguinte documentación:

a) Acordos dos órganos competentes das entidades solicitantes polos cales se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, en que deberá figurar, así mesmo, a persoa designada como representante daquela para os efectos da solicitude.

b) No caso de agrupacións de persoas titulares, anexo III (relación de titulares de Tecor que solicitan as axudas) e acordos dos órganos respectivos competentes polos que se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, nos cales deberá encontrarse o de non disolver a agrupación ata que remate o prazo previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con indicación da porcentaxe de subvención e do compromiso de execución correspondente a cada unha delas. Así mesmo, debe figurar o nome da persoa designada como representante delas para os efectos desta solicitude, e anexarase o nome da titular en cuxa conta bancaria se deberá realizar o ingreso.

c) Cando se actúe en nome dunha persoa xurídica deberase acreditar a representación con que se actúa e, ademais, o acordo dos partícipes para solicitar a subvención.

No caso da persoa representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

– Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna (poder notarial, representación legal, copia de escrituras ou poder onde se acredite a representación legal...).

– Mediante apoderamento apud acta efectuado por comparecencia persoal ou comparecencia electrónica na correspondente sede electrónica, ou a través da acreditación da súa inscrición no rexistro electrónico de apoderamentos da Administración pública competente.

Os representantes das persoas interesadas obrigadas a relacionarse electronicamente coas administracións públicas, segundo o establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberán acreditar a súa representación de acordo co artigo 32 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuacións e funcionamento do sector público por medios electrónicos.

d) Memoria valorada, que se axeite ás indicacións do anexo II e que deberá incluír como mínimo: datos da/das persoa/s solicitante/s; datos dos terreos cinexéticos en que se localizarán as actuacións; descrición da problemática actual do terreo cinexético en relación coa/s especie/s, xustificando a adopción das medidas propostas; descrición das actuacións que se van realizar con indicación das datas previstas, a maquinaria e man de obra que se vai empregar, orzamento detallado; orzamento total; plano de situación 1:25.000 e fotografía do Sixpac ou planos catastrais en que se identifiquen perfectamente as parcelas sobre as cales se actuará mediante as referencias catastrais. Sobre estes planos e fotografías deberán marcarse as parcelas en que se vai actuar. Haberá que incluír, ademais, unha descrición das tobeiras.

e) Declaración responsable da dispoñibilidade dos terreos para a realización das actuacións segundo o modelo do anexo IV.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

e) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Autorización do Servizo de Montes consonte o establecido no artigo 60.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, só cando se pretenda o cambio de actividade forestal a agrícola co fin de mellorar o hábitat das especies cinexéticas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

 Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Anexos

Que vai pasar despois de que o presente

Canto tempo ten a Administración para resolver a solicitude?

Tres meses

Que ocorre se non recibes resposta?

Se pasa o prazo establecido para resolver e non recibes unha resposta expresa, a túa solicitude considérase desestimada por silencio administrativo.

Isto significa que a solicitude non se considera aprobada.

A Administración segue estando obrigada a resolver a túa solicitude aínda que transcorra este prazo.

A resolución pode ser:

  • Estimatoria (cando aprobamos a túa solicitude).
  • Desestimatoria (cando non aprobamos a túa solicitude).

Se non aprobamos a túa solicitude, podes presentar un recurso para pedir que revisemos a decisión.

Como podes consultar ou realizar trámites despois de presentar a solicitude?

Unha vez que presentes a solicitude e se inicie o expediente (conxunto de documentos e actuacións relacionados coa túa solicitude), podes realizar trámites electrónicos a través da Carpeta cidadá (espazo privado onde podes consultar as túas xestións coa Administración) na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Desde a Carpeta cidadá podes:

  • Consultar o estado do teu expediente.
  • Acceder á documentación.
  • Realizar os trámites que estean dispoñibles.


Se non estás obrigado a relacionarte electronicamente coa Administración, tamén podes realizar estes trámites de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro (oficinas onde podes presentar documentos e recibir axuda para os teus trámites). 

Podes consultar a localización destas oficinas en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion 

Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa. 

Se desexas garantir a túa atención nunha hora determinada, solicita cita previa en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/cita-previa

Onde obter máis información

Podes obter máis información chamando ao teléfono 012 ou ao 981 900 643, servizo de información da Xunta de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas

Servizo de Caza e Pesca Fluvial

San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997212 / 981546084

Email: caza.pesca@xunta.gal

Órgano responsable

Dirección Xeral de Patrimonio Natural
Normativa
    Ámbito Autonómico
    • Orde do 20 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados destinadas ao fomento da riqueza e xestión dos recursos cinexéticos, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 233 do 02 de decembro de 2025). Ligazón á normativa

    • Extracto da Orde do 20 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados destinadas ao fomento da riqueza e xestión dos recursos cinexéticos, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 233 do 02 de decembro de 2025). Ligazón á normativa

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

AU113C

Actuacións menores no dominio público hidráulico e zona de policía

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR701H

Actuacións dos GDR Programa LEADER PEPAC 2023-2027.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59

MR701I

Actuacións de animación, formación e cooperación (ICE).

Tramitar en liña

Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59

MT720A

Aprobación do plan anual de aproveitamento cinexético.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano