Guía de procedementos e servizos

MT701A

Ocupacións ou usos no litoral de Galicia

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Aberto todo o ano

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Solicitude de autorización para ocupacións ou usos no litoral (tanto no dominio público marítimo terrestre como nas súas zonas de servidume) de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 48 e 49 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Os usos e actuacións referidos deberán ser conformes co planeamento urbanístico e co réxime xurídico que, segundo o tipo de solo en que se sitúen, se establece na lexislación urbanística.

Importante!: Cando se trate de actuacións que se proxecten sobre obras, actividades e instalacións legalmente implantadas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre e que non supoñan un incremento da altura, da superficie ocupada ou da volumetría existente nin un cambio do uso, será suficiente con presentar a correspondente declaración responsable ao abeiro do procedemento MT701B.

Persoas físicas ou xurídicas, distintas da propia Administración xeral do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades do sector público estatal ou autonómico.

Importante! Para o caso de que a persoa interesada actúe por medio de representante, será preciso achegar a documentación acreditativa da dita representación.

Para máis información e axilidade pode consultar o Rexistro Electrónico de Apoderamentos de Galicia

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de A Coruña

Servizo do Litoral da Coruña

Edificio Servizos Múltiples - Rúa Vicente Ferrer, 2 - 8º

15071  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 881881018 / 981184716

Email: litoral.medio-ambiente.coruna@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Lugo

Servizo do Litoral de Lugo

Ronda da Muralla, 70

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982889729/ 982294394

Email: litoral.medio-ambiente.lugo@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Pontevedra

Servizo do Litoral de Pontevedra

Avda. María Victoria Moreno, 43, 4º

36003  Pontevedra  (Pontevedra)

Teléfono: 986805654

Email: litoral.medio-ambiente.pontevedra@xunta.gal

Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: Aberto todo o ano

Importante! Con todo, as autorizacións relativas a servizos de tempada están suxeitas aos seguintes prazos de presentación da solicitude:

1. Servizos de tempada situados no dominio público marítimo-terrestre correspondentes ao ano 2026.

a) Concellos: Os concellos costeiros interesados na explotación das instalacións, actividades, servizos de tempada e eventos, no seu termo municipal en zona de dominio público marítimo-terrestre, poderán presentar, con carácter preferente, as súas solicitudes desde o 1 de outubro ata o 30 de outubro de 2025.

b) Persoas físicas e xurídicas: As persoas físicas e xurídicas interesadas na explotación de servizos de tempada que pretendan prestarse en terreos de dominio público marítimo-terrestre da Comunidade Autónoma de Galicia poderán solicitar o outorgamento de autorización desde o 17 de novembro ata o 31 de decembro de 2025.

Calquera outro evento, actividade, xornadas, competicións ou campionatos de duración non superior a 15 días que se queiran desenvolver no dominio público marítimo-terrestre deberán solicitarse cunha antelación mínima dun mes respecto da data prevista para a súa celebración.

2. Servizos de tempada situados na zona de servidume de protección.

A solicitude de autorización presentarase no último trimestre do ano para a tempada seguinte (Entre o 1 de outubro e o 31 de decembro).

  • Autorización en materia de costas. ( 31.21.00)

Pode realizar o pago destas taxas na sede electrónica como un dos pasos da tramitación en liña.

A solicitude de autorización presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal) e deberá dirixirse ao departamento territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático correspondente ao lugar onde se sitúe a actuación.

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas distintas da propia Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades do sector público autonómico, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas, nos trámites realizados na súa condición de empregado público.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (htps://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Documentación complementaria

 As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

A. Para todas as solicitudes:

a.     Documentación relativa ás obras ou instalacións que se pretenden realizar:

a.1. Para o caso de obras non menores, proxecto básico das obras ou instalacións, subscrito por persoal técnico competente, que incluirá:

  • Memoria xustificativa e descritiva con anexos, se é o caso

  • Planos: situación, plantas, alzados, seccións características e topográfico do estado actual, a escala non inferior a 1/1000. Os planos incluirán a representación do deslindamento, do límite interior da ribeira do mar e das servidumes de tránsito e de protección

  • Orzamento

a.2. Para o caso de obras menores: Memoria explicativa das obras, con expresión das súas características, uso previsto e orzamento detallado por partidas. Incluirá planos de definición de plantas, alzados e seccións

b.     Plano de situación e emprazamento no cal deberá figurar grafada a situación e a ocupación exacta da actuación solicitada e incluír a representación do deslindamento, do límite interior da ribeira do mar e das servidumes de tránsito e de protección, de acordo cos planos oficiais do órgano correspondente da Administración do Estado.

c.      Información fotográfica completa da zona.

d.     Xustificante do pagamento da taxa correspondente (código 312100), agás que este se efectúe a través da sede electrónica, caso no que o xustificante se xerará automaticamente.

e.     Documentación acreditativa da representación, de ser o caso.

B. Ademais do anterior, para o caso de solicitudes situadas en zona de servidume de protección:

a.     Certificación municipal de cualificación urbanística do solo.

b.     Documentación acreditativa da propiedade ou dispoñibilidade dos terreos, mediante calquera medio de proba admisible en dereito.

c.      Só para o caso instalacións permanentes vinculadas á utilización e gozo do dominio público marítimo terrestre, memoria xustificativa que contemple os seguintes aspectos:

  • Necesidade da prestación con carácter permanente e continuado do servizo que se pretende na localización solicitada

  • Idoneidade da localización desde o punto de vista da súa integración ambiental e paisaxística na contorna inmediata.

C. Ademais do anterior, para o caso de solicitudes situadas en zona de dominio público marítimo terrestre:

a.     Memoria xustificativa da necesidade de ocupación do dominio público marítimo-terrestre pola natureza das instalacións ou actividades.

b.     Estudo económico-financeiro, salvo para as instalacións ou actividades que vaian ser explotadas directamente por unha entidade local.

c.      Avaliación dos efectos sobre o dominio público marítimo-terrestre, só para o caso de que as actividades proxectadas poidan supoñer unha alteración importante do dominio público marítimo-terrestre

d.     Estudos de impacto ambiental e de cambio climático, cando o esixa a normativa de aplicación.

e.      Estudo básico da dinámica litoral, só para o caso de que as actividades proxectadas conteñan previsións de actuación no mar ou na zona marítimo-terrestre.

f.       Só para o caso de servizos de tempada:

f.1. Proposta da delimitación das zonas a ocupar polos servizos de tempada, especificando a superficie ocupada.

f.2. Planos de planta xeral, de alzados e seccións das instalacións e servizos, nos que se reflicta a proposta de delimitación.

g.     Memoria xustificativa, só para o caso de prórrogas ou modificacións de concesións vixentes.

h.     Resgardo acreditativo da constitución da fianza provisional (2% sobre o orzamento correspondente das obras ou instalacións).

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Comprobación de datos

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante

b) DNI/NIE da persoa representante

c) NIF da entidade solicitante

d) NIF da entidade representante

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario da solicitude e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

No caso de autorizacións na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre:

Prazo de resolución: Cinco meses

No caso de autorizacións no dominio público marítimo-terrestre:

Prazo de resolución: Catro meses

No caso de concesións no dominio público marítimo-terrestre:

Prazo de resolución: Seis meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Decreto 97/2019, do 18 de xullo, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre (DOG nº 151 do 9 de agosto de 2019).

    • Decreto 50/2025, do 30 de xuño, polo que a Comunidade Autónoma de Galicia asume as funcións e os servizos traspasados pola Administración xeral do Estado en materia de ordenación e xestión do litoral (DOG nº 124 do 1 de xullo de 2025).

    • Orde do 9 de xuño de 2016 pola que se adaptan e se habilitan electronicamente os procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (DOG nº 113 do 15 de xuño de 2016).

    • Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (DOG nº 133 do 13 de xullo de 2023).

    • Anuncio do 24 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, de información pública sobre os prazos relativos aos servizos de tempada na zona de dominio público marítimo-terrestre do litoral de Galicia correspondentes ao ano 2026 (DOG nº 188 do 30 de setembro de 2025).

    • Anuncio do 11 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, de información pública sobre a relación de concellos que optaron por asumir a xestión dos servizos de tempada a través de plans de explotación e sobre a apertura do segundo prazo relativo ás solicitudes de servizos de tempada na zona de dominio público marítimo-terrestre do litoral de Galicia correspondentes ao ano 2026 (DOG nº 221 do 14 de novembro de 2025).

  • Ámbito Estatal
    • Lei 22/1988, do 28 de xullo, de Costas (BOE nº 181 do 29 de xullo de 1988).

    • Real Decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Costas (BOE nº 247, do 11 de outubro de 2014).

    • Lei 39/2015, da 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (BOE nº 236 do 2 de outubro de 2015).

    • Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE nº 236 do 2 de outubro de 2015).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IF300A

Inscrición no rexistro de entidades de certificación de conformidade municipal da Comunidade Autónoma de Galicia, suspensión e cancelación da inscrición.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF300B

Modificación de datos inscritos no rexistro de entidades de certificación de conformidade municipal da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT101D

Resolución de instrumentos de planeamento urbanístico. Aprobación definitiva

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT101E

Trámite posterior á aprobación inicial do planeamento xeral

Tramitar en liña

Aberto todo o ano