Guía de procedementos e servizos

MT402A

Programa de axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a particulares.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 20/01/2025 00:00 - 20/02/2025 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública para o ano 2025 para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas.

1. Poderán ser beneficiarias desta subvención as persoas físicas titulares dun inmoble ou ben sobre o que pretendan realizar algunha/s das actuacións establecidas no ordinal segundo da presente resolución.

2. Só caberá presentar unha solicitude por persoa e ben. Cada solicitude poderá conter varias actuacións.

3. A persoa solicitante deberá ser propietaria do terreo, inmoble ou ben en que se pretende realizar as actuacións e deberá acreditar a súa plena dispoñibilidade, como mínimo, durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario da axuda previstas no ordinal 19.

Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase, na fase de solicitude, mediante a sinatura da correspondente declaración responsable de propiedade e plena dispoñibilidade incluída no anexo I.

Na fase de xustificación, e no caso de tratarse de copropiedades, debe achegarse a autorización de todos os copropietarios relativa á realización da actuación para a que se solicita a axuda. Todo isto sen prexuízo das comprobacións que se poidan realizar para tal efecto desde o Instituto de Estudos do Territorio e que poden comprender a solicitude da documentación acreditativa da titularidade ao interesado con carácter previo á xustificación.

4. Todas as actuacións deberán contar, sempre e en todo caso, coa comunicación previa ou, de ser necesaria, a correspondente licenza municipal. Todo isto sen prexuízo dos restantes informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais, que sexan precisos.

Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito acreditarase na fase de xustificación, sen prexuízo da declaración responsable na fase de solicitude.

5. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria aquelas persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa solicitante, incluída no anexo I da presente resolución.

6. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste punto constituirá causa de inadmisión da solicitude ou de perda do dereito ao cobramento da axuda, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Instituto de Estudos do Territorio (IET)

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541755

Email: secretaria.iet@xunta.gal

Instituto de Estudos do Territorio (IET)

Prazo de presentación: PECHADO

20/01/2025 00:00 - 20/02/2025 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes e iniciarase en 7 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día en que se inicie a presentación de solicitudes. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Forma de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes, validamente presentadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considérase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e conste neste a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación complementaria exixida na presente resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade, do mesmo xeito que se inadmitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica de Galicia a través do procedemento MT402A.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta da que se establece nesta resolución.

4. A presentación da solicitude leva consigo a aceptación, por parte de quen a formule, dos termos desta convocatoria.

5. Do mesmo xeito, a presentación da solicitude implica a sinatura da declaración responsable asinada pola persoa solicitante ou polo seu representante, incluída no anexo I desta resolución, na cal se fará constar:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou recibidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración ou, na súa falta, declaración de non ter presentada ningunha outra solicitude de axuda para as mesmas actuacións.

b) Que a persoa beneficiaria está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento débedas coa comunidade autónoma nin é debedora por resolución de procedencia de reintegro, de conformidade co previsto no artigo 20.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao tratarse de subvencións que non superan os 3.000 euros individualmente e se conceden con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, Transferencias de capital destinadas a familias e institucións sen fins de lucro.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de persoa beneficiaria dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

f) Que cumprirá a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

g) Que se compromete a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan no punto 19 das bases reguladoras.

h) Que as actuacións para as cales se solicita subvención teñen a consideración de gastos subvencionables e non estaban iniciadas con anterioridade á publicación da convocatoria destas axudas.

i) Que vai realizar a comunicación previa ou, de ser necesaria, a solicitude de licenza municipal, así como de todos os informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais, que sexan precisos.

j) Que é titular e ten a plena dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no punto 19 e, para o caso de que existise unha copropiedade, o compromiso de obter a autorización de todos os copropietarios para o desenvolvemento da actuación obxecto da axuda.

k) Que os materiais e acabamentos propostos son conformes coas indicacións que se recollen nas guías a que se fai referencia no punto 2.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:

a) Acreditación da representatividade suficiente para actuar en nome da persoa solicitante.

b) Memoria descritiva das actuacións propostas, que deberá ter o detalle suficiente para describir adecuadamente as súas características, a súa medición e o seu orzamento. A información achegada debe ser suficiente para permitir o cálculo do orzamento de hipotéticas execucións parciais. En todo caso, as actuacións descritas na memoria, así como o importe final indicado nela, deben ter correspondencia exacta co tipo de actuación e co importe do orzamento con IVE consignados no modelo de solicitude, anexo I.

No caso de actuacións comprendidas en intervencións de rehabilitación integral ou outras de carácter e ámbito máis amplo, a correspondencia deberá darse entre o consignado no anexo I e as actuacións e importes que se identifiquen claramente como obxecto de solicitude de subvención, segundo o disposto no ordinal segundo, punto 4.

No caso de que non exista coincidencia requiriránselle á persoa solicitante as aclaracións que sexan pertinentes para a tramitación e resolución do expediente; a data válida de presentación, para os efectos do disposto no punto 4 do ordinal 7º, será aquela en que se dea cumprida resposta ao requirimento efectuado.

c) Reportaxe fotográfica do ben sobre o cal se vai actuar, en que se aprecie o elemento ou elementos obxecto da actuación; tamén debe presentarse, como mínimo, unha fotografía de conxunto na cal se acredite o impacto paisaxístico causado actualmente polo estado do ben na contorna.

d) De conformidade co previsto no artigo 29.3 Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior á contía de 40.000 euros prevista para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial (gravado nun soporte físico tipo CD, DVD ou dispositivo extraíble) dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1. DNI/NIE da persoa solicitante.

2. DNI/NIE persoa representante.

3. NIF da entidade representante.

4. Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

5. Consulta de concesións de subvencións e axudas.

6. Consulta da titularidade catastral.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG nº 214 do 5 de novembro de 1999).

    • Corrección de erros.-Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG nº 218 do 11 de novembro de 1999).

    • Lei 3/2009, do 23 de xuño, pola que se modifica o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG nº 126 do 30 de xuño de 2009).

    • Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121 do 25 de xuño de 2007).

    • Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2009).

    • Corrección de erros.- Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2009).

    • Corrección de erros. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 61 do 30 de marzo de 2009).

    • Resolución do 26 de novembro de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio, e se establece a súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto (DOG nº 5 do 9 de xaneiro de 2025).

    • Extracto da Resolución do 26 de novembro de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio, e se establece a súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto (DOG nº 5 do 9 de xaneiro de 2025).

  • Ámbito Estatal
    • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276 do 18 de novembro de 2003).

    • Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións (BOE nº 176 de 25 de xullo de 2006).

    • Corrección de erros do Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 270 do 11 de novembro de 2006).

    • Lei 39/2015, da 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (BOE nº 236 do 2 de outubro de 2015).

Outros procedementos relacionados

AU113A

Autorización de obras ou traballos no dominio público hidráulico ou zona de policía de leitos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU113C

Actuacións menores no dominio público hidráulico e zona de policía

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU114A

Autorización de verteduras de augas residuais (tramitación ordinaria).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU208A

Concesión de augas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano